Un 2023 de loitas e mobilizacións

Nacional - 12 Xan 2023

O ano 2023 comeza marcado pola elevada carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, os chamados a un pacto de rendas, a profunda crise industrial (que afecta a comarcas enteiras do noso país) e as previsións de aprobar recortes con novas reformas, como a das pensións, aumentando o período de cálculo, ou a privatización do Servizo Público de Emprego.

Pola contra, non hai indicios de que a suba do SMI nos achegue aos 1.197€/mes (o 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea); que se vaia derrogar a lei mordaza ou que se afronte unha reforma fiscal profunda para facela realmente progresiva e redistribuidora da riqueza.

As medidas postas en marcha polo Goberno  resultan insuficientes para frear os efectos devastadores dos altos prezos

As medidas postas en marcha polo Goberno español resultan insuficientes para frear os efectos devastadores dos altos prezos, mentres vemos como o Goberno galego permanece sumido na inacción ou, no peor dos casos, aplicando políticas que afondan no carácter dependente de Galiza.

No mundo do traballo, baixo novas formas contractuais, medra a flexibilidade e a inestabilidade laboral, baixan os salarios e avanza imparábel a precariedade; consecuencia de sacar adiante unha nova regulación laboral sen ter derrogado na súa integridade as regresivas reformas de 2010 e 2012.

A isto súmase a decisión do Goberno de prorrogar a xubilación parcial por contrato relevo só para a industria manufactureira (e só para determinados postos), mantendo a discriminación ao non ser un dereito para o conxunto da clase traballadora e privando deste a moitas persoas que padecen unhas condicións laborais precarias e moi penosas.

Por iso, neste 2023, estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal e ante os Gobernos, a intensificar as loitas e as mobilizacións para conseguir un cambio radical nas políticas e que o custo da crise non recaia sobre as maiorías sociais, e para que non nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos.

Mais tamén para frear o recorte que nos pretenden impor nun dereito que tanto lle custou conquistar á clase obreira, como é o sistema público de pensións. Porque goberne quen goberne, as políticas favorábeis ás clases populares temos que loitalas.

Intervención pública

Precisamos políticas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos para evitar que se agudice o empobrecemento xeneralizado que está a padecer a clase traballadora. Pois, como lembra o secretario xeral, Paulo Carril, “canto máis tarde o Goberno en poñer en marcha estas medidas, que tampouco introduciu nos Orzamentos Xerais do Estado, máis profunda será a ferida social provocada pola descontrolada suba de prezos”.

A loita social ten un importante e decisivo papel a xogar sen medos e sen resignación, porque está en risco o noso futuro

Resulta inxustificábel deixar á marxe da rebaixa do IVE produtos básicos para a alimentación como o peixe e a carne, e advirte das consecuencias que ten para as economías familiares a supresión do desconto no prezo dos carburantes ou non conxelar a suba dos prezos dos alugueiros e hipotecas para todo o ano.

Critica que a alternativa se limite a un cheque que non é máis que un parche que deixa fóra moitas familias. “Dos gobernos non necesitamos beneficencia, senón que recoñezan o dereito a termos uns ingresos dignos (incremento do SMI, Renda de Inserción Laboral…), o que é incompatíbel co pacto de rendas que pretenden aprobar”.

Diante da grave situación económica, a CIG demanda un verdadeiro Plan de Choque que contemple a redución do custo da luz a través, entre outras medias, da creación dunha Tarifa Eléctrica Galega; fixar o SMI en 1.197€/mes; recoñecer o dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos ou recuperar a xubilación parcial aos 61, como medida de creación de emprego.

A loita social ten un importante e decisivo papel a xogar "sen medos e sen resignación, porque está en risco o noso futuro: que a clase traballadora e o pobo galego sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise".