UGT e CCOO impiden seguir negociando e pretenden revivir o preacordo enterrado polo persoal

UGT e a patronal dedicáronse a escenificar unha serie de preguntas xa pactadas e emprazáronse a dar unha resposta o xoves 12
A Coruña - 09 Feb 2026

Logo de anular a reunión da mediación prevista para o pasado venres, hoxe UGT e CCOO impediron, outra vez, que se aborde unha negociación que solucione o conflito no transporte de persoas e pretenden, ademais, ‘revivir’ o preacordo que foi rexeitado cunha rotunda maioría polo sector.

A CIG promoveu a reunión deste luns coa intención de reactivar a mediación e que se negociara un acordo novo, logo de contundente resultado das votacións, que enterrou a proposta da patronal, UGT e CCOO. “Ese acordo está morto e hai que traballar sobre unha proposta nova, porque os traballadores e traballadoras xa dixeron que non lles valía. Agora non só bloquean a posibilidade de negociar e acadar un texto mellor, senón que co subterfuxio da aclaración na acta, pretenden impor de novo o mesmo acordo matizado”, critica Ernesto López Rei, representante da CIG.

Aclara que neste encontro non se produciu ningunha negociación, xa que todo o tempo estivo dedicado a que a patronal respondera a unha serie de preguntas sobre os termos do preacordo rexeitado. Estas consultas xa estaban pactadas previamente e o único que foron ao Consello Galego hoxe foi a escenificar novemente algo xa precociñado e cuxas respostas xeran máis confusión, querendo maquillar un preacordo inasumíbel. Tanto UGT como CCOO manifestaron que precisan dous máis para someter ás súas bases o preacordo coas aclaracións e que o xoves ás 13 horas, traerán a resposta.  

Esta actuación, cunha folga indefinida convocada e que as asembleas de persoal acordaron reactivar o próximo mércores, o único que provoca é máis desconcerto no sector, máis cabreo entre o persoal e unha incerteza permanente entre as persoas usuarias, das que nin estes sindicatos, nin a patronal, nin a Xunta de Galiza parecen lembrarse.

“É unha irresponsabilidade e un atentado á democracia que estas alturas do conflito, UGT e CCOO manifesten na mesa que precisan dous días a maiores para aclarar a súa posición sobre o preacordo. Estamos ante unha imposición inaceptábel e un novo balón de osíxeno á patronal. O que está pasando na negociación deste convenio é inaudito e intolerábel”, valora López Rei.

A central nacionalista demandou continuar coa mediación mañá, pero esta proposta non foi aceptada. A CIG convocará asembleas de traballadores e traballadoras mañá, martes día 10 pola noite, nas tres cidades, para explicar o acontecido e organizar a resposta co sector.

A CIG tamén considera que esta reedición do acordo enterrado pola vía desta acta volve a poñer en cuestión a credibilidade da mediación e do Consello Galego de Relacións Laborais para a solución de conflitos.