Un punto de inflexión na guerra xenocida
O que está a acontecer en Palestina vai moito máis alá dun conflito rexional e non ten nada que ver cunha disputa relixiosa. Palestina é hoxe o nome dun lugar onde está en xogo unha parte decisiva da nosa humanidade
A tregua apenas durou unha semana. Unha vez rota, Israel renovou a operación de exterminio levada a cabo desde o 7 de outubro. Con todo, sería un erro crer que se trata só dunha paréntese sen consecuencias para o futuro. De feito, a conclusión da tregua en si mesma foi un primeiro revés para Israel, o produto (temporal) dunha deterioración no equilibrio de forzas internas e externas, un revés que os seus líderes están a tratar de borrar embarcándose nunha carreira cara a adiante que é tanto máis mortífera e cega por canto que os obxectivos declarados de Israel (erradicar a Hamás e, cada vez máis explicitamente, baleirar a Gaza da súa poboación) parecen fóra do seu alcance (Contretemps).
*****
Un asalto xenocida
O primeiro resultado desta tregua foi, con todo, o de permitir medir a magnitude da carnizaría que a poboación de Gaza sofre desde hai dous meses ante a ollada de todo o mundo e co entusiasta apoio de case todos os gobernos occidentais. Máis frías que as imaxes, as cifras son literalmente demoledoras: 15.000 mortos ao comezo da tregua (16.000 o 5 de decembro), segundo un reconto provisional (miles de cadáveres xacían baixo os cascallos mesmo antes de que se renovase a ofensiva israelí), entre eles máis de 6.000 nenos e nenas e menores; se se engaden as mulleres, a cifra (subestimada porque o reconto separado só está dispoñíbel a partir do 20 de outubro) supera as 10.000, ou sexa dous terzos do total das mortes. Segundo fontes militares israelís, o número de combatentes palestinos mortos oscila entre 1.000 e 3.000, ou (se tomamos a estimación máis alta) menos do 20% do total. A isto súmanse: máis de 30.000 feridos aos que un sistema hospitalario case totalmente destruído non é capaz de atender; a metade dos edificios do norte de Gaza en cascallos; toda a infraestrutura vital (redes de fornecemento de electricidade, auga e combustíbel) destruída, con especial asañamento no sistema de saúde (25 dos 36 hospitais e 47 dos 72 centros de saúde non estaban funcionais o 17 de novembro).
Segundo o director da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, 1,3 millóns de persoas (máis da metade da poboación de Gaza) viven actualmente en tendas de campaña e outros refuxios improvisados (dun total de 1,7 millóns de desprazados: o 74 % da poboación total). Segundo Ghebreyesus, “a superpoboación e a falta de alimentos, auga, saneamento e hixiene básica, a falta de xestión de residuos e de acceso aos medicamentos están a provocar unha explosión de casos de infeccións respiratorias agudas (111.000), sarna (12.000), diarrea (75.000), (…) con, ademais, un maior risco de epidemias”. Ghebreyesus conclúe que “dadas as condicións de vida e a falta de asistencia sanitaria, as enfermidades poderían cobrar máis vítimas que os bombardeos”.
“Palestina nunca sufriu tanto”, subliña Jean-Pierre Filiu, sinalando que o nivel de perdas humanas entre civís xa superou o da represión do levantamento de 1936-39, o da Nakba de 1948, da represión das dúas Intifadas ou das ofensivas levadas a cabo contra Gaza desde 2008. Aínda é necesario sinalar o cambio na composición destas perdas. Segundo un artigo de Lauren Leatherby publicado o 25 de novembro no New York Times (xornal dificilmente sospeitoso de facer propaganda antiisraelí), a proporción de mulleres e nenos entre as perdas humanas causadas polos ataques levados a cabo por Israel desde 2008 contra Gaza (o seu total ascendeu a 6.621 mortes entre 2008 e a véspera do 7 de outubro segundo o reconto da ONU) aumentando desde unha media do 40 % ao 70 %. Pero a maior parte do artigo de Leatherby está dedicada aos tipos de municións que Israel utilizou nos 15.000 ataques levados a cabo até a tregua. A aviación estatal sionista fixo un uso extensivo de bombas de 900 quilogramos, raramente utilizadas desde a Segunda Guerra Mundial e as guerras de Corea e Vietnam. Leatherby cita as palabras de oficiais e expertos militares estadounidenses que din que mesmo bombas cunha potencia catro veces menor non se utilizaron durante os conflitos recentes porque se consideran demasiado impactantes para ser lanzadas en áreas urbanas poboadas, como en Mosul en Iraq ou Raqqa en Siria durante as ofensivas contra Daesh. Así, segundo cifras de varias organizacións internacionais citadas no artigo, en Gaza morreron máis mulleres e nenos en menos de dous meses que durante todo o primeiro ano da invasión de Iraq en 2003 polas forzas estadounidenses e os seus aliados. En canto ao número de mulleres e nenos de Gaza asasinados, xa superou os aproximadamente 12.400 civís asasinados por Estados Unidos e os seus aliados en Afganistán durante case 20 anos de guerra.
