Unha farmacia de Narón descóntalle máis de 300€ da nómina á delegada do persoal por facer uso das horas sindicais

A CIG-Servizos concentrarase diante do estabelecemento en resposta a esta práctica abusiva
Narón - 06 Nov 2025

A farmacia de Narón 365 descontoulle á delegada do persoal máis de 300 euros da nómina polo simple feito de facer uso das horas que o Estatuto das persoas traballadoras reserva para quen ostenta a representación legal do persoal. A empresa alega que as horas non están debidamente xustificadas por parte da CIG, malia que son comunicadas conforme a dereito e do mesmo xeito que ás ducias de empresas nas que a central nacionalista ten representación na comarca de Ferrolterra e que nunca xerou controversia.

Diante deste ataque aos dereitos sindicais, a CIG-Servizos vai realizar unha concentración diante da farmacia o vindeiro 14 de novembro, ás 12:00 horas, en rexeitamento ás prácticas laborais abusivas levadas a cabo propietario do estabelecemento.

Dereito regulado no ET

A CIG-Servizos lembra que o creto horario sindical é un dereito regulado no Estatuto das persoas traballadoras que concede horas retribuídas ás persoas que ostentan a representación legal do persoal para exercer as súas funcións de representación. O número de horas vén determinado en función do tamaño do centro de traballo, sendo neste caso que a delegada de ten dereito ao mínimo legalmente establecido, isto é, quince horas mensuais. E aínda que non se require de autorización previa por parte da empresa si teñen que ser preavisadas cun mínimo de 48 horas de antelación ao seu uso.

“Durante os meses de setembro e outubro do presente ano cada vez que se comunicaba o uso das horas sindicais a empresa respondía ameazando a traballadora con realizar o desconto do salario correspondente ás horas libradas, mais en ningún momento se esperaba que finalmente executase ditas ameazas, posto que é unha decisión que non ten lóxica nin sustento legal”, apunta Marcos del Río, secretario da CIG-Servizos de Ferrol.

Engade que, a pesar de que a empresa se ampara en sentenzas que matizan o uso do creto sindical, a interpretación que se fai delas por parte da compañía “é excesivamente extensiva, chegando a facer interpretacións no propio beneficio da empresa que nin o propio Tribunal Supremo fai”.

Por todo isto, ademais de emprender a vía legal, a CIG-Servizos tamén acordou realizar esta concentración para exixir que se respecten os dereitos sindicais e que a empresa cese neste tipo de prácticas.