Un Goberno inconsecuente, que se considera inmune, como “El Rey”
O Estado limítase a prohibir un dereito constitucional sen fundamentar obxectivamente o perigo que aconsella esa toma de decisión. Cal é o perigo inminente e fundamentado que xustifica unha decisión tan drástica. Non o sabemos. E non existe
O Goberno español prohibía, a semana pasada, unha manifestación convocada fronte o Foro da Toxa para denunciar, diante dos seus responsables, a estafa dos prezos da electricidade e as indecentes subvencións da Xunta de Galiza a Abanca para substituír oficinas por caixeiros.
O dereito de manifestación é un dereito fundamental. Non é necesario solicitalo, só comunicalo, e de non existir motivos xustificados (que deben ser fundamentados) non debe ser prohibido. Esa é a teoría, a práctica amósase diferente... nun goberno inconsecuente.
A discrecionalidade e alegría coa que o Estado Español decide o que é un motivo xustificado para limitar dereitos fundamentais bate de fronte coa obxectivade necesaria para facelo. Quedou totalmente patente durante o Estado de Alarma. Mentres se criminalizaban concentracións obreiras, permitíanse sen rubor mobilizacións negacionistas. Independentemente das miñas opinións persoais e públicas, defenderei sempre o dereito dos negacionistas a manifestarse. E por iso non podo entender baixo que retorcida interpretación da norma se pode impedir unha concentración para protestar pola estafa dos prezos da enerxía eléctrica ou polo peche de oficinas bancarias que a Xunta financia con subvencións a caixeiros diante das persoas culpables deses feitos.
Afirman que é por cuestión de seguridade... e non nos equivoquemos; seguridade das persoas culpables da nosa situación actual. Segundo a Constitución do Estado, os cidadáns teñen dereito a reunirse e manifestarse, e é obriga do Estado garantir a seguridade. Un Estado que prohibe unha concentración por considerarse incapaz de garantir a seguridade “ de todos e todas” é un Estado que só cumpre cunha parte. E como non, coa parte poderosa.
O Estado limítase a prohibir un dereito constitucional sen fundamentar obxectivamente o perigo que aconsella esa toma de decisión. Cal é o perigo inminente e fundamentado que xustifica unha decisión tan drástica. Non o sabemos. E non existe. Nos últimos corenta anos non houbo tan poucos motivos como na actualidade para prohibir unha concentración, se é que estivo xustificado nalgún momento. Temen que as pancartas e os berros de indignación poidan ferir a sensibilidade dos participantes? Que non se preocupen, son insensibles.
Este Goberno acostumouse á falta de consecuencia das súas decisións. Declarou un estado de alarma que foi declarado ilegal (que van ser dous), amedrentou a cidadanía para limitar as protestas (recordemos que o dereito de reunión non estaba prohibido) e propuxo sancións aos máis “atrevidos”. Todo contrario a súa sacrosanta Constitución. Todo ilegal. E todo sen consecuencias.
Con eses precedentes é lóxico que non lle trema o pulso ao Goberno á hora de limitar unha concentración contra os culpables do noso malestar. Considéranse inmunes.
Pero non o son; é a nosa responsabilidade democrática demostralo.
[Galiza, 29 de setembro de 2021]