Máis aló do número de mortes, as consecuencias do uso deste tipo de munición en humanos son inimaxinábeis. Segundo Rick Brennan, director da OMS para o Mediterráneo Oriental, “[hai] máis de 28.000 persoas feridas [a cifra é ao 13 de novembro], e non se trata só de lesións. Trátase de lesións de guerra complexas (queimaduras, amputacións, horríbeis lesións na cabeza e o peito) con frecuencia asociadas ao que chamamos incidentes masivos nos que moitos pacientes traumatizados chegan ás nosas instalacións en calquera momento”. Brennan tamén sinala que 108 ataques aéreos [nesta data do 13 de novembro] tiveron como obxectivo hospitais e centros de saúde e describe a proporción de mulleres e menores entre as perdas humanas (que tamén estima en arredor do 70%) como “estatisticamente abraiante”, sinalando que a proporción esperada era de arredor do 30%.
Durante unha conferencia de prensa celebrada en Gaza o 27 de novembro, Ghassan Abou Sittah, un cirurxián palestino-británico que traballa en varios hospitais do territorio, denunciou o uso de bombas incendiarias e de fósforo, cuxo uso contra poboacións civís está estritamente prohibido polos tratados internacionais. Abou Sittah xa notara os efectos en 2009, durante a operación Chumbo fundido levada a cabo por Israel contra Gaza, das feridas tan características que inflixen: “o fósforo queima até o interior profundo do corpo e só se detén cando xa non está exposto ao osíxeno”. Tamén denunciou o uso extensivo de bombas de acio, tamén prohibidas por máis de 100 países -mais non por Israel, que é partidario-, que fan necesarias múltiples amputacións á mesma persoa. Os bombardeos con fósforo branco no sur do Líbano tamén foron denunciados o 31 de outubro por Amnistía Internacional, en particular no lugar de Dhayra. Un mes despois, como revela unha reportaxe unha reportaxe de Mediapart, na zona devastada, os lumes non están completamente apagados e son susceptíbeis de rexurdir ao menor contacto co osíxeno mentres que, nesta zona agrícola, a terra esta envelenada por unha duración indeterminada.
Non pode haber ningunha dúbida sobre a intencionalidade, e mesmo a planificación metódica, desta carnizaría. Foron anunciados explicitamente na emblemática declaración do ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, dous días despois dos atentados do 7 de outubro: “Sen electricidade, sen comida, sen gas (…). Loitamos contra animais e actuamos en consecuencia”. Declaración na que hai que subliñar que a acusación deshumanizadora non é excepcional segundo os estándares dun líder israelí: Menachem Begin, falando de “terroristas” palestinos que atacan os nenos, declarou na Knesset o 8 de xuño de 1982: “Defenderemos os nosos nenos. Se a man dun animal de dúas patas se levanta contra eles, esa man será cortada”.
A carnizaría xenocida das últimas semanas é só unha implementación paroxística e, volveremos sobre isto máis adiante, actualizada coa última tecnoloxía, da doutrina Dahiya –tamén coñecida como “cortar o céspede” (aquí tamén a connotación deshumanizadora é flagrante), unha doutrina desenvolvida en 2006, durante as operacións israelís no sur do Líbano. O seu principio,en palabras do seu deseñador, o xeneral Gadi Eisenkot, recollidas por Haaretz en 2008, consiste en despregar “un poder desproporcionado contra cada aldea desde onde se disparan contra Israel, e causa[r] inmensos danos e destrución. Deberiamos entón sorprendernos ao ver a este mesmo Eisenkot unirse ao goberno de “unidade nacional” formado despois do 7 de outubro ou escoitar o voceiro do exército israelí, Daniel Hagari, declarar, xa o 9 de outubro, que: “centos de toneladas de bombas” xa foran lanzadas, e engadir que “a énfase está no dano e non na precisión”, unha “admisión sorprendente”, segundo o comentario do xornal británico The Guardian.
