Un 61% do profesorado ten problemas para conectar co alumnado e a práctica totalidade suspende á consellaría
A CIG-Ensino realizou unha enquisa entre o profesorado, entre os días 11 e 16 de abril, na que participaron un total de 6.352 docentes. Nela constátase a fenda dixital e social do alumnado galego; que a teleformación, malia os esforzos docentes, non pode dar resposta á atención á diversidade; que unha amplísima maioría do profesorado comparte a idea de dunha promoción de curso aberta a excepcionalidades -que deben ser observadas polo equipo docente e sen que dependa do coronavirus- e critica a indefinición e a falta de instrucións claras por parte da Consellaría de Educación.
Cando xa levamos máis dun mes de paralización da actividade lectiva presencial e a actitude errática e imprecisa da Consellaría nos mantén en vilo ao respecto de como se vai desenvolver o terceiro trimestre e o final de curso, a CIG-Ensino tomou a iniciativa e vén de realizar unha enquisa entre o persoal docente para coñecer como está a ser a súa experiencia coa teleformación e as eivas que atoparon cun sistema imposto dun día para outro sen posibilidade de adaptación e, como manifestan a maioría das persoas enquisadas, sen apenas apoio nin formación por parte da Consellaría. A resposta do profesorado foi ampla e prolixa, o que amosa a necesidade de expresarse que tiña un colectivo que, durante todo este tempo de situación excepcional a nivel sanitario e educativo, non foi consultado nin unha soa vez a través dos seus representantes sindicais.
Fenda dixital
Máis de 6.350 docentes participaron no inquérito e deixaron máis de 1.600 comentarios nos que se constata a existencia dunha fenda dixital e social que leva a que unha ampla maioría dos participantes recoñeza dificultades para conectarse co seu alumnado. Neste sentido só un escaso 20% do persoal docente afirma que pode interactuar sen problemas co estudantado. A maioría (61%) di que pode comunicarse con limitacións, principalmente con orixe no alumnado (o 82% dos que teñen limitacións) mais en menor medida tamén dos e das docentes (18%).
Como era previsible existe unha maior afectación derivada de vivir no ámbito rural, xa que ao respecto do alumnado que vive en cidades e vilas medias, hai un diferencial de dez puntos porcentuais (45% fronte a 34 ou 35%) no motivo que explica a falta de comunicación co profesorado. Pero, sen dúbida, o dato máis contundente é que no 25% das aulas do profesorado que contestou ao cuestionario a participación é inferior ao 30%. Fronte a este dato, só un 10% das aulas rexistran unha participación maior do 90% dos discentes.
Se facemos unha analoxía da situación da teleformación cun centro escolar ordinario, a metade das aulas terían importantes ausencias e na outra metade a inmensa maioría dos “pupitres” estarían baleiros.
Como resumo do resto de respostas, o profesorado dinos que en máis da metade das súas aulas participa menos da metade do alumnado, e detalla nos comentarios que ademais de “problemas de cobertura” existen outros condicionantes socio-económicos detrás desta desconexión: dificultade das familias para o manexo dos dispositivos electrónicos e das plataformas educativas, pais e/ou nais que teñen que compaxinar traballo como servizos esenciais e/ou teletraballo co coidado das crianzas e que polo tanto precisan dos medios informáticos en horario escolar ou non dispoñen de tempo para acompañalos nas actividades de ensino/aprendizaxe, situacións económicas complexas derivadas de ERTE´s, despedimentos, peches de negocios familiares, etc.
A dupla desconexión: o alumnado con NEAE
No caso dos nenos e nenas que teñen diversidade funcional ou que precisan dun apoio específico compróbase como sofren con maior carga de profundidade a falta de recursos e de interacción co seu profesorado habitual e coas especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Máis de dous terzos das respostas apuntan a unha diferenza apreciábel co resto do alumnado. A metade delas (case un 35% do total das respostas) indican unha menor participación deste alumnado, mais destaca unha porcentaxe case igual (31%) que apunta aos insuficientes recursos e materiais adaptados. Só un reducido 20% dos docentes que responderon afirman que a participación no ensino telemático é similar.
