Un terzo do persoal de Insuíña en Xove secunda o paro en demanda dun convenio de empresa
Un terzo do persoal da piscifactoría que a empresa Insuíña, do grupo Nueva Pescanova, ten no concello lugués de Xove secundou hoxe o paro de dúas horas para reclamar un convenio colectivo propio. Dende a Unión Local da CIG da Mariña valoran o seguimento tendo en conta o boicot por parte do outro sindicato con representación no comité.
Coincidindo coa mobilización que tivo lugar de 12:30 a 14:30 horas máis de 30 traballadores/as desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía cuxo comité está integrado por 5 delegados/as da CIG e 4 de CCOO.
Mais os representantes de CCOO non participan nas xuntanzas do comité nin nas asembleas, dedicándose a “facer a guerra por detrás coa empresa”, tal e como denuncian dende a CIG-A Mariña.
Por iso valoran moi positivamente o seguimento do paro, xa que un terzo do cadro de persoal optou por secundalo e participou na concentración ás portas da empresa “a pesar da campaña en contra que fan dende CCOO”.