Unha enquisa da revista xudeu-palestina israelí +972) revelou o funcionamento preciso desta “fábrica de asasinatos en masa”, en palabras dun ex oficial de intelixencia israelí. Contentémonos aquí con repetir ou resumir algúns extractos: «o exército israelí dispón de arquivos sobre a gran maioría de obxectivos potenciais en Gaza -incluídas vivendas- nos que se estipula o número de civís que probabelmente morrerán nun ataque contra un obxectivo concreto. Este número está calculado e as unidades de intelixencia do exército coñéceo de antemán; aproximadamente, tamén saben cantos civís morrerán pouco antes de levar a cabo un ataque (...). Nada sucede por casualidade, dixo outra fonte. Cando matan unha nena de 3 anos nunha casa de Gaza, é porque alguén do exército decidiu que non era un gran problema que a matasen, que era un prezo que merecía a pena pagar para alcanzar [outro] obxectivo. Non somos Hamás. Non son foguetes lanzados ao azar. Todo é intencionado. Sabemos exactamente cantos danos colaterais hai en cada casa.».
A investigación mostra en detalle como a doutrina Dahiya foi amplificada e tecnificada até o extremo mediante o uso xeneralizado dun sistema chamado Habsora (O Evanxeo!), que se basea en gran medida na intelixencia artificial (IA). Este sistema pode xerar obxectivos case automaticamente a un ritmo que supera con moito o que antes era posíbel. [Isto] é descrito por un ex oficial de intelixencia como unha “fábrica de asasinatos en masa”. As fontes que participaron na recompilación de obxectivos de poder en guerras anteriores din que, aínda que o arquivo do obxectivo adoita conter algunha conexión con Hamás ou outros grupos militantes, alcanzar o obxectivo funciona principalmente como un medio para inflixir dano á sociedade civil. As fontes entenderon, algunhas explicitamente, outras implicitamente, que o “obxectivo real destes ataques é danar aos civís”.
A tregua que Israel non quería
O 28 de outubro, ao anunciar o inicio da ofensiva terrestre contra Gaza, Netanyahu aludiu a unha pasaxe das Escrituras: “Lembrade o que Amalek vos fixo, está escrito na Biblia; lembrámolo e loitamos”. O texto bíblico ao que se refire o primeiro ministro israelí é inequívoco: “Ve agora a atacar a Amalec, e destrúe todo o que teñen, sen perdoalos; matade homes e mulleres, nenos e bebés, bois e ovellas, camelos e asnos” (1 Samuel 15:3). Desde o 7 de outubro, escribe Mark Landler no New York Times do 15 de novembro, “os chamamentos a “arrasar”, “esmagar” ou “destruír” Gaza circularon aproximadamente 18.000 veces en mensaxes hebreas en X (antes Twitter), segundo FakeReporter, un grupo israelí que fai seguimento da desinformación e o discurso de odio”. Con Amalek non se pode negociar, só exterminalo. Por iso non se pode falar dun cesamento do fogo.
En nome do “dereito de Israel a se defender”, os aliados de Israel, é dicir, os occidentais liderados pola potencia hexemónica estadounidense, non dixeron outra cousa. O 13 de outubro, o Departamento de Estado de Estados Unidos emitiu un memorando interno pedindo aos seus funcionarios que non utilizasen os seguintes pares de termos e expresións: “desescalada/cesamento do fogo”, “fin da violencia/derramamento de sangue” e “restauración da calma”. Uns días máis tarde, unha resolución do Consello de Seguridade das Nacións Unidas pedía unha “pausa humanitaria” (nun intento de obter o apoio dos Estados Unidos eliminouse o termo “cesamento do fogo”) e a creación dun “corredor seguro”, que permitiría á asistencia humanitaria entrega de axuda a Gaza, topou, como era previsíbel, co veto dos Estados Unidos.
Para xustificar o seu voto, o representante dos Estados Unidos declarou que o texto, que condenaba os “atroces crimes terroristas labores por Hamás”, era “inaceptábel porque non mencionaba o dereito de Israel á autodefensa”. Con todo, tal “dereito” non existe porque, segundo as resolucións da ONU (resolución 242 de novembro de 1967, confirmada en múltiples ocasións, a última das cales é a resolución 2334 de 2016), Israel ocupa ilegalmente os territorios conquistados en 1967, isto é, Gaza, Cisxordania (incluída Xerusalén Oriental) e o Golán (o Sinaí foi devolto a Exipto tras o acordo bilateral de setembro de 1975). O dereito dunha potencia ocupante a continuar a súa ocupación é unha contradición nos termos, do mesmo xeito que o de impoñer un asedio a unha poboación privada dos bens e servizos esenciais para a súa supervivencia.
