Unha delegación da CIG acode aos actos enmarcados na celebración da Diada de Catalunya

Internacional - 15 Set 2025

Unha delegación da CIG estivo presente en Barcelona para participar nos distintos actos convocados durante a xornada da Diada de Catalunya acompañando a Intersindical-CSC. A central sindical do ámbito do soberanismo chamou a clase traballadora a mobilizarse no día nacional de Catalunya e destacou a importancia da loita sindical para garantir os dereitos e a xustiza social nunha nación soberana.

No presente ano enchéronse as rúas de Barcelona, Girona e Tortosa a fin de denunciar os ataques á nación catalá, o espolio fiscal ou o retroceso na protección da lingua catalá. Nomeadamente,  foi central a reivindicación da lingua catalá e a denuncia dun novo ataque contra o idioma mediante a anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC), na véspera da Diada Nacional, coñecida como Vigília, da maior parte do decreto de ensinanza que aspiraba a protexer  e blindar o uso da lingua catalá no ensino.

Baixo o lema Més motius que mai. Independència, a Assemblea Nacional –entidade organizadora-, Òmnium Cultural, o Consell de la República, a Intersindical e o CIEMEN chamaron a unha xornada de mobilización descentralizada. A delegación galega, constituída pola CIG e outras organizacións do movemento nacionalista galego, participou xunto coas delegacións internacionais na manifestación convocada en Barcelona na tarde do día 11.

Mediante a súa presenza, a CIG reitera o compromiso co sindicalismo soberanista e coa clase traballadora da nación catalá na súa loita por unha nación libre e soberana, con dereito a decidir sobre o seu futuro, e pola centralidade neste proceso da construción dun sistema económico xusto e dun sistema produtivo ao servizo do pobo traballador.

Visca la Terra! Visca la classe treballadora!