Unha caravana de persoal do ensino concertado percorre Vigo e A Coruña por melloras laborais e salariais

A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións acordadas ante a falta de vontade negociadora da Consellaría
A Coruña/Vigo - 28 Mai 2026

Na tarde deste xoves,  persoal traballador do ensino concertado de Galiza marchou en caravana de vehículos polas rúas de Vigo e da Coruña amosando o seu malestar coa Consellería de Educación pola falta de vontade de sentar a negociar ningunha das condicións laborais e salariais que o colectivo leva reclamando dende hai case 20 anos.

A mobilización saíu por volta das sete da tarde da explanada de sindicatos na Coruña e do Liceo Marítimo de Bouzas, en Vigo. Despois de percorrer as principais rúas e avenidas de ambas cidades, a caravana rematou cunha concentración diante do edificio da Xunta en Monelos, no caso da Coruña, e no mesmo punto de partida, no caso de Vigo.

As organizacións sindicais destacan tres puntos prioritarios nas demandas á Consellaría, para facilitar un acordo coa administración galega “que no seu momento deu o compromiso de poñer todo o resto de temas enriba da mesa”.

Este puntos prioritarios son:

  1. Desbloqueo da Disposición Adicional 12ª dos Orzamentos, que impide a execución do Acordo do 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e calidade do ensino, publicado no DOG do 30 de maio de 2008, coa subida salarial actualizada. A representación social propón a firma dun novo acordo de condicións laborais do ensino concertado onde se aborden tanto o aboamento dos complementos económicos actualizados como a redución da carga lectiva co conseguinte incremento de cocientes.
  2. Addenda ao acordo de xubilación parcial incluíndo a posibilidade de acceso para o persoal que ten parte da súa xornada en pago privado.
  3. Complemento salarial autonómico directo e finalista para o persoal de administración e servizos.

O pasado 5 de maio xa tivo lugar unha concentración do persoal delegado dos centros concertados fronte á Consellería, en Santiago de Compostela, trala cal as organizacións sindicais representativas do ensino concertado en Galiza presentaron unha nova solicitude de xuntanza. “Despois de tres semanas de espera seguemos a agardar algún tipo de acuse de recibo, pero a única resposta que tivemos foi o silencio”, critican.

Dentro do calendario de mobilizacións acordado tamén se prevé unha manifestación a finais de xuño e comezar o curso cunha folga no sector se non hai convocatoria da mesa negociadora tripartita e avances substanciais.

“A dignidade das persoas traballadoras do ensino concertado xa leva demasiado tempo a seres pisada. Por iso, solicitámoslle á Consellería que deixe o seu inmobilismo a un lado e se poña a traballar xunto connosco na mellora real das condicións laborais e salariais das persoas traballadoras do sector”.