Unha cadea humana de 3000 persoas reclama políticas urxentes para reverter a profunda crise laboral, económica e social de Ferrolterra
Unha cadea humana formada por arredor de 3000 persoas uniu esta mañá a casa do Concello de Narón e a Praza de Armas de Ferrol nun berro para esixir medidas urxentes que revertan a crise económica, laboral e social na que está somerxida a comarca, agravada agora pola falta de carga de traballo no naval, o desmantelamento da central das Pontes ou a perda continuada da capacidade produtiva nos sectores industrial, agroalimentario ou marisqueiro.
A acción de protesta desenvolveuse no marco da xornada de folga parcial de catro horas (das 10 ás 14h) que as organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO tiñan convocada para este xoves en Ferrolterra, para facilitar a asistencia á mobilización.
A cadea humana comezou a tomar forma por volta das 11:00 horas, estendéndose dende a Praza de Armas de Ferrol, a rúa Galiano e toda a estrada de Castela até a Casa do Concello de Narón. Preto de catro quilómetros nos que se foron colocando os milleiros de persoas que participaron desta chamada de auxilio e na que se puideron ver pancartas relativas á falta de carga de traballo no naval, o desmantelamento de Noa Madera Creativa, a transición enerxética e as súas consecuencias nas Pontes, a situación calamitosa da Ría, ou na defensa dos servizos públicos.
Faltan actuacións políticas decididas
"Con esta acción pretendemos recuperar toda esa presión social que precisamos para que o Goberno español e a Xunta actúen politicamente e poñan en marcha as medidas necesarias, porque Ferrolterra está na UCI e sen respirador", aseveraba o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal. Neste senso, criticou que os Orzamentos Xerais do Estado "esqueceron novamente esta comarca", tanto no que ten a ver coa industria como nas infraestruturas, mentres que a Xunta, que ten as competencias en Industria, "non está a facer nada".
"Xogámonos o futuro da comarca"
Grandal puxo o acento na crítica situación do "pulmón industrial" da comarca, Navantia, "que queda paralizada sen ningún tipo de carga de traballo a partir do mes de marzo, co cal a pobreza laboral e o desmantelamento desta bisbarra está máis que anunciado". A este respecto, entende que resulta moi significativo que a propio Consello de Administración de Navantia (unha empresa pública) estea debatendo se ten que haber inversións ou non en Navantia Ferrol.
"A comarca non está en situación de pedir, senón de esixir. Xogámonos o futuro, para nós e para os nosos fillos e as nosas fillas, xogámonos poder vivir na nosa terra cun traballo digno. A desertización en Ferrol-Eume-Ortegal avanza a pasos axigantados, non hai expectativas e non hai ningún proxecto enriba da mesa que nos saque deste calexón", advertiu o secretario comarcal da CIG.
Inicio dun calendario de mobilizacións
Grandal referiuse aos elevados índices de pobreza e exclusión que rexistra Ferrolterra e a continuada emigración e perda de poboación "que parece o camiño que nos queren marcar, sen darnos alternativa". Fronte a isto, chamou a intensificar a mobilización e a presión social para lograr que o Estado e a Xunta "non nos deixen morrer de inanición, porque foron decisión políticas as que nos levaron a este monocultivo industrial e son decisións políticas as que nos teñen que sacar de aquí".
Manuel Grandal cualificou a acción deste xoves "de éxito" e avanzou que "supón o punto de arranque dun calendario de mobilizacións para denunciar a situación que estamos a padecer e reivindicar proxectos de futuro".