Unha agrupación empresarial madrileña explota persoal do mercado de Nadal de Vigo a través dunha ETT
A Agrupación de Empresarios en la Organización de Eventos, Ferias y Mercados de la Comunidad de Madrid (AMFE) explota laboralmente o persoal que atende os postos que xestiona no mercado de Nadal instalado na Alameda da Praza de Compostela de Vigo e coñecido como Cíes Market. Até o de agora facíao a través da ETT Synergie, mais tras a ruptura das relacións contrata directamente as traballadoras/as, que chegaron a facer máis de 12 horas sen descanso e nunhas condicións pésimas.
O conto de Nadal do alcalde de Vigo, Abel Caballero está a ser un pesadelo para moitas/os traballadoras/es do mercado instalado na Alameda da Praza de Compostela. Así o denunciaron hoxe as secretarias nacionais da CIG-Servizos e da CIG-Banca, Transi Fernández e Sefi Romero, que compareceron en rolda de prensa xunto a un grupo de afectadas/os para anunciar que a central xa lle trasladou á Inspección de Traballo o que está a acontecer en materia laboral: xornadas abusivas, baixos salarios, incumprimentos de contrato, despidos sen xustificar, vulneración das categorías profesionais, etc.
Pero non só se incumpre a normativa laboral, senón tamén a lexislación en materia de seguridade e saúde no traballo e en hixiene alimentaria, xa que se detectaron numerosas irregularidades nestas materias que xa foron postas en coñecemento tanto da Consellaría de Sanidade como do propio Concello de Vigo
Os produtos que se venden son manipulados por empregadas/os que non posúen a acreditación necesaria, “xa que os carnets de manipulación de alimentos danllos tras facer cursos por internet, e os cursos de prevencións de riscos igual”, algunhas das instalacións carecen de vitrina para protexer a comida e non contan con auga corrente, por non falar de que os carriños dos perritos quentes están conectados á corrente e non teñen toldo que os protexa da choiva, co perigo que iso supón. “Por non ter o persoal nin ten guantes suficientes, ademais de non contar con utensilios de resposto, o que obriga a utilizar as mans para manipular os alimentos”.
Pero as irregularidades aínda van máis alá, até o punto de que se está a utilizar como almacén de comida e bebida un baixo que antes acollía unha sucursal bancaria, situado no número 27 da Praza de Compostela. Trátase dunha instalación insalubre que foi limpada “usando a luz dos teléfonos móbiles porque non tiña nin iluminación e que non conta con sistemas de refrixeración”.
Concesión por un euro
Na comparecencia criticaron que a instalación do mercado fose anunciada polo Goberno local como unha oportunidade de negocio para as empresas locais e de fonte de emprego para a comarca, “pero a realidade é que non está xestionado por ningunha empresa ou colectivo empresarial de Vigo, senón que a concesión foille outorgada polo prezo simbólico dun euro a esta agrupación de empresarios/as madrileños/as”.
Neste senso, cualificaron de “esperpento” o proceso de licitación, até o punto de que na plataforma de contratación do Estado publicouse o 14 de novembro ás 23:20 horas e se establecía de prazo até o 21 de novembro, “pero nas hemerotecas da prensa local podemos ver que o día 20 xa estaba o mercado instalado”.
Logo atrasouse a inauguración por causas meteorolóxicas, “optando por anular os contratos coas traballadoras/es coa escusa de que se producira un erro informático”. A tónica xeral era a falta de organización e a improvisación, até o extremo de que moitas empregadas/os foron chamadas/os nalgunhas ocasións media hora antes de comezar a traballar.
A incompetencia é tal que mesmo contrataron persoal para vixiar as casetas que non contaba coa titulación regulamentaria
En virtude deste acordo fan un negocio redondo, xa que xestionan o alugueiro de casetas por cantidades que oscilan entre os 6000 e os 12000 euros, ademais de xestionar directamente varios negocios nos que se venden produtos de grandes marcas, así como os carriños de perritos quentes, palomitas ou algodón de azucre, e mesmo as atraccións infantís.
E todo baseado nunha explotación laboral brutal, até límites de escravitude. “O que pretendían era facer como se facía na colla, na descarga do peixe, en tempos: a ETT facilitaba o persoal con contratos e cando chegaban alí o encargado dicía 'viñestes 20 pero hoxe só nos fan falta 10', polo que aos demais se lles mandaba para casa”. Como consecuencia, houbo xente que lle fixeron contrato e non traballou, pero perdeu o paro.
De feito, houbo días que o mercado non abriu por mal tempo, pero ninguén avisou as traballadoras/es para que non acudisen ao seu posto. “A incompetencia é tal que mesmo contrataron persoal para vixiar as casetas que non contaba coa titulación regulamentaria, e sóubose cando tivo que acudir a Policía despois dun altercado que se produciu tras un intento de roubo; a raíz diso tiveron que contratar a unha empresa de seguridade”.
Despedida por queixarse
Unha das afectadas relatou que o seu primeiro día de traballo foi o luns 2 de decembro, e que ese mesmo día recibiu unha chamada ás 9:30 horas para que fose traballar ás 11:00 horas. “Estivemos un par de horas aprendendo a utilizar os carriños de perritos quentes, palomitas e algodón de azucre, pero logo estiven o resto do tempo sen facer nada, paseando por alí, porque non tiña nin salchichas”.
Logo pola tarde a ETT mandoulle os horarios e comunícoulle que ten que ir ao día seguinte a fin de semana pola noite. “Pero ao día seguinte chego alí e dinme que non van abrir, que me vaia para casa”. A continuación traballou o venres e sábado, pero o domingo chegou alí e dixéronlle que só precisaban a metade do persoal. “Quedei por alí e ao final sacaron outro carriño máis para min e para outra compañeira, pero tempo despois dixeron que unha das dúas tiña que marchar”.
Segundo explica, a súa xefa decidiu que pola venda que había cunha persoa era suficiente, e pediulles que decidiran quen marchaba, a pesar de que non paraban de traballar e mesmo tiñan cola de xente agardando. “Enfadeime e díxenlle que se cando collemos a caixa dos cartos estaba baleiro e logo estaba chea de billetes non entendía por que tiña que marchar unha de nós para casa na metade da súa xornada laboral”. Minutos despois chegou outro encargado, apagoulle o carriño e díxolle que marchara porque lle faltara o respecto á xefa.