Unha guerra que chegou para quedar?
En lugar de buscar a paz e cambiar a estratexia belicista e levar as partes a unha mesa de negociación, a Unión Europea, o Tratado do Atlántico Norte e Estados Unidos seguen botando gasolina ao conflito, producindo moitos máis mortos e destrución
Conforme se desvanece calquera perspectiva dunha solución pacífica ao conflito en Ucraína, cómpre lembrar que a guerra que devastou este país é o resultado tráxico da teima dos Estados Unidos e os seus socios en reducir a Rusia á completa irrelevancia xeopolítica, e o seu afán de inflixirlle a máxima humillación posíbel en momentos en que esta xa non representaba ningunha ameaza para a seguridade de Europa e moito menos de Washington.
É difícil de comprender esta guerra de nunca acabar, mais o mundo está a ser conducido –con rapidez– ao estouro dunha confrontación nuclear, quizais a última, por implicar armamento que pode exterminar a poboación do planeta. Mentres seguen os ataques contra a central nuclear de Zaporozhye, a maior de Europa, que conta con seis reactores de auga presurizada e unha capacidade total de 6 000 megawatts.
Non hai dúbida: todo o que aconteza alí pode afectar os países do vello continente. No peor dos casos, os compoñentes radioactivos pódense espallar e actuar contra a vida de millóns de persoas. Por iso é que polo varios analistas alertan de que a guerra en Ucraína deixou ao descuberto que os Estados Unidos usan a poboación ucraína como carne de canón, para dobregar a Rusia e enfiar todos os seus canóns contra China.
Moscova advertiuno desde un primeiro instante: «Non permitiremos que os cidadáns rusos ou de orixe rusa que viven na rexión do Donbás sexan masacrados coas constantes agresións». Estados Unidos impón a súa política ao redor de Ucraína; armar a esa nación e sancionar e desestabilizar a Rusia.
Obviamente, pódese falar dos soños expansionistas do presidente ruso Vladmir Putin. Pero máis aló das sancións contra Rusia, a inxente axuda militar de Washington e os seus aliados ao goberno ucraíno tampouco parece capaz de evitar unha prolongación do conflito e moito menos unha rendición de Moscova.
Mais nin as sancións nin a asistencia militar van influír no ánimo dos contendentes; pero están a lograr facer máis irredutíbel a postura do comediante presidente ucraíno Volodomir Zelensky de non negociar con Rusia e confirman a percepción do Kremlin de que o goberno de Kiev é a punta de lanza dunha agresión occidental en contra de Rusia.
A subministración de equipos avanzados de artillaría a Kiev non só garante importantes ganancias ás transnacionais armamentistas estadounidenses, e encirra o conflito, senón que pode complicalo e internacionalizalo con consecuencias moi perigosas para o mundo: son cada vez máis frecuentes os ataques ucraínos a obxectivos en territorio ruso, accións que dificilmente se poderían realizar sen os sistemas de artillaría de longo alcance proporcionados por Estados Unidos ás forzas ucraínas.
Tyler Durden no portal ZeroHedge, amosa a incendiaria declaración do novo dono de Twitter, Elon Musk, quen dixo que a anterior directiva “censurou a historia da laptop de Hunter Biden xusto antes das eleccións en Estados Unidos de 2020” .
Hunter, fillo do presidente estadounidense Joe Biden, protagonizou un dos escándalos da campaña, pola súa vinculación laboral cunha empresa enerxética ucraína, de nome Burisma, que chegou a pagarlle 50.000 dólares mensuais. Formou parte da súa xunta directiva durante cinco anos, e aceptou o posto en 2014, cando o seu pai era o número dous de Barack Obama.
Esnaquizar Rusia
O ascenso de Vladimir Putin e a súa prolongada permanencia no poder da man dun discurso chovinista, desdeñoso dos valores occidentais, non se explica sen o financiamento e a asesoría de Washington e a Unión Europea a grupos políticos hostís ao Kremlin tanto dentro de Rusia como nas nacións que conforman a súa periferia.
