Un informe xurídico avala as teses do persoal de Ferroatlántica: as actividades non se poden segregar
"A supresión ou cambio da prohibición de segregación en sociedades distintas dos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos Xallas e Grande e da actividade industrial de ferroaliaxes en Cee e Dumbría suporía unha alteración substancial que, alén da mera autorización administrativa, levaría á extinción das concesións actuais- coa conseguinte reversión á administración galega de usos e instalacións-" e o inicio dun novo proceso de outorgamento das concesións.
Esta é unha da conclusións ás que chega o informe xurídico elaborado pola Universidade da Coruña, e que hoxe fixo público o seu autor, o profesor titular de Dereito Administrativo Carlos Aymerich, nunha rolda de prensa conxunta co Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas. O documento, realizado a instancias da representación social, aborda a posibilidade, consecuencias e condicións da transmisión e modificación dos aproveitamentos hidroeléctricos dos que Ferroatlántica é titular nos ríos Xallas e Grande.
Pero as conclusións ás que chega o especialista en Dereito Administrativo distan moito das afirmación que fai a empresa, incidindo no feito da necesaria autorización administrativa previa e que en ningunha circunstancia a Xunta pode autorizar a transmisión da titularidade das centrais se non se cumpren as condicións da concesión orixinal.
Unha desas condicións é, subliñou Aymerich, "a de que non se poden segregar en dúas sociedades distintas as actividades de ferroaliaxes e a de produción hidroeléctrica", xa que esta cláusula persegue salvagardar un interese público: o mantemento do emprego e da actividade industrial na Costa da Morte.
"Unha resolución administrativa que autorizara a transmisión dos aproveitamentos a unha empresa diferente da que é titular das actividades de ferroaliaxes sería nula de pleno dereito", aseverou. E incluso a persoa funcionaria ou autoridade que ditara unha resolución neste sentido podería estar incorrendo "nun delito de prevaricación administrativa tipificado no artigo 404 do Código Penal".
A respecto das dúbidas que está vertendo a empresa sobre a legalidade da cláusula que obriga a manter vinculadas ambas actividades logo dos cambios no marco regulador do sector eléctrico, Aymerich defendeu que non existe ningunha normativa que determine que esta condición poida ser ilegal. "A normativa eléctrica o que estabelece é a obriga de separar en sociedades diferentes a produción e comercialización da enerxía. Pero aquí estamos a falar de dúas actividades completamente diferentes, a enerxética e a industria de ferroaliaxes".
Caducidade das concesións
"As conclusións do informe apoian as nosas teses e confirman que se hai un cambio das condicións orixinais das concesións isto será motivo de caducidade das mesmas e polo tanto, deberán ser devoltas á administración", afirmaron dende o Comité. Ademais, segundo o informe, nestas circunstancias as instalación reverterían gratuitamente a administración que só estaría obrigada a indemnizar o valor das obras non amortizadas.
A este respecto, dende o Comité lembraron que o Grupo Villar Mir xa pretendera segregar as actividades cando adquiriu os saltos de auga e o complexo industrial a Carburos Metálicos nos anos 90. Unha pretensión que, daquela, a Xunta non autorizou, estabelecendo na resolución administrativa a vinculación das dúas actividades e preservando deste xeito o interese público.
Un interese público que, como apuntaron dende o Comité, "é a única garantía real de mantemento dos empregos", ao ligar a actividade industrial ao dereito de explotación dos recursos naturais.
Sen resposta dende a Consellaría
Preguntados pola utilidade que lle darán ao informe, dende a representación sinalaron que "facemos o traballo que nos corresponde, nese compromiso que adquirimos de traballar conxuntamente coa Consellería de Industria". Censuraron que a estas alturas, tras comunicarse as autoridades bolsista o acordo entre Ferroatlántica e o fondo de investimentos Brookfield, o conselleiro non teña aínda contestado á solicitude de reunión que lle trasladaron.
"Agardamos que Francisco Conde nos reciba axiña e nos informe de que se está a facer dende o departamento que dirixe". Pola súa banda, a Xunta escúdase en que de momento a empresa non presentou ningunha solicitude á administración galega e que, non será até ese intre cando se elaboren os informes necesarios. Neste senso, recordaron que o grupo Parlamentar do PP instou a Xunta a preparar informes técnico-xurídicos sobre as condicións da concesión, "pero non sabemos en que sentido se farán eses informes".
Extorsión e chantaxe
No decurso da comparecencia o Comité denunciou a" extorsión, acoso e chantaxe" de Ferroatlántica aos cadros de persoal dos distintos centos de traballo para conseguir que apoien uns proxectos industriais "que non son máis que fume" e a través dos que a empresa pretende lexitimar unha operación "que legalmente non pode facer e así forzar a administración a autorizar esta venda especulativa".
Nesta campaña, a empresa recorre a toda a maquinaria propagandística da que dispón para convencer das bondades dun plan industrial e unhas inversións que, irrevogabelmente, liga a venda das centrais hidroeléctricas. Porén, espetaron dende o Comité, nos últimos 25 anos o grupo Villar Mir dedicouse a levar os beneficios por explotar os nosos recursos naturais a outras liñas de negocio fóra de Galiza e non reinvestiu nada nas fábricas de Cee e Dumbría".
Por iso, aseveraron, "a empresa poderá ofertar os plans que queira, pero non hai mellor plan que reinvestir nas fábricas os beneficios que obtén de explotar as centrais hidroeléctricas. Iso, sen mencionar que a explotación dos recursos da mina de Serrabal está na base do seu proxecto estrela: Ferrosolar".
Sobre isto último, a representación social acusou a empresa paralizar premeditadamente esta iniciativa, restrinxindo a carga de traballo para crear un contexto negativo "co que ameazar ao persoal con EREs e despedimentos se non asinan o famoso plan industrial".
Isto acontece a pesar de que o anuncio dunha nova planta de silicio de alta pureza en Sabón chegou antes de coñecérense as intencións de venda das centrais, das millonarias axudas públicas recibidas nos últimos anos en innovación e desenvolvemento, dos créditos concedidos hai uns meses polo Ministerio de Industria e, sobre todo, do compromiso de Pedro Larrea, Presidente de Ferroatlántica, de deixar FerroSolar fóra do conflito.
"Con este panorama, como podemos crer nada do que nos conta a empresa?", concluíron.