O profesorado achega tamén un dato de valor respecto á atención ao alumnado con Necesidades Educativas de Apoio Específico: o 85% afirma que non recibiu ningunha indicación específica para abordar a diversidade empregando a formación a distancia. Se unimos esta afirmación coa demanda de instrucións e apoio específico presentes noutras respostas ao inquérito é fácil chegar á conclusión de que estas serían especialmente necesarias.
Profesorado “estresado”
Dous terzos do profesorado que cumprimentou a enquisa afirma que a novasituación creada coa suspensión da docencia presencial e o confinamento lle supuxo un incremento moi importante de traballo, o que é doado de concluír se partimos dos datos recabados tamén nesta enquisa e que reflicten a situación de partida. O 54% do persoal docente afirma que non contaba con formación ou experiencia previa na teledocencia.
Este dato é máis elevado en primaria (70%), como é obvio pola metodoloxía de traballo co alumnado de menor idade, que en secundaria e outros niveis (45%). En concreto, e tendo en conta o sistema educativo presencial e socializador no que estamos, case a metade do persoal docente de ESO e niveis superiores declarou que se tivo que enfrontar a esta nova situación practicamente de cero, co que isto implica de esforzo e dedicación, apoiándose en compañeiros e compañeiras e recursos propios e sen apenas respaldo da administración.
Así mesmo, un 67% das respostas deste perfil docente indicaban que nunca antes empregaran a aula virtual do centro, o que en certa medida tamén dificulta o seguimento do alumnado. Desde a CIG-Ensino xa alertamos ao comezo do confinamento que a comunidade educativa non estaba suficientemente preparada para a formación online e que esta non pode substituír de ningún xeito a presencial, sobre todo nalgunhas etapas e ensinanzas, o que debería ser tido en conta polas administracións á hora de tomar decisións sobre avaliacións, impartición de currículo novo, titulación ou promoción de curso…
Suspenso á Consellaría e á Inspección
No que hai practicamente unanimidade entre o profesorado participante é na sensación de sentirse “sós, abandonados pola administración, sen directrices claras e coa responsabilidade de tomar decisións de cara ás familias e ao alumnado que lle competen á autoridade educativa”, tal e como se recolle nalgúns dos comentarios feitos anonimamente.
O silencio e inacción que demostrou a Consellaría até o momento na xestión da crise, que foi duramente criticado pola CIG-Ensino, tamén son dúas das queixas máis destacadas, xunto co feito de que a información lles chegue a través dos medios de comunicación ou por algunha carta sen contido da conselleira Carmen Pomar, que reflicte o persoal que participou no inquérito.
A práctica totalidade do profesorado (95%) considera insuficiente a actuación da administración educativa e tan só un 5% a considera axeitada. O 90% reclama a necesidade dunhas instrucións claras que permitiran afrontar o segundo trimestre e a súa avaliación, así como o desenvolvemento deste até finais de curso.
No tempo transcorrido desde as suspensión das aulas, dous terzos do profesorado (66%) non recibiu ningún tipo de orientación sobre a adaptación das tarefas co cambio á teledocencia ou das destrezas a desenvolver co alumando. Ese terzo do persoal docente que si recibiu orientacións ou indicacións afirma que foi sobre todo a través do resto do profesorado (52%), especialmente do propio centro (40%) e en menor medida de fóra do centro (12%).
Un papel destacado xogan neste caso as direccións, que achegaron nun 44% dos casos as orientacións sobre posíbeis adaptacións á teledocencia. Un papel absolutamente irrelevante é o que xoga neste caso a inspección educativa, xa que só representa o 3% da información e orientación achegada. Mais se algo hai que destacar especialmente no caso da inspección é que as comunicacións non foron na inmensa maioría para asesorar ou brindar apoio senón só para funcións burocráticas e solicitude de informes.
