Un conflito global: guerra en Ucraína

Ignacio Ramonet - 22 Mar 2022

Máis aló do que ocorra no terreo concreto da batalla, polo demais trátase dun conflito mundial: comercial, financeiro e mediático, con derivacións mesmo deportivas e culturais. É un conflito que non deixa a ningún país á marxe. Ninguén pode dicir, estea onde se estea, que se trata dun conflito alleo. Isto dálle a esta guerra un carácter único desde a caída do bloque soviético e o final da Guerra Fría

 A guerra en Ucraína marca o inicio dunha nova idade xeopolítica. As súas consecuencias xa se senten en todo o mundo: ningún país, por afastado que estea, está a salvo dos efectos do conflito.

 En primeiro lugar, trátase dunha confrontación entre dous países -un grande, o outro mediano- que se desenvolve nun teatro local, preciso (o territorio de Ucraína, sobre todo no Leste), e que se está estendendo por máis tempo do incialmente previsto. Nun principio, podíase imaxinar, con certa razoabilidade, que as forzas armadas rusas podían conseguir os seus obxectivos mediante unha operación relampo de poucos días. Pero isto non se produciu, e o estado maior ruso enfróntase hoxe a un dilema entre dúas necesidades contraditorias: 1) ir rápido, e 2) preservar vidas humanas. Lembremos que a «operación militar especial» de Putin ten tamén por obxectivo conquistar os corazóns dos ucraínos rusofalantes, pero non se conquistan corazóns machucando a xente con bombardeos, incendios e destrucións... Ou sexa, as forzas rusas non poden despregar unha guerra relampo e ao mesmo tempo preservar a vida da poboación civil, que está sufrindo grandes perdas.

 A ofensiva volveuse polo tanto máis lenta e máis perigosa, e non se debe desbotar unha escalada. O presidente de Ucraína, Volodomir Zelenski, esixiulle á OTAN e aos EUA que establezan unha prohibición de sobrevoo -unha zona de exclusión- sobre o territorio ucraíno, cousa que as potencias occidentais non aceptaron, porque nos feitos significaría derrubar avións rusos... Rusia, pola súa banda, anunciou que non a respectaría. Chegar a esta situación implicaría un choque directo entre Rusia e as forzas da OTAN, ou sexa, unha guerra nuclear, que até o de agora se procura evitar.

 No actual escenario, o obxectivo principal de Estados Unidos podería ser inmobilizar durante bastante tempo, enlamar, as forzas rusas nos campos de Ucraína. Literalmente. É dicir, lograr que queden empantanadas. Hai que ter en conta un elemento estratéxico que non sempre se considera: a invasión rusa iniciouse o 24 de febreiro, cando os campos ucraínos aínda estaban cubertos de neve; a terra conxelada, dura, permitía que os tanques e os camións avanzasen sen problemas campo a través. Porque moitas estradas e pontes están minadas, sabotadas ou destruídas... Pero en pouco máis dun mes, cando cheguemos a fins de abril, comezará alí a primavera, a temperatura subirá e a neve e o xeo transformarán as inmensas estepas ucraínas en lama... Os tanques, os camións e os vehículos das longas liñas de fornecemento de Rusia comezarán a enterrarse, a inmobilizarse, e isto marcará o comezo dunha guerra totalmente diferente... Foi, sen ir máis lonxe, o que lle ocorreu ao exército alemán cando Hitler topou coa resistencia soviética en Ucraína. Por iso Rusia non dispón de moito tempo: se quere gañar a guerra ten que o facer en menos dun mes. Senón, exponse a un conflito longo en certo maneira ao estilo Afganistán. E que ocorrería se, entrementres, sucede algo noutro teatro de operacións dos rusos, por exemplo en Siria? Rusia non conta coa capacidade para levar a cabo dúas guerras de grande envergadura ao mesmo tempo. Nin sequera a ten Estados Unidos, que é unha potencia economicamente moi superior.

 Máis aló do que ocorra no terreo concreto da batalla, polo demais trátase dun conflito mundial: comercial, financeiro e mediático, con derivacións mesmo deportivas e culturais. É un conflito que non deixa a ningún país á marxe. Ninguén pode dicir, estea onde se estea, que se trata dun conflito alleo. Isto dálle a esta guerra un carácter único desde a caída do bloque soviético e o final da Guerra Fría.

 A batería de sancións ou medidas coercitivas impostas por Estados Unidos, Reino Unido e a Unión Europea xunto aos seus aliados, Xapón, Corea do Sur, Canadá, Australia e Nova Zelandia, repercuten de xeito global. Isto reflíctese xa nos prezos da enerxía e os carburantes, que van a máis: Rusia, como se sabe, é un gran produtor de petróleo e gas, Ucraína de carbón. As dificultades para soster a produción e as sancións están limitando o fornecemento, sobre todo en Europa. Por Ucraína, ademais, pasan os oleodutos e gasodutos que levan petróleo e o gas ruso a Europa, que depende aproximadamente nun 40% deses hidrocarburos. Todo isto altera de xeito moi acelerado a xeopolítica da enerxía. E produce novos efectos sobre as sociedades. O gas e o petróleo son chave para a produción de electricidade, porque moitas centrais xeradoras funcionan con petróleo. Isto fixo que a electricidade, por exemplo no Estado español, alcance prezos altísimos, ou que noutros países, como Alemaña, se volva a debater a necesidade de manter as centrais nucleares.