Porén, a opción da guerra total chocaba cun atranco importante: a cuestión dos reféns, incluída a toma –coa perspectiva dun intercambio cun máximo de prisioneiros palestinos pero tamén da contención da furia vingativa que non deixaría de provocar– foi un dos principais obxectivos do ataque do 7 de outubro. Ao día seguinte, como informou Sylvain Cypel en Orient XXI, xurdiron contradicións sobre este tema dentro do goberno e o establishment do Estado sionista. Os ministros da extrema dereita máis radical, Itamar Ben Gvir e Bezalel Smotrich “están a presionar para arrasar Gaza, e moito peor para os reféns”, mentres que o ex xefe de intelixencia, o xeneral Amos Gilad, retrucaba que “agora que hai ducias e ducias de reféns, por suposto que imos negociar! E non imos volver a ocupar Gaza”. Desde aquela, estas dúas opcións seguiron a chocar dentro do gabinete e o exército, e o resultado reflicte a evolución da relación de forzas no ámbito militar, pero tamén a nivel interno e internacional.
A cuestión dos reféns actuou inmediatamente como reveladora das contradicións da política israelí e a súa viraxe cara a unha lóxica exterminadora cada vez máis asumida. Como sinala Yigal Levy, especialista en cuestións militares e profesor da Universidade Aberta de Israel, a reticencia a pedir a liberación dos reféns é “un fenómeno novo”, tendo en conta, por exemplo, o precedente da guerra do Líbano de 2006, cando a liberación de dous soldados secuestrados se considerou unha máxima prioridade. O cambio reflicte, segundo Levy, o “fenómeno de dereitización” que caracteriza a política israelí e que leva a facer da “erradicación de Hamás a máxima prioridade, mesmo se isto debe facerse sacrificando os reféns”. Os propios reféns son vistos por unha parte da sociedade como “xentes de esquerda, as do kibutz”, e calquera negociación para a súa liberación se converte nun atranco para a continuación da guerra. Pola contra, as súas familias mobilizáronse co apoio dunha parte da opinión pública para obter a súa liberación, organizando concentracións masivas durante varias semanas (até 100.000 persoas o 24 de novembro) fronte ao Museo de Arte de Tel Aviv, preto do Ministerio de Defensa, na que se denominou a “Praza dos Reféns”.
Por iso a liberación dos primeiros reféns suscitou sentimentos, cando menos, ambivalentes. Segundo o correspondente especial de Le Monde “en Tel Aviv, o silencio fíxose moi rapidamente, o venres pola tarde [24 de novembro], tras o xúbilo dos primeiros momentos. Porque estes retornos non son só unha vitoria: son tamén un signo de humillación. A violenta lembranza da derrota sufrida por Israel o 7 de outubro e do feito de que a guerra está indubidabelmente lonxe de terminar... Mentres aínda haxa cativos no seu poder, Hamás segue mantendo a súa posición na alta fronte aos seus inimigos, nun enclave cuxa parte norte, con todo, foi destruída en gran parte polos bombardeos israelís.
Dito doutro xeito, o sentimento de revés é triplo: o regreso dos reféns reactiva o trauma do 7 de outubro, día no que a imaxe da invencibilidade de Israel e da súa capacidade para garantir a seguridade da súa poboación xudía quedou irreversibelmente fracturada. O que é aínda máis grave, houbo que negociar co inimigo absoluto, ao que prometemos erradicar e ao que ás veces equiparamos con Daesh (segundo o sitio web das FDI), ás veces cos “nazis”, segundo os termos do ex primeiro ministro Naftali Bennett, rapidamente unido neste terreo con Netanyahu, que comparou a Yahya Sinouar (o xefe da á militar de Hamás) cun “pequeno Hitler no seu búnker” e comprometeuse a “desnazificar Gaza”. Por último, a aplicación concreta do proceso de negociación demostrou a resistencia de Hamás, o seu control sobre un territorio teoricamente baixo control militar israelí e a súa capacidade para impor case todas as súas condicións con vistas á liberación dos reféns: cociente de 1:3 entre reféns e prisioneiros palestinos liberados (con prioridade mulleres e menores); ningunha liberación de soldados israelís; entrega de axuda humanitaria a través de Rafah; unha tregua continua de varios días e non unha pausa diaria dunhas horas.
