Un novo acto simbólico en favor da causa palestina en Vigo rexeita o xenocidio en Gaza
A fortaleza do Castro, en Vigo, foi o escenario escollido nesta ocasión pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina para desenvolver unha acción simbólica coa que esixir a fin do xenocidio na Faixa de Gaza e rexeitar o criminal apoio do imperialismo a Israel.
Arredor dun cento de persoas participaron no acto que tivo lugar pouco antes do mediodía, no que se despregou unha bandeira palestina de grandes dimensións sobre o muro da antiga fortificación e se deu lectura a un manifesto de apoio á causa palestina. Tras a intervención berráronse consignas como “Palestina vencerá”, “Galiza-Palestina, solidariedade” ou “Que viva a resistencia do pobo palestino”.
Ao mesmo tempo, dende a Coordinadora (integrada polos colectivos Asociación Galaico Árabe Jenín, Galiza por Palestina e Mar de Lumes Comité Galego de Solidariedade Internacionalista) anunciouse a próxima convocatoria de novas mobilizacións ante o agravamento da situación na zona e para seguir a censurar a actitude cómplice e hipócrita dos Gobernos español e galego ante o que está a acontecer.
Manifesto:
Máis unha vez temos que nos encontrar nas rúas, hoxe aquí en Vigo, neste acto simbólico que é á vez contra o xenocidio do noso pobo irmán palestino e contra a resignación de tantos e tantas que ollan para outra parte e repiten de maneira mecánica a narrativa sionista e das potencias que a sustentan.
Con este acto nós dicimos “NON”. Non á barbarie despregada polo estado terrorista de Israel. A barbarie que levamos meses condenando, e que é parte esencial do seu proxecto colonial e expansionista, que trata de esmagar o pobo da Palestina para ocupar as súas terras, pero que se estende tamén a outros pobos da rexión que son hostís ou simplemente incómodos ao imperialismo, do Irán a Líbano e de Iemen á Siria.
É tamén un NON á vergoñenta política dos grandes medios que despois de culpabilizaren a resistencia palestina do inicio do conflito, negando que este conflito leva máis de 75 anos de ocupación deixando mortos do lado palestino, informan dos novos masacres como se non houbese responsábeis, como se o exército israelita fose de defensa en lugar de ser un exército terrorista, e como se as bombas que deixaron máis de 40mil asasinadas e asasinados caesen do ceo de maneira inexplicábel.
Estes grandes medios de comunicación, que pertencen a empresas integradas no corazón do noxento complexo industrial-militar-mediático, son peza chave da lexitimación de Israel e do imperialismo. Mais, sobre todo, o noso NON é tamén contra a vergoñenta complicidade de quen nos goberna. Contra o Goberno galego, incapaz sequera dun pronunciamento, como se o que acontece no mundo non fose connosco.
Contra o Goberno español, que está disposto aos recoñecementos simbólicos sen efectos prácticos de ningún tipo -como xa denunciamos- pero non tan disposto a efectivizar unha política real para oporse ao xenocidio.
Ese mesmo Goberno español que presentou o seu recoñecemento formal da Palestina como un audaz movemento diplomático, pero que na realidade foi un dos últimos estados do mundo en recoñecer o que é evidente, mentiu de maneira miserábel cando asegurou que non estaba a exportar armamento a Israel, segue asinando novos contratos de defensa co estado sionista e agora envía barcos de guerra como o porta-helicópteros Juan Carlos I en apoio aos xenocidas.
É tamén un NON á Unión Europea e á súa verborrea de paz en abstracto, que pasou, nas palabras, do apoio directo e descarado ao Netanyahu a reivindicar unha paz sen mudanzas que perpetúe a ocupación e os seus crimes diarios, pero que nunca moveu un dedo para deter os bombardeos indiscriminados de civís nin para condenar a serio as violacións sistemáticas do dereito internacional e do dereito humanitario perpetradas por Israel.
E dicimos NON á nova chantaxe do imperialismo contra a Palestina. Tras armar a Israel e soster a masacre dos últimos 10 meses, agora Estados Unidos e todo o seu coro do que hipocritamente denominan “comunidade internacional” aceptan as condicións do estado de Israel nas mesas de negociación que suporían asumir aínda maior control sionista sobre a Faixa de Gaza e trasladan á opinión pública que quen non acepta a paz é a Resistencia. Esta chantaxe complétase co recrudecemento das accións militares con centos de mortes nas últimas semanas para trasladar ao pobo palestino que non hai alternativa.
O encontro de hoxe recolle toda a indignación e rabia que estes comportamentos sementaron durante meses no pobo galego e serve para proxectalas no futuro con novas mobilizacións que iremos anunciando en breve desde a Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina.
O pobo galego non será cómplice destes crimes por omisión ou por ficar de brazos cruzados e en silencio. Queremos unha Palestina en paz, unha Palestina sen ocupación. E para iso continuamos firmes no compromiso que anunciamos nas primeiras mobilizacións no final de 2023: non deixar nunca de falar da Palestina, denunciar o réxime imperialista e colonial de Israel en toda a parte, e sinalar e combater coa mobilización social a política colaboracionista de quen nos goberna.