 Do mesmo xeito, metais como o aluminio, o cobre e o níquel rexistraron un aumento de prezos exorbitante. O níquel superou os 100 mil dólares a tonelada. As fábricas de automóbiles, en particular as de modelos máis modernos e caros, están sufrindo os novos prezos. BMW está estudando se detén a súa produción. Rusia é ademais unha gran produtora de titanio, chave para a fabricación de microprocesadores (chips), que xa viñan en crise pola pandemia.

 Noutras palabras, sobre unha situación de grave recesión económica mundial provocada pola covid, o estourido da guerra de Ucraína e as sancións impulsan un aumento do custo de vida tan elevado que probabelmente esperte movementos de protesta e eleve o descontento cos gobernos en moitos países, entre eles os de América Latina. A tradución política da guerra probabelmente sexa unha vaga de manifestacións e demandas sociais por todo o planeta.

 Mais as ramificacións da pandemia tamén se senten nos posicionamentos das grandes potencias mundiais. China, a segunda potencia global, mantén unha posición próxima a Rusia, nun momento delicado e difícil, sen romper necesariamente co mundo occidental. Por Rusia e Ucraína pasan parte das novas rutas da seda, o gran proxecto de infraestrutura chinesa, que agora están parcialmente interrompidas pola guerra e as sancións. Para China, a guerra supón un golpe económico forte, na medida en que afecta un proxecto fundamental, definido por Xi Jinping como un dos eixes do desenvolvemento chinés e do seu despregamento polo mundo.

 Por outra banda, como consecuencia das sancións, Rusia pasa a depender cada vez máis de China. En certa medida, as medidas coercitivas impostas por Estados Unidos e Europa levan a Rusia a unha crecente dependencia de China, que podería adquirir unha capacidade hexemónica sobre Rusia. Ao mesmo tempo estamos a ver unha eventual ameaza de sancións a China no caso de que lle ofreza a Rusia solucións que lle permitan evitar as sancións ou paliar o seu efecto. Por iso China mantivo unha liña de cooperación con Moscova sen se aliñar de maneta unívoca coa posición rusa. Por exemplo, non votou en contra da resolución de Nacións Unidas de condena a Rusia; abstívose.

 Outra consideración, nun contexto de río revolto como o actual, China teme que Estados Unidos aproveite a ocasión para lanzar algunha iniciativa en favor de Taiwán, por exemplo se Taiwán inicia unha manobra militar preventiva coa escusa dunha inminente invasión chinesa ao estilo da de Rusia sobre Ucraína; ou se Estados Unidos e os seus aliados avanzan en maiores niveis de recoñecemento político e diplomático a Taiwán. Así mesmo, o goberno estadounidense anunciou recentemente que revisará o esquema de subsidios de China a aquelas industrias cuxos produtos colocan no mercado norteamericano con vistas a un posíbel aumento de aranceis, retomando a guerra comercial que no seu momento intensificara Donald Trump. En suma, vese unha vontade de Washington de acosar a China, reafirmando que o obxectivo estratéxico principal de Estados Unidos no século XXI é conter a China, debilitala de maneira que non logre superar a Estados Unidos e disputarlle a súa hexemonía.

 O outro actor importante, xunto a Estados Unidos e China, é Europa. E neste sentido a consecuencia máis significativa da guerra é o rearmamento alemán. Desde a finalización da Segunda Guerra, Alemaña non contaba con forzas armadas importantes nin cun orzamento militar relevante. Era a OTAN, e en última instancia os EUA, de acordo aos pactos asinados tras o final do conflito armado, os que aseguraban esencialmente a defensa alemá. Hai poucos días, porén, o chanceler Olaf Scholz anunciou un programa de rearmamento colosal, de máis de 100 mil millóns de euros, que inclúe o relanzamento da industria militar alemá, a reconstrución dos estaleiros, a forza armada, a aviación... Os recursos totais equivalen a case o 3% do orzamento anual, é dicir, case tanto como Estados Unidos. É unha verdadeira revolución militar, que terá impactos xeopolíticos (aínda que siga sen dispoñer de armas nucleares, Alemaña converterase axiña na principal potencia militar europea) e económicos (Alemaña é o único país realmente industrializado de Europa e o maior exportador industrial do mundo per capita; posto a fabricar armas, barcos, submarinos ou drons, podemos apostar que producirá unha conmoción na industria armamentista global).

 Para rematar, a importancia da guerra de Ucraína reflíctese en movementos xeopolíticos que até hai pouco tempo parecían impensábeis en América Latina. Un deles é a entrevista entre o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, e unha delegación de Estados Unidos, para seica iniciaren negociacións que permitan retomar as exportacións de petróleo venezolano a ese país. Nos feitos, isto implica un recoñecemento «de facto» de Maduro que termina de desprazar definitivamente a Juan Guaidó do escenario político e que tamén afecta ao principal aliado militar de Washington en América Latina, Colombia, cuxo presidente, Iván Duque, quedou descolocado... Este tipo de cambios súbitos de posición confirman que estamos ante un conflito de consecuencias globais. A historia, en efecto, púxose novamente en marcha.

 

[Artigo tirado de Le Monde Diplomatique, edición Cono Sur, marzo de 2022]