Unha agresión sexual nun centro de atención a dependentes da Xunta evidencia a problemática que o persoal leva anos denunciando
A agresión sexual sufrida por unha traballadora a mans dun residente do CRAPD Vigo II dos considerados “de emerxencia social” fixo saltar todas as alarmas entre o persoal dos centros de Política Social. Dende o comité de empresa denuncian a falta de persoal, formación específica e espazos axeitados para atender os usuarios/as con patoloxías psiquiátricas ou adicións que conviven con persoas maiores.
Tras o incidente que tivo lugar no centro dependente da Consellaría a representación sindical fixo público un comunicado para reclamar “medidas efectivas dunha vez por todas” e sinalar a responsabilidade de Política Social e da Consellaría de Sanidade no acontecido. En concreto, demandan máis persoal, formación específica e espazos axeitados para poder atender aos residentes chamados “de emerxencia social”, persoas que presentan patoloxías psiquiátricas ou adicións.
“Non podemos nin estamos dispostos/as a permitir que o persoal vaia con medo ao seu posto de traballo pola incompetencia dos responsábeis autonómicos, que botan balóns fóra na atención ás persoas usuarias con patoloxías psiquiátricas e/ou con adicións ou poliadicións”. Neste senso, inciden en que tanto as persoas maiores como as persoas de emerxencia social merecen atención e un trato digno, “pero somos conscientes de que non se lle pode dar ese trato aos dous colectivos ao mesmo tempo, no mesmo espazo e co mesmo persoal porque é inviábel”.
Lembran que levan case dous anos alertando desta situación, tempo no que se celebraron dúas reunións coa Xefatura Territorial e coa Secretaría Xeral Técnica e unha dos catro comités e do Comité Intercentros coa SXT. “Mais seguimos igual: bótanse a culpa uns aos outros/as e non dan solucións, o que está a provocar graves problemas de convivencia nas residencias de maiores co ingreso de persoas usuarias de emerxencia social”.
En concreto lamentan que as persoas maiores, “que até o de agora estaban tranquilas e ao seu ritmo nas súas actividades cotiás”, ven alterado o seu día a día pola presenza destas novas persoas usuarias. “En moitas ocasións prodúcense situacións de risco por agresións físicas e verbais, así como inseguridade na custodia das pertenzas persoais”. En consecuencia moitas destas persoas maiores viven o día a día con medo, até o punto de que non poden durmir tranquilas e están preocupadas polas súas pertenzas.
Garantir unha atención digna
Dende o comité censuran que os centros de maiores poden atender a estas persoas en condicións dignas co persoal existente na actualidade. “Nin é suficiente nin ten a formación específica para atender persoas con patoloxías psiquiátricas ou con adicións, e os centros non contan con psiquiatra (agás unha consulta telefónica unha hora á semana para todas as persoas usuarias).
Por iso fan fincapé nas numerosas problemáticas que esta situación está a provocar:
- Malestar polo clima laboral que xera a convivencia de persoas maiores usuarias dos nosos centros e persoas usuarias que ingresan por “emerxencia social”.
- Falta de persoal con formación específica para atender a pacientes con patoloxías psiquiátricas e/ou múltiples adicións: non hai psiquiatra nos centros de maiores.
- Falta de protocolos axeitados para incluír a persoas usuarias de emerxencia social dentro do día a día dos nosos centros.
- Falta de medios e persoal en xeral que se incrementa coa presenza destas patoloxías nos centros (hai quendas cunha soa persoa).
- Actividades programadas nas que non poden nin queren participar por non adaptarse ás súas patoloxía, idade, etc.
- Necesidade de centros/espazos/actividades específicas para os usuarios/as de emerxencia social. A todo isto súmase agora o medo do persoal a ser agredido por persoas usuarias para cuxa atención o persoal non está formado. Se non se habilitan centros específicos para este tipo de pacientes con patoloxía psiquiátrica e/ou múltiples adicións nos que poidan recibir unha atención especializada e co persoal suficiente e formado para estes casos, esixen que se habilite unha parte dos centros de maiores específica para eles e se dote co material e os postos de traballo necesarios.
Finalmente, consideran imprescindíbel a presenza dun psiquiatra nos centros todos os días. “Non podemos consentir que o persoal e as persoas usuarias dos centros de maiores estea exposto en todo momento a malos modos, agresións e medo durante a súa quenda de traballo ou a súa estancia no centro. E tampouco é acaído para estas persoas de exclusión social que non haxa persoal cualificado para atendelos nin un centro que se adapte ás súas necesidades”.