Así pois, a tregua equivaleu a unha vitoria política (e, en parte, militar) de Hamás. O 27 de novembro, os correspondentes de Le Monde en Beirut e Xerusalén resumían a situación nestes termos: “Despois de asinar o ataque máis brutal endexamais perpetrado contra Israel o 7 de outubro, Yahya Sinouar non só segue vivo cincuenta días despois do inicio da guerra, senón que logrou unha nova vitoria política. Á brutalidade do ataque, que se saldou coa captura de 240 reféns e a morte de 1.200 israelís, engadiuse, para Benjamin Netanyahu, a humillación de ser enganado polo home que cría reprimir desde o seu acceso ao poder, en 2017. Querería obrigalo a ceder. Pero a resiliencia do movemento ante a violencia dos bombardeos israelís, que deixaron máis de 14.800 mortos desde o inicio da guerra, segundo Hamás, e a presión das familias dos reféns obrigárono a aceptar a negociación. E, proseguían, con iso creouse un precedente que non pode deixar de ter consecuencias para o futuro: “Ao selar un acordo co Estado hebreo, Hamás eríxese como un interlocutor co que é necesario negociar: hoxe unha tregua, mañá quizais o día despois. Os responsábeis de Al Fatah pensan que será necesario chegar a un acordo co movemento, parte integral do tecido social e político palestino”. E, volveremos a isto nun momento, non son os únicos.
Cara a unha recomposición do movemento nacional palestino?
O último punto que sinalan os correspondentes de Le Monde podería resultar decisivo no curso dos acontecementos. O restabelecemento da unidade do movemento nacional palestino con, en perspectiva, a integración do movemento na Organización de Liberación de Palestina (OLP), foi de feito un obxectivo estratéxico de Hamás desde a súa participación nas eleccións de 2006. Foi Al Fatah, comodamente instalado na Autoridade Palestina (AP) e en “cooperación en materia de seguridade” con Israel, quen se negou a recoñecer a vitoria de Hamás e derrocou o goberno formado tras as eleccións e presidido por Ismaïl Haniyeh. Co apoio decisivo dos Estados Unidos e Israel, a Autoridade Palestina embarcouse nunha guerra civil que conduciu á separación de Gaza de Cisxordania e selou a desintegración da unidade palestina durante todo un período. Hamás, con todo, volveu á carga varias veces, e o obxectivo parecía estar a piques de se lograr polo menos dúas veces (en 2017 e 2021), antes de bater cada vez coa negativa de Mahmoud Abbas e dunha Autoridade Palestina cada vez máis desvalorizada, cando non odiada, aos ollos da poboación palestina.
En outubro de 2017, o acordo concluído entre Al Fatah e Hamás xerou grandes esperanzas, pero a súa implementación estancouse debido ás políticas da Autoridade Palestina. Seica, as diferenzas referíanse ás modalidades de transferencia do poder en Gaza á Autoridade Palestina e a súa reforma. En realidade, como sinalou daquela o correspondente de Le Monde: “detrás desta disputa sobre a mecánica da transición agóchase unha gran diferenza de enfoque. A Autoridade Palestina esixe a rendición de Hamás, sen especificar os termos. Aos ollos de Abbas, a única estratexia posíbel é a continua coordinación da seguridade con Israel e a procura incansábel dunha nova rolda de negociacións, con miras a unha solución de dous Estados. Hamás, pola súa banda, quere saír da súa desastrosa xestión da vida cotiá dos habitantes de Gaza durante unha década. O movemento procura a súa integración na OLP e contribuír a redefinir unha estratexia nacional contra Israel. Sen renunciar ao arsenal do seu brazo armado, as brigadas Al-Qassam”.
A deterioración da situación en Gaza, tras 14 anos de bloqueo e varias ofensivas israelís, combinada co colapso político e financeiro da Autoridade Palestina, con Mahmoud Abbas ao límite e unha Al Fatah cada vez máis dividida, presionaba tanto a Hamás e á Autoridade Palestina cara a unha nova rolda de negociacións. Así, en febreiro de 2021 asinouse no Cairo un acordo que supostamente conduciría a novas eleccións, unha nova confirmación do desexo de Hamás de xogar o xogo do pluralismo e a democracia electoral. Pero, unha vez máis, dous meses despois, Abbas anunciou o adiamento indefinido das eleccións, co pretexto das dificultades para organizar a votación en Xerusalén Este. De feito, moito máis que os atrancos creados por Israel, Abbas e os seus partidarios occidentais temían unha derrota non só en Gaza, senón tamén en Cisxordania, e a repetición, nunha escala aínda maior, do escenario de 2006. As derrotas sufridas pola Autoridade Palestina nas poucas cidades pequenas de Cisxordania onde se puideron celebrar as eleccións municipais en decembro de 2021 confirmou a validez destes temores. Como informou o correspondente de Le Monde, Louis Imbert, en decembro de 2021: “A Autoridade Palestina corría o risco de perder simbolicamente Xerusalén Este, a parte árabe da cidade ocupada por Israel, que prohibiu a votación alí. Washington e a Unión Europea non fixeron nada para obrigalo. Mostraron só un entusiasmo limitado por esta votación, que sacaría a Hamás do seu illamento en Gaza. O propio Abbas temía perder o control dun exercicio democrático que se esforzou por controlar de principio a fin”.