A hostilidade non é nova e esta guerra non se explica sen considerar os golpes de estado para instalar gobernos afíns a Occidente no espazo postsoviético; o despregamento de sistemas de mísiles que apuntan a Moscova e, sobre todo, a aberta provocación de ampliar continuamente cara ao Leste as fronteiras da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) despois de 1991.
O curioso é que esta alianza militar controlada por Estados Unidos perdeu toda razón de ser coa disolución da Unión Soviética (URSS, hai tres décadas), foi sumando novos membros, cada vez máis próximos ao territorio ruso, e a anexión de Ucraína a esta puxo os mísiles inimigos a só 400 quilómetros de Moscova, unha ameaza considerada insoportábel para a integridade rusa, provocación que precipitou a invasión en febreiro deste ano.
Máis presión
O xoves último, o ultradereitista goberno polaco impediu ao ministro ruso de Relacións Exteriores, Serguei Lavrov, entrar na cidade de Lodz, onde se realizaba unha reunión do Consello de Ministros da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), noutro acto hostil, que violentou as máis elementais convencións diplomáticas, Lavrov convocou unha conferencia de prensa na que declarou imposíbel o restablecemento dos vínculos entre o seu país e Occidente.
Ao día seguinte os 27 membros da Unión Europea, Estados Unidos, Canadá, Xapón e Australia acordaron impor un tope de 60 dólares por barril ao petróleo ruso, co propósito de pechar a Moscova a súa principal fonte de ingresos e forzala a se retirar de Ucraína. A medida de guerra financeira impide a toda empresa con negocios neses territorios xestionar cargamentos de cru ruso en todo o mundo, a menos que se venda por baixo do monto fixado.
Rusia afirmou que estes pasos terán como resultado inevitábel o aumento da incerteza e a imposición de maiores custos para os consumidores de materias primas. Washington e os seus aliados argumentan que se trata dunha medida necesaria para impedir que Moscova conte con recursos monetarios para manter a súa incursión militar en Ucraína.
Ninguén explica como esta peculiar sanción económica inflúa no curso da guerra, cando Rusia segue vendendo petróleo a 79 dólares por barril nos mercados asiáticos; mentres é difícil que a maioría dos importadores do hidrocarburo vaia acatar a pauta imposta polo G7 e a UE. O propio presidente ucraíno, Volodymir Zelensky, tan decidido a masacrar o seu pobo, aclarou que Moscova seguiría recibindo recursos para manter a súa operación militar especial.
Seguramente se trate outra sanción búmerang: que este prezo tope incremente a penuria enerxética que padece Europa occidental como consecuencia das súas propias decisións, as cales xa deixaron sen o gas ruso a diversos países que dependían dese combustíbel en maior ou menor medida.
E ademais, Rusia respondeu o tope de prezo para as súas exportacións petroleiras cunha nova vaga de bombardeos á infraestrutura eléctrica de Ucraína, anulando así os esforzos feitos por Kiev para reconstruír as súas plantas e redes de electricidade, un insumo criticamente con temperaturas invernais por baixo de cero.
Moscova advertiuno desde un primeiro instante: «Non permitiremos que os cidadáns rusos ou de orixe rusa que viven na rexión do Donbás sexan masacrados coas constantes agresións». «Non podemos permitir que os Estados Unidos e a OTAN tenten cercar Rusia, levando modernas armas até a súa fronteira con Ucraína», engadiu.
Ambas as razóns ben que puideron ser parte dun diálogo sen inxerencia de terceiros países e, por suposto, sen a arrogante presenza da OTAN como eixo impulsor da guerra. Nestes meses a Unión Europea só entorpeceu a procura da paz en torno ao conflito e crear unha situación económica e social adversa, en detrimento de as súas propias nacións.
En lugar de buscar a paz e cambiar a estratexia belicista e levar as partes a unha mesa de negociación, a Unión Europea, o Tratado do Atlántico Norte e Estados Unidos seguen botando gasolina ao conflito, producindo moitos máis mortos e destrución. No nome da democracia?
[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 6 de decembro de 2022]