Unha denuncia da CIG obriga a Ilunion a facer indefinido persoal eventual e fixo descontinuo
Ilunion Servicios Industriales, centro especial de emprego do grupo ONCE cuxo persoal presta servizo nas principais empresas da automoción de Vigo e Ourense, veuse na obriga recentemente de transformar en indefinidos contratos eventuais e fixos descontinuos tras a denuncia presentada pola CIG diante da Inspección de Traballo por fraude na contratación.
A resolución da autoridade laboral establece que a relación laboral de Ilunion con persoas traballadoras contratadas a través de ETT esténdese durante máis de 12 meses, <<polo que non se cobren necesidades temporais da empresa usuaria, senón necesidades fixas ou permanentes>>. Tamén constata que non se produciu inactividade, ou que a que se produciu foi inferior a un mes.
Polo que a Inspección resolve que a relación laboral é indefinida ordinaria e non fixa descontinua ou eventual, que foron as modalidades de contratación escollidas por Ilunion. De xeito que obrigou o centro especial de emprego do grupo ONCE a transformar eses contratos en fixos ordinarios e en indefinidos.
A federación de Industria da CIG de Vigo decidira presentar denuncia contra Ilunion na Inspección de Traballo por fraude na contratación tras constatar que a empresa abusaba tanto dos contratos mediante ETT como da modalidade de contratación fixa descontinua.
Dende a central sindical celebran a decisión da autoridade laboral e denuncian que Ilunion bote man das cadeas de subcontratación a través de ETT “para esquivar a obriga de ter que contratar persoal con discapacidade, xa que o fin último dos centros especiais de emprego é precisamente a inserción laboral das persoas con discapacidade”.
A CIG-Industria mantén dende hai anos unha intensa loita para denunciar a explotación laboral que padecen as persoas con discapacidade contratadas por Ilunion, con salarios inferiores aos do sector, sometidas a altos ritmos de traballo e sen que se lles ofreza a formación obrigatoria. Unha loita que está a ser reprimida pola empresa con despidos, sancións, acoso e represión sindical contra delegados/as e traballadores/as afiliados/as da central.