Unha empresa de axuda a domicilio despide a unha traballadora que sofre acoso 'para manter a paz social'
A CIG-Servizos quere denunciar publicamente a situación que está a vivir unha traballadora do servizo de axuda a domicilio de Ferrol, a quen a UTE Óptima Facility Services despediu "para manter a paz social na empresa". Dáse a circunstancia de que a traballadora sufría unha situación de acoso por parte de dúas compañeiras, pero no canto de adoptar medidas contra as responsábeis, a empresa optou por darlle carta de despedimento, castigando así a vítima por partida dobre.
Para a CIG-Servizos esta actuación vulnera claramente os dereitos da traballadora polo que, no acto de conciliación que se vai celebrar este venres, pedirase a nulidade da rescisión e a reincorporación inmediata da empregada. Neste senso, Fernando Balsa, da CIG-Servizos de Ferrol, apunta que, aínda que na carta de despedimento se alega falsamente unha diminución voluntaria do rendemento, a propia empresa recoñece que se trata dun despedimento improcedente.
Pero o máis grave, subliña, é que nas reunións conxuntas que a CIG promoveu coa empresa, o Concello de Ferrol e os diferentes grupos políticos para buscar unha solución, ao representante de Óptima Facility Services non lle tremeu a voz ao recoñecer a existencia dun conflito no servizo de axuda domiciliaria, aseverando que a empresa non ten "ningunha queixa contra a traballadora" e que o despedimento se aplicaba "para manter a paz social".
Coa súa decisión, a empresa protexe as responsábeis do acoso e vulnera os dereitos da traballadora vítima, deixándoa desamparada e na máis absoluta indefensión. "Non imos consentir que os traballadores e as traballadoras perseguidas e acosadas sexan as despedidas ou que non se protexan os seus dereitos fundamentais", asevera Balsa.
Entrada no servizo por cesión da anterior adxudicataria
Cómpre precisar que Óptima Facility Services non entrou no servizo de axuda a domicilio por concurso, senón pola cesión da contrata por parte da anterior adxudicataria -Aras Multiservicios-, cando aínda quedaban dous anos para o remate da concesión. Este traspaso produciuse o pasado 1 de decembro.
A este respecto, Balsa denuncia a prepotencia coa que actúan estas grandes empresas de servizos "que acceden a contratos públicos sen sequera ter concursado". E nesta liña, reclama do Concello de Ferrol que actúe con contundencia e non permita este tipo de atropelos, chegando, se fose necesario, a rescindir o contrato con Óptima.
A empresa non tomou medidas para solucionar a situación de acoso
A situación de acoso e persecución da traballadora agora despedida, vénse producindo dende hai tempo e xa fora posta en coñecemento do responsábel da anterior adxudicataria. Naquel momento, o empresario desatendeu a denuncia, recomendando á traballadora que non mantivera contacto coas outras dúas compañeiras -algo que na práctica era imposíbel-, pero sen adoptar ningunha medida nin para comprobar o que estaba a ocorrer nin para por fin á situación de acoso.
Mais á contra, promoveu que as dúas persoas que exercían o acoso se presentaran como delegadas sindicais, saíndo elixidas e reforzando así o seu comportamento hostigador, que se concretaba no envío de mensaxes intimidatorias, colgarlle o teléfono, golpear a súa mesa, tirarlle os papeis, etc.
Houbo mesmo un intento de aplicar a traballadora un despedimento obxectivo, que finalmente quedou anulado. Coa chegada da nova empresa a actitude das acosadoras continúa igual até que, tan só 20 despois da entrada no servizo, Óptima entrégalle a carta de despedimento.
Á espera do resultado do SMAC, dende a CIG-Servizos xa adiantan que, de non asumir a empresa a readmisión da traballadora e compromisos de resolver a situación de acoso, a loita continuará por vía xudicial. E demandaranse responsabilidades tanto da actual adxudicataria como da anterior.