UGT e CCOO asinan que os salarios do sector de derivados do cemento dependa de canto aumente a venda de cemento
Até 2020, a suba salarial para os traballadores e as traballadoras que se rexen polo convenio estatal de Derivados do Cemento estará ligada a un factor tan arbitrario como a evolución anual do consumo de cemento. Así se recolle no texto do convenio asinado o pasado verán pola patronal estatal, CCOO e UGT, e que a CIG-Construción cualifica de "auténtica tomadura de pelo".
Deste xeito, o incremento das retribucións deste persoal queda desvinculado de calquera dos índices utilizados habitualmente para realizar o cálculo, como pode ser o IPC; un indicador moito máis vinculado ás condicións reais de vida da clase traballadora, xa que marca a evolución do custe da cesta da compra. En anos anteriores, neste mesmo convenio xa se recorreu a outros baremos igualmente cuestionábeis como o Produto Interior Bruto ou o prezo do barril de petróleo Brent.
Para a CIG-Construción utilizar como referente para a revisión salarial un criterio tan arbitrario como o volume de consumo anual de cemento significa supeditar o medre dos salarios "á pura conveniencia empresarial" deixando de lado os intereses das traballadoras e os traballadores.
A Federación de Construción da CIG sitúa esta "novidade" introducida no último convenio estatal na escalada contra a negociación colectiva que está a levar a cabo a patronal, enfocada principalmente en recentralizar a negociación, afastándoa dos seus protagonistas (a clase obreira) e daquelas organizacións sindicais que lle poidan resultar máis molestas.
Fronte a esta ofensiva, a CIG-Construción seguirá pelexando por acadar un convenio galego do cemento, con entidade propia, que remate con esta farsa de negociación colectiva que só serve para facerlle o xogo á patronal e roubar dereitos laborais e salariais aos traballadores e traballadoras.