Un paso máis chamado RCEP

Xulio Ríos - 20 Nov 2020

Coa Asociación Económica Integral Rexional (RCEP), China dá un paso máis no deseño dunha arquitectura rexional que lle permite tomar a dianteira e gañar posicións relevantes. Aproveitando o desconcerto e a desconfianza xerada durante o mandato de Donald Trump na Casa Branca, enche de bo grao o baleiro de poder

 Co asinamento da Asociación Económica Integral Rexional (RCEP, siglas en inglés), China afianza a súa posición en Asia-Pacífico como líder económico rexional. É verdade que A India ficou fóra mais aínda así, que todos os adherentes (Australia, China, Xapón, Nova Zelandia, Corea do Sur e as 10 economías de ASEAN) se puxesen de acordo representa un importante éxito político para China que de xeito evidente se erixe non só como primeiro beneficiario da alianza senón que tamén permitirá inflúa e dea forma á orde rexional. Para entrar en vigor, o acordo debe ser ratificado por polo menos seis nacións da ASEAN e tres países que non pertenzan ao bloque do sueste asiático.

 Nova Delhi rexeitou sumarse porque teme empeorar o déficit comercial con China e ademais quere protexer o seu sector agrícola da competencia de países como Australia e Nova Zelandia. Por outra banda, Xapón, aliado de Estados Unidos, sempre asegurou que sen a presenza de India non subscribiría o acordo. Para Tokyo, a participación de Nova Delhi compensaría o alongado peso de China. Que mudou? A pandemia obrigou o goberno xaponés a aceptar un esquema controlado por Beijing. Todos os asinantes teñen necesidade de reactivar a súa economía e esperan que a RCEP sexa unha axuda para superar a crise actual.

 O asinamento prodúcese tras oito anos de negociacións, dos cales catro polo menos foron de enorme confusión na política dos EUA cara á rexión. Tras o abandono do Acordo Transpacífico promovido pola Administración Obama, semellaría que o celme principal da estratexia do Indo-Pacífico pode quedar reducida a un acrónimo: o QUAD ou Diálogo de Seguridade Cuadrilateral no que participan os EUA, Australia, Xapón e A India, o que algúns bautizaron xa como a nova OTAN asiática.

 Sen saber aínda de certo que vai ser da guerra comercial iniciada por Trump e coa UE cedendo á ASEAN a condición de primeiro socio económico de China, a RCEP afiánzase como un complemento de contexto que reforzará a outra política rexional sustentada en torno á Iniciativa da Franxa e a Ruta. Ambas as iniciativas deben confluír na Área de Libre Comercio de Asia-Pacífico, en debate desde 2004, que consolidará a significación de Asia no concerto económico global cunha evolución marcada polo enfoque chinés e o seu modelo alternativo non só no económico senón tamén no estratéxico.

 Deste xeito, China dá un paso máis no deseño dunha arquitectura rexional que lle permite tomar a dianteira e gañar posicións relevantes. Aproveitando o desconcerto e a desconfianza xerada durante o mandato de Donald Trump na Casa Branca, enche de bo grao o baleiro de poder. É verdade que Trump tentou proxectar a súa influencia a través da Corporación Financeira Internacional para o Desenvolvemento prometendo investimentos estratéxicos na rexión mais os seus compromisos efectivos a día de hoxe son pouco significativos. Para o presidente electo Joe Biden, a RCEP implica unha mensaxe: a historia corre rápido e podería ser xa tarde para frear a China.

 O impacto global do acordo pode ser apreciábel: os membros do RCEP representan por volta do 30 por cento do PIB mundial, cobre a 2.200 millóns de persoas e o seu PIB combinado supera os 26 billóns de dólares.

 China ten pendente avanzar na cuestión do Mar de China meridional. As consultas sobre o Código de Conduta avanzan máis lentamente do que sería desexábel. O risco é ben coñecido: os países veciños poden elixila como socio económico mais o seu socio preferente de seguridade serán os EUA. Se quere evitar esa disociación, deberá estar disposta a facer sacrificios.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la Política China, do 17 de outubro de 2020]