Estes fracasos, cuxa responsabilidade recae na Autoridade Palestina, acentuaron a fragmentación do movemento nacional palestino e confirmou o seu enfraquecemento no mesmo momento en que Israel e os Estados Unidos volvían á ofensiva a nivel diplomático, normalizando as relacións entre Tel-Aviv e varios países árabes. Na propia Cisxordania, a Autoridade Palestina, cada vez máis sumida na corrupción e a colaboración con Israel (co seu cortexo de represión de activistas palestinos rebeldes, incluídos moitos membros de Al Fatah), é cada vez máis cuestionada. Segundo unha enquisa publicada o pasado mes de setembro, con motivo do 30º aniversario dos Acordos de Oslo, realizada en Gaza e Cisxordania polo Palestinian Center for Policy and Survey Research, o 62 % dos e as enquisados pensa que a Autoridade Palestina é unha “carga” para o pobo palestino, o 78 % pide a dimisión de Abbas (unha porcentaxe idéntica en Gaza e Cisxordania) e o 53 % está a favor da resistencia armada como medio para lograr a liberación, fronte a un 20 % que prioriza as negociacións e un 24 % á resistencia non violenta.
En Jenin, Nablus, Xericó e outras localidades, grupos autoorganizados de mozos combatentes están a lanzarse á loita armada, fóra dos marcos estabelecidos. Os sectores militantes de Al Fatah están a independizarse da Autoridade Palestina e a súa burocracia corrupta e colaboracionista. Fronte a un Mahmoud Abbas esgotado, Marwan Barghouti, detido en cárceres israelís desde 2002, aparece como unha personalidade capaz de unificar o movemento nacional sobre bases de combate. Pola súa banda, os Estados Unidos e os seus aliados do Golfo están a presionar ao seu home de confianza, Mohammed Dahlan, durante moito tempo a cargo da cooperación de seguridade da Autoridade Palestina con Israel e executor da estratexia estadounidense de confrontación armada con Hamas en 2006-2007, incluído o intento de asasinato de Ismaïl Haniyeh (véxanse as revelacións de Vanity Fair en abril de 2008). Exiliado desde 2011 nos Emiratos, onde se converteu nun rico home de negocios, amigo íntimo e conselleiro do rexente de Abu Dabi, Mohammed Ben Zayed (que adquiriu a nacionalidade serbia); Dahlan conserva poderosas redes en Cisxordania, en varios campos de refuxiados palestinos e afírmase como un “axente de influencia internacional”, tan turbio como poderoso.
A primeiros deste ano, renováronse as conversas entre Hamás e a Autoridade Palestina, baixo o liderado de Exipto, tras unha reunión no Cairo entre Abbas e Khaled Meshaal, líder da á política de Hamás. As discusións continuaron este verán, cunha xuntanza a finais de xullo entre Abbas e Ismaïl Haniyeh, con vistas a relanzar os intentos de organizar eleccións e reformar a OLP, para que Hamás puidese integrala. Pero o 7 de outubro interrompeu estas conversas. A operación militar liderada por Hamás e a guerra xenocida lanzada por Israel acentuaron as contradicións internas no seo de Al Fatah e provocaron iniciativas unitarias desde abaixo ou, máis precisamente, provenientes dos dirixentes, cadros intermedios e sectores militantes da organización. O 17 de outubro, estalaron manifestacións masivas en apoio de Gaza en toda Cisxordania que foron recibidas cunha feroz represión por parte das forzas de seguridade da Autoridade Palestina: mataron un mozo manifestante e feriron a ducias máis, mentres que as ramas armadas de Al Fatah pediron publicamente a dimisión de Abbas.
