Un 28 de abril na defensa dos nosos dereitos e da nosa saúde como traballadores/as e como galegos/as
O 28 de abril é a data estabelecida pola OIT e elixida polo movemento sindical mundial para render homenaxe aos traballadores e traballadoras vítimas dos accidentes de traballo e as enfermidades profesionais.
Sen dúbida na celebración deste ano 2019, dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) non podemos deixar de reivindicar se cabe esta vez con maior forza que nunca, a necesidade de abordar con determinación a loita pola recuperación dos dereitos laborais de todos os/as traballadores/as galegos/as, logo dun nefasto período de Goberno do PP no que a maiores dunha descomunal e extensa práctica de corrupción nas políticas públicas, se impuxeron dun xeito antisocial e cruel políticas económicas, laborais e sociais destinadas a destruír e eliminar importantes dereitos fundamentais das clases traballadoras, estendendo por doquier a pobreza, a inxustiza, a represión e a desigualdade.
A precarización laboral, a temporalización, os baixos salarios, as sobrecargas de traballo, a falla de garantías xurídicas, a indefensión antes os empresarios, as horas extras non pagadas, os contratos fraudulentos, a limitación da negociación colectiva ou a minimización e desvalorización da seguridade e a saúde laboral, forman parte entre outras moitas consecuencias, da aplicación dunha reforma laboral neoliberal despótica e antisocial, destinada literalmente a escravizar e empobrecer ao conxunto da clase traballadora e a favorecer a unha minoría empresarial e capitalista, ávida sen límites de ningunha clase de riqueza e de poder.
Así as cousas, faise necesario e imprescindible, non só mudar aos Gobernos e aos partidos que lexislan e gobernan a favor dunha minoría social que acumula inxustamente mediante o “roubo legal” ou mesmo “ilegal” a maior parte da riqueza en contra dos intereses e os dereitos da gran maioría social traballadora, senón que sobre todo, faise necesario mudar o tipo de políticas que se fan dende os Gobernos “democráticos” para que dunha vez por todas sirvan honesta e lealmente aos intereses e necesidades reais da maioría do pobo galego. Políticas económicas, fiscais, sociais e laborais que redistribúan a riqueza, que velen polo noso desenvolvemento económico, que afonden na xustiza social e que establezan un marco galego de relacións laborais propio, vinculado á nosa realidade nacional como País e como sociedade. Políticas que defendan a nosa identidade, o desenvolvemento sostible e equilibrado da nosa economía e o noso territorio, que defendan o noso patrimonio histórico, lingüístico e cultural e persigan como obxectivo fundamental elevar a calidade de vida da nosa xente asegurando unhas condicións de traballo realmente dignas e seguras para todos os nosos traballadores/as.
A estas alturas a ninguén se lle escapa que como consecuencia da reforma laboral e a brutal e inxusta imposición por parte do PP de políticas neoliberais extremas, as condicións de seguridade e saúde laboral nas empresas se ten deteriorado dun xeito altamente preocupante, incrementándose de maneira constante tanto o número de accidentes laborais como a súa gravidade sen que até agora se teña producido unha actuación política eficaz e decidida por parte do PP na Xunta de Galicia nin do PSOE no Estado para reverter esta escalada de sinistralidade.
Hoxe máis que nunca cumpre ser consecuentes e actuar con contundencia na defensa dos nosos dereitos, a nosa saúde e a nosa dignidade, como traballadores/as e como galegos/as.
Acadar unhas condicións de traballo dignas e seguras na nosa terra, constitúe un obxectivo irrenunciable e prioritario no marco da nosa acción sindical. Sen loita, sen implicación e sen mobilización non hai xustiza nin recompensa. Pola defensa dos teus dereitos, loita con nós, loita coa Confederación Intersindical Galega.
Francisco Xabier Cartelle Pérez
Secretario Confederal de Saúde Laboral