Un milleiro de persoas percorre as rúas de Vigo en defensa do naval e polo futuro da bisbarra
Arredor dun milleiro de persoas participou hoxe en Vigo na manifestación convocada pola CIG en defensa do naval e polo futuro da comarca. Unha mobilización que arrincou da Dobrada e rematou diante da delegación da Xunta coa que a central sindical quere amosar o seu rexeitamento a unha nova reconversión encuberta “que acabe por afundir definitivamente o naval” e reclamar unha intervención pública directa que reverta a privatización de Barreras e dote a ría dun estaleiro público ou semipúblico.
“Esta manifestación é un exemplo máis de que non nos resignamos fronte á grave crise laboral, social e produtiva que padece a comarca de Vigo, de que non quedamos de brazos caídos mentres avanza a desertización industrial que ameaza xa non só o noso futuro senón o presente”. Deste xeito comezou a súa intervención ao remate da marcha o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.
O responsábel sindical lembrou que dende o inicio da pandemia destruíronse só na cidade de Vigo por volta de 1500 postos de traballo nas diferentes actividades industriais, polo que na actualidade hai 6100 empregos industriais menos dos que había en 2009. “Fronte á propaganda oficial estamos aínda moi lonxe dunha verdadeira recuperación”, lamentou.
Neste senso, denunciou que esta situación de crise industrial continúa a agravarse sen que a Xunta do PP nin o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos reaccionen e actúen para poñerlle freo. “Porque a pesar do que poida parecer, o pobo traballador non come de luces led, nin de fanfarria, nin de propaganda”, ironizou.
Gonçalves detívose especialmente na “situación límite” do sector naval, “que corre o risco de desaparecer tal e como coñecíamos”. Censurou que os atrancos da Autoridade Portuaria continúen a boicotear a recuperación da actividade no antigo Vulcano, “e Barreras avanza sen freos cara un escenario de liquidación, ao tempo que se mantén a falta de carga de traballo noutros estaleiros como Metalships, e vemos como a industria auxiliar continúa estrangulada por causa da situación que viven os principais estaleiros”.
Intervención pública
Sinalou que a CIG leva moito tempo a alertar desta situación límite e a esixir que as Administracións reaccionen e que, diante da incapacidade do capital privado, aposten por unha decidida intervención pública que blinde o sector e garanta a continuidade da actividade produtiva e do emprego.
Precisamente por defender con “firmeza e coherencia” esta posición a reacción de dirección de Barreras foi a de despedir “de maneira ilegal e aberrante” ao delegado da CIG, Rafa Pérez. “O que pretenden con esa decisión é amedrentarnos, impoñer o silencio e a mansedume servil que practican de maneira indecente outros sindicatos no estaleiro; pero que saiban que non están a bater só contra Rafa, téñennos a todos/as en fronte, e imos ir con toda a nosa forza, con toda a nosa capacidade de mobilización, con toda a contundencia que nos define, até lograrmos a súa readmisión”.
Diante disto, preguntouse a que agardan a Xunta e o Goberno español para actuar. “Que máis ten que pasar para que movan un dedo en favor do naval de Vigo? Cantos postos de traballo mais teñen que desaparecer? Cantos traballadores/as teñen que abandonar o país e emigrar?”.
Porque para Gonçalves “non abonda con afirmar nos discursos e nas declaracións a importancia do naval e da industria, hai que demostralo con feitos; menos palabrería e máis DOG e máis BOE; menos xestos e máis decisións concretas”, demandou.
O máximo responsábel da CIG-Vigo apelou a unha intervención pública que reverta a privatización de Barreras imposta polo PP de Aznar a finais dos anos 90 e que dote a ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico “co que blindar a continuidade da actividade e do emprego nun sector que ademais de estratéxico para Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza, é para nós rotundamente irrenunciábel”.