“Unha cuña non é un paritorio. Que remate a tortura no materno da Coruña”
“Unha cuña non é un paritorio”, “que cese a tortura no Materno da Coruña” ou “queremos abortar con epidural” foron algunhas das consignas que se escoitaron na protesta a través da que a Plataforma puxo en evidencia as graves eivas que se dan na área sanitaria da Coruña no referido á atención ás mulleres que teñen que abortar no segundo trimestre do embarazo.
En nome do colectivo, Margarida Corral, explicou que o pasado mes de xuño, a Plataforma remitiu un escrito ao Xerente da área sanitaria, e ás directoras médica e de enfermaría, no que describen como ten que ser a atención ás mulleres que se atopan nesta situación, segundo os protocolos e recomendacións internacionais.
“Porén, pasados sete meses, non obtivemos ningunha resposta e toda a información que nos chegou da Xerencia son as declaracións que realizaron a través da prensa motivadas pola convocatoria desta mobilización”, denunciou. Fronte a pasividade da administración sanitaria galega, Corral subliñou que non se trata de “casos anecdóticos, senón que se producen día a día”.
A Plataforma aclara que, en Galiza, para as mulleres que deciden a interrupción do embarazo por motivos terapéuticos, só se ofrece o procedemento de indución e se a muller decide que quere unha extracción con sedación (en quirófano) é derivada a unha clínica privada-concertada en Madrid. “Na área sanitaria da Coruña, e en xeral na rede publica de saúde do Sergas, non se garante a atención personalizada ás mulleres que se atopan nesta situación e nin sequera hai un protocolo estabelecido para prestar esta atención”, matiza Margarida Corral.
“O que esiximos é que as mulleres que van parir un feto morto teñan a mesma atención que no parto dun feto vivo e, polo tanto, que estean atendidas en todo momento polo persoal sanitario adecuado e nunhas condicións axeitadas”, afirmou Corral. “Coñecemos moitos casos de mulleres que se viron obrigadas a parir na mesma habitación de ingreso e ás que nese momento se lles dá unha cuña para que expulsen o feto. Sabemos de mulleres que tiveron que coller os seus propios fetos mortos coas súas propias mans. Por riba de ter que enfrontar o trauma psicolóxico da perda dun embarazo desexado, téñeno que vivir en absoluta soidade e falta de información”, criticou.
O que din os protocolos internacionais fronte á realidade
Fronte a esta realidade, o colectivo describe como deberían ser as fases do proceso de indución e o persoal sanitario que debería participar no mesmo para garantir a adecuada asistencia á muller, segundo os protocolos internacionais. Así, indican que antes do aborto, o persoal médico ten que realizar á muller un exame pélveco e unha ecografía de confirmación da idade xestacional, informando dos detalles do procedemento e ambos asinarán o consentimento informado. Debería haber tamén unha consulta de anestesia.
A preparación do colo uterino faise con mifepristona e misoprostol e cómpre dispor da analxesia precisa para cada caso e momento do proceso. Así mesmo, a muller estará deitada, en zona privada, fóra das salas de dilatación e parto. Os comprimidos de misoprostol poden ser inseridos na vaxina pola mesma muller ou, se ela o prefire, polo persoal sanitario, con controis regulados de evolución.
Toda a dilatación e o parto teñen que estar monitorizados e asistidos por unha matrona ou enfermeira obstétrica. O expulsivo realizarase con epidural ou anestesia e de non ser posíbel, analxesia con sedación.
Logo da expulsión fetal adminístrase un axente uterotónico, faise unha exploración e examínase o feto e a placenta. En todo momento, os restos permanecerán fóra da vista da muller e a muller gardará repouso no local habilitado, atendida por persoal sanitario até pasar ao cuarto de hospitalización, e logo, ser dada de alta.
Porén, o procedemento que se segue no materno da Coruña é ben distinto, afirma a Plataforma, xa que a muller que decide a interrupción do embarazo pasa a unha habitación individual no servizo de Tocoxinecoloxía, non hai posibilidade de pór epidural e só poden recibir analxesia, prescrita pola/o xinecóloga/o e administrada por persoal da planta de hospitalización.
Non hai constancia de que o exame pélveco ao ingreso se faga por un/ha xinecólogo/a e este ten lugar na sala de exploración da planta de ingresos de xinecoloxía. Da aplicación do misoprostol (realizada na sala de exploración ou na habitación en planta) encargarase unha matrona, que no caso da Coruña só está na quenda de mañá, despois encargarase unha enfermeira ou a propia muller.
Igual acontece co monitoreo da indución, se é pola mañá a muller será atendida por unha matrona, pero se non está ou é pola tarde/noite unha enfermeira acudirá se é chamada, pero en ningún caso partea. No momento do expulsivo, ás veces ocorre que a muller teno soa, sen estar atendida polo persoal profesional, sen epidural nin sedación, e na propia habitación de ingreso. Na atención do postexpulsivo, se é pola mañá, haberá unha matrona, senón a/o xinecóloga/o de garda, se é avisada/o. En ningún momento se garante que os restos permanecerán fóra da vista da muller.
A Plataforma esixe garantías
Un procedemento, como se pode comprobar, ben alleo ao recomendábel. Por iso, dende a Plataforma esixen que se garanta que a muller estea atendida durante todo o proceso de indución, do expulsivo e despois deste por unha matrona. Que se garanta o apoio emocional á muller durante todo o proceso, tendo en conta as súas necesidades, inquedanzas e desexos para poder abortar de xeito integral a súa saúde física e psíquica. Así como garantir a mesma atención que nun parto: expulsivo nunha sala axeitada, con posibilidade de anestesia,e atendida por profesionais de xinecoloxía ou matrona.Ao remate da protesta, a Plataforma aproveitou para rexistrar tamén centros de escritos dirixidos á Xerencia do CHUAC reclamando que se garanta unha atención integral e de calidade e un aborto digno para todas as mulleres.