Unha delegación da CIG acode ao V Congreso de OSTA Aragón

Internacional - 13 Nov 2025

Durante as xornadas do 10 e 11 de novembro celebrouse en Zaragoza o V Congreso da organización sindical OSTA de Aragón baixo o lema A Ixena, expresión que en aragonés significa “todos e todas xuntos/as” e que serve para dar conta da aposta sindical pola forza e cohesión, tanto interna como da clase traballadora para faceren fronte aos ataques do capital. A delegación galega, conformada por Xosé Lois Rivera e Amanda Rei, do Departamento de Relacións Internacionais e Cooperación, estivo presente durante estas dúas xornadas.

A tarde do 10 no Centro Pigatelli a central aragonesa desenvolveu un encontro para presentar o libro Caminando enta lo Contrapoder.  Historia d’a Organización Sindical de Treballadors d’Aragón Osta (en galego, Camiñando cara ao Contrapoder. Historia da Organización Sindical de Traballadores de Aragón Osta), froito do seu Grupo de Estudos Sindicais Tita Bravo, dos autores Jon de Las Heras e Ignacio Messina. Este último, alí presente, incidiu nas condicións de nacemento do proxecto sindical mediante o proceso constituínte culminado en 2002, así como tamén na definición e obxectivos que configuran o modelo sindical da OSTA: unha resposta autocentrada que atenda as problemáticas e reivindicacións da clase traballadora aragonesa e que se constrúa fiel aos principios dun sindicalismo de contrapoder, afastado do marco do diálogo social e co conflito como principal motor de cambio social.

A caixa de resistencia 

Posteriormente, tivo lugar unha charla debate arredor da importancia da caixa de resistencia, un dos logros do sindicato aragonés desta última lexislatura que se expón como fito histórico. Nela interviñeron o propio sindicato OSTA, ELA e a CIG, representada por Xosé Lois Rivera. Este recordou a importancia da caixa de resistencia como ferramenta de solidariedade e como garantía para a reivindicación e o desenvolvemento de demandas concretas a través da folga, como instrumento para a creación de conciencia colectiva de clase e pola soberanía do noso país que contribúa a mudar este inxusto modelo social, sen esquecer a necesidade da organización e planificación, para alén de que a folga é o expoñente máximo do propio conflito após o esgotamento das vías previas de mobilización.

Debate dos relatorios e definición das liñas estratéxicas

Durante a xornada do 11 celebrouse o V Congreso Nacional de OSTA no Teatro de Las Esquinas de Zaragoza, en que as persoas congresistas, cerca de 150, debateron sobre o informe de xestión presentado pola Executiva Nacional saínte e arredor do relatorio sindical para definir as liñas estratéxicas dos próximos catro anos. Cómpre lembrar que a aposta da organización aragonesista está a consolidarse a través dun crecemento afiliativo continuado e que superaron con grandes expectativas o aumento da representación esperado, chegando a unha porcentaxe de incremento do 35% coas cerca de 900 persoas delegadas coas que xa contan.

Así mesmo, presentáronse tres resolucións especiais como parte fundamental da liña de acción sindical futura: unha relacionada coa necesidade de desenvolvemento dun marco propio de relacións laborais en Aragón; a segunda, pola vía aragonesa que sitúa a soberanía social e económica como saída á crise sistemática do capitalismo, e a última, contra a violencia de xénero, con especial incidencia no ámbito laboral, a fin de garantir o compromiso sindical feminista e un posicionamento activo nesta loita.

Intervención da CIG durante o congreso

As delegacións internacionais convidadas, entre elas a CIG, tiveron oportunidade de dirixirse ao congreso en diferentes momentos do día. A representante da central galega Amanda Rei, alén de parabenizar o percorrido de OSTA, recordou na súa intervención algúns dos conflitos e reivindicacións latentes na nación galega, tanto a nivel laboral –a recente folga da construción encadrada na demanda dun marco galego de relacións laborais, a loita das traballadoras do SAF e a demanda dun sistema de público de coidados etc.- como social, e destacou algunhas das problemáticas comúns entre os dous territorios, como o espolio enerxético, o afogamento do sector primario ou a lacra dos incendios, a correspondente falta de medidas institucionais e a precarización e falta de profesionalización deste sector.

 A media tarde producíronse as votacións das candidaturas para a conformación da nova Executiva Nacional, integrada por 9 representantes de cada unha das secretarías, e foi reelixido David Lázaro como Secretario Nacional da organización. O seu discurso de clausura, alén de enxalzar o papel da afiliación implicada, centrouse nos positivos resultados do arduo traballo que desenvolveu a central sindical, desde a cohesión e coherencia, co principio de defensa do pobo traballador aragonés e coa loita de clases para situar os retos dos próximos catro anos, con ilustrativos exemplos das problemáticas e conflitos persistentes no territorio.

A presenza da CIG constatou a sólida relación entre os dous sindicatos, que camiña cara ao afianzamento e que aspira á solidariedade e ao coñecemento mutuo entre as clases traballadoras galega e aragonesa, das súas problemáticas e dos conflitos que atravesan.