O 1 de novembro, Atta Abou Rmeileh, secretario de Al Fatah na rexión de Jenin e figura política destacada da resistencia palestina, apareceu nun vídeo xunto a responsábeis de Hamás e da Jihad Islámica e convocou a unha folga xeral en Cisxordania. Foi arrestado polos israelís nas horas seguintes, pero tivo tempo de declarar: “A resistencia pacífica fracasou. A guerra comezou e non terminará”. Louis Imbert subliña na súa información do 15 de novembro que “estes dirixentes [de Al Fatah] son conscientes da inmensa popularidade de Hamás. Non imaxinan que Israel poida destruír o movemento islamita, como promete, nin impedir que reviva. Non se pode erradicar unha idea, sinala un ministro preocupado que prefire permanecer no anonimato. Pensan que Al Fatah non ten máis remedio que volver conectarse cos seus irmáns inimigos, tras a guerra civil que esgazou os dous partidos en 2007”.
Qadura Fares, ministro da Autoridade Palestina responsábel da cuestión dos detidos en Israel, declara abertamente que “Hamás é parte da nosa vida política e da nosa sociedade”. Traballa activamente, con outros cadros de Al Fatah, pola reconciliación entre Al Fatah e Hamás e comparte o obxectivo de integrar o movemento liderado por Haniyeh e Meshaal na OLP.
Imbert tamén recolle estas palabras de Abbas Zaki, un veterano de Al Fatah e membro do seu comité central: “Hamás impediu que a cuestión palestina desaparecese. Volveuna poñer sobre a mesa…. Os membros de Al Fatah en Gaza loitan hoxe xunto a Hamás... O principal atranco hoxe é a Autoridade Palestina e, máis en concreto, Mahmoud Abbas. Foi el quen levou a Al Fatah a este punto morto, cos seus incesantes chamamentos á resistencia pacífica. Debe declarar que deu todo pola paz, pero que agora todas as opcións están sobre a mesa”.
As posicións do académico israelí Menachem Klein, quen participou en numerosas negociacións informais entre israelís e palestinos, non parecen tan afastadas. Nunha entrevista concedida a Mediapart o 4 de decembro, Klein esboza as liñas xerais dun posíbel acordo que iría máis aló do marco de Oslo (en particular sobre as cuestións das colonias e dos refuxiados) e afirma que “é imposíbel destruír a Hamás. Agora ben, o Hamás político e a súa á militar, que acepta a solución de dous Estados e un acordo con Israel, poden ser parte do acordo (…)”.
Atribúe a responsabilidade do fracaso do acordo entre Hamás e a Autoridade Palestina de febreiro de 2021 á posición dos Estados Unidos, Israel “e lamentabelmente tamén Europa”, e subliña a importancia do “cambio de doutrina e política” de Hamás en 2017, cando, nunha nova declaración, o movemento aceptou a solución de dous Estados como unha “fórmula de consenso nacional” e definiu os seus obxectivos exclusivamente en termos da loita pola liberación nacional, “a construción de institucións nacionais palestinas baseadas en sólidos principios democráticos, en primeiro lugar das cales están as eleccións libres e xustas”, facendo unha distinción explícita e precisa entre o adversario sionista e os xudeus[1].
A precipitada carreira exterminadora... e os medios para detela
A tregua nunca foi aceptada pola extrema dereita máis radical do gabinete israelí, pero tampouco polos sectores militares e de intelixencia máis expostos polo desastre do 7 de outubro, todo iso nun contexto de enfraquecemento político de Netanyahu. Fronte a Anthony Blinken, que veu implorarlle que lidere unha guerra “máis limpa” no sur de Gaza (é dicir, que cause menos vítimas civís), o ministro de Defensa, Yoav Gallant, “vestido de negro de xeito total… emitiu a mensaxe que repetiu desde o principio das hostilidades: 'Esta é unha guerra xusta polo futuro do pobo xudeu, polo futuro de Israel. Loitaremos contra Hamás ata que gañemos. Non importa canto tempo leve'”. Tres días antes da continuación da guerra, Itamar Ben Gvir, ministro de Seguridade e líder dun grupo radical de extrema dereita, ameazou con abandonar o goberno se o ataque a Gaza non se proseguía de inmediato: “Deter a guerra equivale á disolución do goberno". O ministro de Finanzas, Bezalel Smotrich, o seu rival na extrema dereita radical, declarou pola súa banda que deter a guerra a cambio da liberación de todos os detidos en Gaza era un “plan destinado a destruír a Israel”.
O obxectivo actual do Tzahal [as Forzas de Defensa de Israel, FDI] é avanzar cara ao sur de Gaza, organizar un novo desprazamento forzoso da poboación cara á fronteira exipcia, cara a unha especie de “zona tapón”, en realidade unha zona de morte e unha antesala cara a unha deportación masiva. A idea apenas velada é chantaxear a Exipto e outros países árabes para que acepten o traslado masivo da poboación de Gaza. Segundo o xornal Israel Hayom, informan os correspondentes de Le Monde, Benjamin Netanyahu pediu ao seu asesor Ron Dermer un plan para “reducir a poboación de Gaza ao nivel máis baixo posíbel” e autorizar a apertura das fronteiras marítimas do enclave, para permitir “unha fuga masiva cara aos países europeos e africanos”.