Terceiro trimestre e próximo curso
A consulta sobre cal debe ser a forma de proceder neste terceiro trimestre é unha das máis valiosas desta enquisa polo que significa de darlle voz a quen coñece cal é a situación real das “teleaulas” galegas neste momento. En liñas xerais, existe unanimidade á hora de establecer uns criterios de avaliación adaptados á nova situación. Un 93% dos que contestaron así o manifestaron. Iso si, dependendo da etapa educativa hai disparidade de pareceres acerca de como afrontar este final de curso: o 69% dos mestres e mestras que traballan en infantil e primaria consideran como mellor opción dar o curso por rematado, desde o punto de vista académico, no remate da 2ª avaliación. Pola contra, a opción dunha avaliación final condicionada e non discriminatoria é maioritaria nas demais etapas educativas: 59% na ESO, 63% no Bacharelato, 65% na FP e 58% no resto de ensinanzas.
Case un 79% considera que o mellor criterio é unha promoción de curso no que as excepcións teña que fixalas o equipo docente, en función da evolución do seu alumnado ao longo do curso, ciclo ou etapa segundo corresponda, mais sen que a interrupción da docencia presencial poida afectar a esa promoción. Outras opcións como o aprobado xeral (4%) ou a promoción automática sen que o equipo docente poida fixar excepcións (14%) son claramente minoritarias.
Xa coa ollada posta na valoración das incidencias que o confinamento e a interrupción das aulas presencias vaian ter no curso 2020/21 unha inmensa maioría do profesorado (74%) considera que vai ser relevante e afectará como mínimo ao 1º trimestre (46%) ou ben a todo o curso escolar (31%). Redúcese a un 20% a opinión dunha escasa ou nula incidencia.
O perfil das respostas
O 34% das respostas son de mestres e mestras que imparten en Infantil, Primaria e Educación Especial, o 61% son docentes de Secundaria e FP e o 5% traballan en escolas de idiomas e outros centros de ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de arte, etc). Por ámbitos xeográficos algo menos da metade traballa en centros urbanos (46%), sendo case o 17% quen están en centros de vilas de entre 10.000 e 20.000 habitantes, o 19% en centros de vilas de entre 5.000 e 10.000 habitantes e perto do 18% no medio rural. Algo máis dunha cuarta parte das respostas (27%) proveñen de mestres ou mestras que dan clase nunha única aula, con alumnado dun mesmo ou máis cursos, mentres que o 47% das respostas son de docentes que imparten a varios grupos, atendendo até 100 estudantes.
Case un 19% do profesorado participante imparte aulas a máis de 100 alumnos e alumnas, chegando case ao 3% os que dan docencia a máis de 200 alumnas e alumnos, o que dá unha imaxe bastante clara da complexidade do traballo diario do profesorado e, como é obvio, dos efectos da irrupción da docencia non presencial. A participación de especialistas na atención á diversidade foi preto do 7% do total, entre mestres de Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) e responsábeis do departamento de Orientación.
Agradecemento
A CIG-Ensino agradece a colaboración de todo o profesorado que participou anonimamente neste inquérito que non pretende ser un estudo estatístico irrefutábel. Apunta que seguramente houbo preguntas que quedaron atrás ou algunhas que se poderían formular mellor. Con todo, considera que os resultados verten luz sobre a realidade que estamos a vivir e deberían ser tomados en consideración pola administración.
Tamén considera que é importante que a sociedade en xeral coñeza as condicións nas que están, como docentes, afrontando esta situación inédita na súa carreira profesional e, por que non, para que todas e todos, o profesorado galego, se recoñezamos nesa tarefa que, con todas as dificultades, con erros e acertos, mais moi maioritariamente cunha importante dedicación, está a desenvolver como parte central e insubstituíbel no proceso educativo.