Un tribunal da UE declara ilegal a sucesión de contratos para cubrir prazas estruturais
A sentenza europea responde a unha cuestión formulada polo xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 de Madrid, tras a denuncia presentada por unha enfermeira que, logo de sucesivos contratos para cubrir postos estruturais, foi cesada. O contencioso solicitou ao tribunal europeo que se pronunciase sobre se a norma española que permite a renovación destes contratos é contraria ao “Acordo Marco sobre o traballo de duración determinada”, pois o xulgado ten dubidas sobre as razóns obxectivas que poidan xustificar estes nomeamentos.
A resposta resulta clara: “a norma española permite a renovación de contratos de duración determinada para cubrir necesidades permanentes e estábeis, a pesares de existir un déficit estrutural de postos de traballo, e infrinxe o Acordo Marco”. Agora o xulgado de Madrid terá ditaminar na súa sentenza se lle recoñece, ou non, a esta traballadora un cesamento indebido e se a declara indefinida non fixa (interina no caso do sector da sanidade).
Neste contexto, a CIG-Saúde lembra que, a pesar do déficit no cadro de persoal, o SERGAS leva anos cubrindo prazas estruturais con contratos temporais, provocando unha elevada precariedade entre os traballadores e as traballadoras. Unha situación que, denuncia a Secretaria Nacional da Federación, María Xosé Abuín, prexudica ao persoal afectado, ao sistema sanitario galego e, polo tanto, aos usuarios e usuarias.
“Que pasará agora, serán os xuíces e as xuízas quen teña que ordenar a contratación no SERGAS porque a administración é incapaz de facelo?”, pregúntase Abuín. “A taxa de reposición non ten sentido, o que ten que facer a administración é negociar un plan de emprego plurianual, determinar que prazas están nesta situación e que sexan cubertas con interinidades, asignadas seguindo o estabelecido no Pacto de Contratación”, apunta.
Abuín subliña a importancia de respectar o pacto de contratación, xa que é a única vía para garantir que as vacantes sexan ofertadas á persoa que lle corresponda por orde de puntuación. Unha vez convertidas en vacantes todas as prazas estruturais cubertas con persoal eventual, estas ofertaríanse a traslados e OPE para rematar coa precariedade laboral no SERGAS.