A imaxinación xenocida dos estrategos do Estado sionista parece non coñecer límites. Segundo informa o semanario británico (de centroesquerda) The Observer, os traballadores e traballadoras humanitarios advertiron que Israel comezou a utilizar o seu novo sistema de control para os avisos de evacuación, que divide a Gaza en máis de 600 bloques, e ao que se pode acceder grazas a un código QR que aparece en folletos e mensaxes distribuídas nas redes sociais. Precisan que este sistema corre o risco de transformar a vida no territorio nun “macabro xogo de batalla naval”.
Hai algún xeito de contrarrestar estes plans xenocidas? Sen dúbida, a forza esencial segue sendo a resistencia palestina, tanto na fronte militar como no da capacidade da poboación civil para preservar as súas vidas e a súa coraxe nesta terríbel experiencia. Mais, como demostrou a experiencia histórica, o resultado dos conflitos coloniais non se decide só, nin sequera principalmente, no campo de batalla. A loita pola liberación de Vietnam gañouse tanto sobre o terreo como na metrópole imperial, e grazas ao inmenso movemento de solidariedade global.
Neste senso, a continuación das manifestacións pola liberación de reféns no propio Israel, ás que, por primeira vez, se suman activistas contra a guerra é un sinal alentador. O mesmo se aplica, por suposto, á continuación e ampliación do movemento internacional de solidariedade co pobo palestino, que, a pesar da represión e dunha incesante campaña de difamación, xa mobilizou a millóns de persoas en centos de cidades de todo o mundo. A presión destas mobilizacións sobre os gobernos, incluído o dos Estados Unidos (onde o apoio incondicional de Biden a Israel lle podería custar a reelección), pode resultar decisiva para lograr un verdadeiro cesamento do fogo, sancionar a Israel e obter o recoñecemento efectivo dos dereitos da o pobo palestino á libre determinación.
Porque, por suposto, a nivel das relacións internacionais xógase un papel importante. Mesmo dentro do campo occidental, están a empezar a alzarse voces discordantes, nomeadamente desde o Estado español e Irlanda. Mesmo Emmanuel Macron se sentiu obrigado a mudar a súa liña de apoio incondicional a Israel, que xa destruíu a pouca credibilidade que quedaba a Francia na escena internacional. Confirmando a división co Norte, xa evidente durante o conflito ucraíno, o Sur global mostra posicións que van desde a desaprobación de Israel até a afirmación da solidariedade coa causa palestina, coa salientábel excepción dos países liderados por forzas de extrema dereita ou dereita radical (como a India de Modi, a Arxentina de Milei, o Paraguai ou Guatemala). Países como Colombia e Chile chamaron os seus embaixadores en Israel, Bolivia e Suráfrica romperon relacións diplomáticas con Tel Aviv.
Digámolo máis unha vez. O que está a acontecer en Palestina vai moito máis alá dun conflito rexional e non ten nada que ver cunha disputa relixiosa. Palestina é hoxe o nome dun lugar onde está en xogo unha parte decisiva da nosa humanidade. Un sobresalto colectivo pode facer fracasar a mecánica xenocida despregada por Israel e os seus apoios e xerar unha nova conciencia internacionalista. Máis que nunca, o combate do pobo palestino é o da liberdade e a dignidade humana.
_____________________________________________________________________________
Notas:
[1] Punto 16 da declaración: “Hamás afirma que o seu conflito é co proxecto sionista e non cos xudeus por mor da súa relixión. Hamás non está a librar unha loita contra os xudeus porque son xudeus, senón contra os sionistas que ocupan Palestina. Con todo, son os sionistas os que constantemente identifican o xudaísmo e os xudeus co seu propio proxecto colonial e a súa entidade ilegal”. Punto 20 do mesmo texto: "Hamás rexeita calquera alternativa á liberación plena e completa de Palestina, do río até o mar. Con todo, sen comprometer o seu rexeitamento á entidade sionista e sen renunciar a ningún dereito palestino, Hamás considera que a creación dun Estado palestino plenamente soberano e independente, con Xerusalén como capital, seguindo as liñas do 4 de xuño de 1967, co regreso dos refuxiados e desprazados aos seus fogares dos que foron expulsados, é unha fórmula que é obxecto dun consenso nacional”.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web francés Contretemps, do 8 de decembro de 2023]