Unha manifestación percorre as rúas do Porriño en solidariedade co persoal de Maderas Iglesias
Varios centos de persoas participaron este sábado na manifestación convocada polo comité de Maderas Iglesias (CIG, CCOO e UGT) no Porriño para denunciar os incumprimentos da dirección, entre eles o impago de salarios, e para reclamar medidas que permitan a supervivencia da empresa dedicada á fabricación de tarima flotante.
A marcha arrincou arredor das 11.00 horas da nave principal da compañía, situada en Pontellas, e rematou pasadas as 12:00 horas diante do Concello do Porriño. Durante o traxecto, no que os participantes ocuparon un carril da circulación, berráronse consignas como “Maderas Iglesias solución” ou “Queremos traballar, pero tamén cobrar”.
Ao remate da manifestación tomou a palabra o presidente do comité, Vicente Molares, da CIG, quen agradeceu a solidariedade de todas as persoas que participaron na mobilización e adiantou que no caso de que non se solucione o conflito laboral nas vindeiras semanas poderían convocar folga.