Un ano despois: cinco cousas que a guerra en Gaza nos aprendeu sobre a loita palestina

Ramzy Baroud - 24 Out 2024

A nova conciencia global que se desenvolveu ao redor da loita palestina pode alcanzar xa a masa crítica necesaria que, co tempo, dará lugar ao tan ansiado cambio de paradigma: xustiza para o pobo palestino

 O último ano dunha implacábel guerra israelí en Gaza e de sanguentas incursións e violencia en Cisxordania consideráronse en gran medida en termos dos seus horríbeis resultados humanitarios: a matanza sen precedentes de ducias de miles de persoas, a destrución de Gaza e a destrución en Cisxordania.

 Aínda que a urxencia humanitaria debe ser sen dúbida unha prioridade, tamén hai outros factores que merecen ser considerados, especialmente agora que conmemoramos o primeiro aniversario da guerra en curso.

 Aínda que a matanza en masa aínda non terminou, xa se poden tirar varias conclusións sobre as consecuencias a longo prazo da guerra.

1

 En primeiro lugar, as e os palestinos, malia a ocupación militar, o asedio e os numerosos fracasos dos seus dirixentes, seguen a ser actores políticos cunha poderosa capacidade de acción.

 Isto non xorde de ningún logro superficial do seu liderado autocrático nin do recoñecemento aínda simbólico do Estado de Palestina, senón da resiliencia e o poder colectivos das e os palestinos comúns en Gaza e en toda a Palestina ocupada.

 A guerra en Gaza sería diferente se a sociedade palestina se esfarelase ante a maquinaria bélica, se fragmentase en faccións combatentes ou se desesperase ante presións imposíbeis: guerra, destrución sen precedentes, fame negra aguda, etc.

 Este feito por si só asegúranos que o destino do pobo palestino non será o da eliminación ou a marxinación, senón o da continuidade e mesmo a prosperidade futura.

2

 En segundo lugar, as sociedades árabes, por moi ocupadas que estean coas súas propias loitas e desafíos sociais e políticos, seguen unidas na percepción da causa palestina como unha prioridade árabe máxima. Isto permitiu a moitos gobernos árabes reiterar a súa posición respecto da centralidade da causa palestina.

 Aínda que as circunstancias actuais poden impedir, polo de agora, que algunhas sociedades árabes participen directamente na transformación da súa devoción a Palestina nun apoio tanxíbel e práctico, o futuro demostrará que a renovada centralidade de Palestina nos discursos políticos e populares árabes terá o seu propio peso e valor.

 A mesma lóxica se aplica á Ummah [comunidade] musulmá, que nunca estivo tan unida ao redor dunha causa en décadas como o está agora ao redor de Palestina. Isto percíbese en todos os países musulmáns e entre as comunidades musulmás de todo o mundo, especialmente en Occidente.

 O futuro revelará máis acerca do significado do retorno de Palestina aos brazos dos árabes e os musulmáns. Con todo, xa se pode concluír que a resistencia do pobo palestino volveu centrar a atención en Palestina como a causa principal de todos os árabes e musulmáns.

3

 En terceiro lugar, aínda que o dereito internacional segue a ser tan ineficaz como sempre, a sanguenta guerra en Palestina está a crear divisións entre o Sur e o Norte globais. Este último, con poucas excepcións, segue insistindo en repetir vellos mantras sobre o «dereito de Israel a se defender», mentres ignora todos os dereitos palestinos.

 Con todo, moitos países de África, Oriente Medio, América do Sur e outros lugares están a expresar cada vez máis enerxicamente as súas demandas de xustiza para o pobo palestino e dunha aplicación equitativa do dereito internacional.

 A revolta política do Sur Global xa deu lugar a medidas lentas, pero serias, adoptadas pola Corte Internacional de Xustiza, a Corte Penal Internacional e, ultimamente, tamén pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

 O 17 de setembro a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou unha resolución que fixaba un prazo real para a fin da ocupación israelí de Palestina. A resolución A/ES-10/L.31/Rev.1 e o seu prazo de “non máis tarde de 12 meses” declaraban nulas e sen valor todas as accións que Israel levou a cabo ilegalmente nos Territorios Ocupados, incluídos todos os asentamentos, a anexión de terras palestinas e todo o demais.

4

 En cuarto lugar, toda unha xeración de persoas en todo o mundo se viu afectada polo horror que se produciu en Gaza. As imaxes sanguentas, as súplicas desesperadas das e os nenos que perderon a seus pais, a incríbel destrución e o fracaso do sistema internacional á hora de poñer fin a todo isto quedarán gravados na memoria colectiva do mundo durante moitos anos.

 Isto significa que os límites da solidariedade global con Palestina finalmente romperán os confíns do Medio Oriente para crear novos e crecentes espazos xeográficos e culturais e que, polo menos en Occidente, Palestina xa non seguirá sendo unha discusión política ou un tema académico.

 A nova conciencia global que se desenvolveu ao redor da loita palestina pode alcanzar xa a masa crítica necesaria que, co tempo, dará lugar ao tan ansiado cambio de paradigma: xustiza para o pobo palestino.

5

 E por último, un ano de guerra aprendeunos que, aínda que unha potencia de fogo superior pode determinar os resultados políticos a curto prazo, ningunha cantidade de armas pode quebrantar a vontade dunha nación que prometeu restaurar a súa dignidade e gañar a súa liberdade, sen importar o custo.

 

[Artigo tirado do sitio web Palestine Chronicle, do 9 de outubro de 2024]