UGT e CCOO exclúen do comité provincial de Pontevedra ao 42% do persoal de Mercadona
Tras a constitución formal do Comité provincial, UGT e CCOO alíanse para vetar á CIG -que foi o sindicato máis votado nas eleccións do pasado 30 de novembro de 2022- de todos os cargos a elixir: Presidencia, Secretaría e delegadas/os de Prevención de Riscos Laborais.
Este mércores constituíuse en Cambados o comité provincial de Mercadona para a Provincia de Pontevedra. A representación da CIG levaba unha proposta ao comité atendendo ao mandato dado polas traballadoras e traballadores nas eleccións celebradas o pasado 30 de novembro. Como central sindical máis votada, emitiu unha proposta de consenso sen excluír a ningún sindicato: Presidencia CIG, Secretaría CCOO e dos catro postos para o Comité de prevención de riscos laborais, 2 CIG, 1 UGT e 1 CCOO.
A proposta do cambio e de consenso realizada pola CIG foi rexeitada, segundo explican as e os representantes da central sindical nacionalista, “polo pacto que veñen de asinar UGT e CCOO, no cal exclúen á CIG de todos os postos”. Deste xeito o comité queda constituído coa Presidencia para a UGT, a Secretaría para CCOO e no comité de Prevención de Riscos Laborais, 2 UGT e 2 CCOO. “Este resultado contou cos votos a favor de UGT e CCOO (12 votos) e cos votos en contra da CIG (8 votos)”, indican.
A CIG, a única alternativa real
Diante desta situación, a sección sindical da CIG sinala que:
- Durante os últimos catro anos, UGT tiña unha maioría absoluta que era absolutamente inútil para defender os intereses das traballadoras e traballadores de Mercadona. CCOO debe explicar porque entrega a Presidencia do Comité, a un sindicato do cal eles mesmos renegaban fai escasas semanas, existindo alternativas en base aos resultados electorais.
- O pacto que veñen de asinar, amosa a vontade de UGT e CCOO de seguir atendendo os intereses da empresa fronte as demandas de cambio que precisamos as traballadoras e traballadores.
- O acordo de exclusión por parte da UGT e CCOO certifica que a CIG representa a única alternativa real par avanzar en dereitos e poñer fin aos abusos que vivimos día a día nos centros de traballo. Na provincia de Pontevedra, temos peores condicións laborais que na provincia da Coruña e iso atende ao sindicalismo corporativista que realizan desde fai anos UGT e CCOO en Pontevedra. Cando a CIG é determinante, as condicións laborais avanzan, así o fixemos no Comité Provincial de A Coruña, no cal o apoio á CIG non fai máis que aumentar ano tras ano.
- Este veto non impedirá que desde a CIG defendamos sen ambaxes os intereses das traballadoras e traballadores, tal e como estamos facendo desde o 30 de novembro de 2022.