Un 90% do persoal de ZF Lifetec secunda a folga contra o despido de tres compañeiros
A maioría do comité de empresa de Dalphimetal España-ZF Lifetec cualificou de “éxito rotundo” a xornada de folga convocada hoxe para rexeitar o despido de tres traballadores. Coincidindo co paro arredor de 300 persoas percorreron en manifestación o polígono vigués do Caramuxo, facendo paradas nos dous centros de traballo da empresa do sector da automoción para reclamar a readmisión dos despedidos.
A convocatoria -da que unicamente se desmarcou CCOO- foi lanzada pola maioría da representación sindical tras o despido obxectivo de tres traballadores con varias décadas de antigüidade na empresa (25, 26 e 38 anos). Dende o comité rexeitan que as rescisións de contrato estean xustificadas, tal e como sostén a dirección, e lembran que dous dos afectados estiveron de baixa recentemente por doenzas derivadas de riscos psicosociais.
Por iso consideran que as causas económicas, organizativas e da produción esgrimidas por Dalphimetal para xustificar a decisión “son unha escusa para aforrar custes desfacéndose do persoal con máis antigüidade”.
Durante a xornada o persoal desenvolveu concentracións diante das instalacións da compañía ao inicio da quenda de noite (22:00) e da de mañá (5:00). Posteriormente unhas 300 persoas participaron na manifestación que percorreu o polígono industrial a partir das 12:30 horas e que foi facendo paradas ás portas dos dous centros de traballo da empresa ao berro de “Despedidos readmisión” e “Non ao despidos en Dalphimetal”.
Ao remate da marcha tomaron a palabra os representantes das tres organizacións sindicais convocantes, a CIG, UGT e CUT. Por parte da CIG falou o presidente do comité de empresa, Eduardo Ruanova, que lamentou a decisión da empresa e cualificou a xornada de “histórica” xa que “é a primeira vez que se lle dá unha resposta tan contundente á dirección”.
Ruanova agradeceu tamén a solidariedade amosada polo cadro de persoal e por outros/as delegados/as do sector da automoción que participaron na protesta. Finalmente, censurou a actitude dos representantes de CCOO por non ter convocado a folga nin as mobilizacións.