Unha lectura xeopolítica do triunfo de Trump

Juan Manuel Karg - 23 Nov 2016

Hai que volver interpretar o escenario internacional. A elección de Trump abre paso a unha lectura: detrás dos colapsos institucionais que se verifican na Unión Europea e os EEUU, a saída -parcial- parece vir de outsiders conservadores

 Este artigo xorde a partir da conmoción mundial en relación ao triunfo de Donald Trump en EEUU. Pretendemos abordar algúns puntos para ter unha lectura xeopolítica dun feito que marca un antes e un despois no escenario global.

a) A poboación non vota sobre as expectivas do escenario internacional. Valórase o escenario interno, independentemente das terxiversacións que sobre ese plano poidan crear medios de comunicación e redes sociais. Os grandes conglomerados mediáticos do mundo, do mesmo xeito que o sistema financeiro internacional, esperaban outro resultado: o triunfo de Hillary Clinton. O mesmo que sucedeu en Colombia e en Gran Bretaña, co plebiscito pola paz e o Brexit, respectivamente.

b) Trump gañou o voto da clase obreira industrial, falando contra os TLC. Este elemento foi o menos considerado pola mass media internacional: detrás do pirotécnico xenófobo tamén había un candidato que se dirixía a un sector desencantado pola “fin do soño americano”, tras a crise iniciada en 2008. Non foi demasiado creativo: usou o mesmo slogan que a dupla Reagan-Bush en 1980: “Make America great again”, o que tamén coincide cunha visión da inserción global de EEUU. Pero así gañou en estados chave como Florida e Carolina do Norte, e industriais como Ohio, que incidiron no resultado final. Tivo uns magníficos resultados no interior do país, lonxe dos grandes centros urbanos que lle deron as costas coñecendo os seus exabruptos.

c) Hai un debilitamento de EEUU no plano internacional. Trump gañou cuestionando o NAFTA, acordo comercial asinado por Bill Clinton en 1994, xunto a México e Canadá. Tamén mostrándose contrario ao TPP (Acordo Transpacífico) que Obama impulsou en detrimento de China. A súa perspectiva, polo menos discursiva, foi illacionista. Estas dúas variábeis poden explicar a tranquilidade de Moscova e Beijing ante o novo escenario aberto, que confirma o debilitamento do poder hexemónico en declive. Rusia espera un debilitamento da estratexia intervencionista de EEUU: interpreta que a poboación pediu a Trump que mire fronteiras dentro e abandone aventuras como Libia e Siria, patrocinadas pola ex Secretaria de Estado derrotada nas urnas.

d) América Latina espera con incerteza. Na nosa rexión, algunhas chancelarías -non particularmente as de gobernos progresistas ou de esquerda- xogaron todas as súas fichas a un hipotético triunfo de Clinton. Fixeron o que pedían as institucións, os mass media e o sistema financeiro internacional. Tamén son perdedores na contenda: chegaron tarde e xogaron a fondo, algo que adoita cobrarse (non en termos económicos, senón políticos). Un erro descomunal na diplomacia, que non é bo naturalizar. Unha das incertezas reside na normalización diplomática que Washington planificaba coa Habana baixo a dirección do propio Obama: que sucederá con ese proceso?, desincharase?

e) Hai que volver interpretar o escenario internacional. A elección de Trump abre paso a unha lectura: detrás dos colapsos institucionais que se verifican na Unión Europea e os EEUU, a saída -parcial- parece vir de outsiders Hai un deficit indubidábel nos contrapuntos, polo menos electoralmente: a Corbyn non o beneficiou o Brexit (aínda que volveu gañar a interna do seu partido, con comodidade), a Podemos non o beneficiaron as eleccións 2016 no Estado español (aínda que o voto implícito do PSOE ao goberno de Rajoy o para como única alternativa real), e as proxeccións de Melenchon en Francia de cara ás presidenciais 2017 parecen ser limitadas. Nin que falar de Sanders, que tras unha elección interna descomunal tivo que deixar que Clinton sexa quen en fronte ao pirotécnico Trump, pola elección dos “superdelegados” demócratas (en detrimento de gran parte da base demócrata, que acompañou con entusiasmo o seu intento de ‘revolución política’).

 A ‘dereita’ parece interpretar mellor que a ‘esquerda’ a actual vaga, nutríndose de lugares comúns e medos (acaso o debate sobre os refuxiados na UE, onde Francisco ten a posición máis progresista contra os muros, é moi diferente aos exabruptos de Trump sobre México?) e tamén de vantaxes obxectivas (maiores recursos e pragmatismo). A tarefa das forzas nacional-populares, progresistas e da esquerda da rexión é interpretar o momento histórico que se abre tras esta elección, e proporcionar os mecanismos para facer competitivas ás opcións que se propoñen unha orde alternativa, sen renunciar ás bandeiras de xustiza social.

 

[Artigo tirado do sitio web Actualidad RT, do 9 de novembro de 2016]