UE: A democracia non fracasou, simplemente xa non existe

Antoni Soy e Mathew D. Rose - 23 Feb 2023

O Qatargate é só a punta do iceberg dun sistema de corrupción en todas as instancias da Unión Europea e dos seus estados membros. As grandes corporacións e os ricos determinan as políticas europeas. As decisións xeopolíticas continúan sendo ditadas polos Estados Unidos, pero mesmo estas son estabelecidas nos Estados Unidos por intereses corporativos

 O enfado polas revelacións sobre o Qatargate resulta abraiante, xa que a corrupción na UE é endémica. O que pode facer que este caso fose diferente é que todas as persoas vinculadas a el se contan entre as supostamente «boas» da clase política europea: socialdemócratas, o Secretario Xeral da Confederación Europea de Sindicatos (CES) e responsábeis de dúas ONG humanitarias: «Loita contra a impunidade« («Fight Impunity») e «Non haberá paz sen xustiza» –nomen este omen, ambas inzadas de novos e vellos «bos» parlamentarios e funcionarios da UE-. Acaba de retirarse a inmunidade a outros dous parlamentarios socialdemócratas da UE aos cales a policía quería deter. Seica, un dos acusados está disposto a incriminar a outros «bos» parlamentarios da UE nun acordo para se declarar culpábel. O Qatargate está a pór de manifesto até que punto se estendeu a podremia na democracia liberal europea.

 Curiosamente, a corrupción continúa sendo considerada a Europa como unha aberración maligna, e non como o elemento determinante da súa política, que o é. Na operación de control de danos levada a cabo pola UE e os principais medios de comunicación despois do Qatargate, fálase, como sempre, das ovellas negras. Con todo, ninguén se fai a pregunta máis básica: De que cor é a manda?

 O que tamén é inusual neste caso é que algúns dos autores poderían ser procesados. Isto non se debe ao baixo nivel de tolerancia da corrupción nas institucións da UE ou nos gobernos europeos. O maxistrado belga que dirixe a investigación xa está a ser presentado como un heroe -candidato a unha serie de Netflix-, o lobo solitario que loita pola xustiza e a democracia europeas, que é o que a UE di estar a facer. A propia oficina antifraude da UE, a OLAF, co seu orzamento anual de 61 millóns de euros, é só outra das institucións de fume e espellos da hipocrisía da UE.

 Que o Qatargate sexa agora de dominio público pode oferecer consolo a algúns, mais a corrupción continúa determinando a política a Europa. O Qatargate foi dunha magnitude tan pequena que nin sequera pode ser considerado a punta dun iceberg. Cada grande acontecemento oferece novos campos de beneficio verdadeiramente masivos para a clase política, como é o caso da Covid, Ucraína e a crise climática. Mentres que os activistas climáticos exixen inxenuamente nos gobernos que «sigan á ciencia», a clase política europea ten un obxectivo diferente: «Seguir o diñeiro».

 Quedemos no nivel superficial da corrupción a Europa. O que ocorreu en Gran Bretaña nos últimos anos só se pode cualificar de «tsunami de corrupción». Durante a crise da Covid malgastáronse miles de millóns, ou mellor dito, enviáronse aos petos dos amigos, familiares e doadores do goberno conservador a cambio de pouco ou ningún beneficio. Por suposto, unha certa porcentaxe foi parar aos políticos e ao partido conservador. Pero este é só un dos moitos casos. Parece que cada día salta aos titulares británicos un novo e abraiante escándalo de «sordidez», e aquí acaba todo. A sordidez defínese como unha actividade de baixo nivel moral e o baixo nivel moral non viola a lei. A corrupción, si. Así que non hai xuízos. E case todo o mundo a Europa estará de acordo na baixa calidade moral da clase política, así que non pasa nada. De feito, hai todo tipo de termos en inglés para evitar o uso do termo corrupción -e os principais medios de comunicación fan un uso liberal deles-, igual que hai innumerábeis leis e lagoas xurídicas que permiten a corrupción «legal», por non falarmos da integración das forzas da orde, os fiscais e os xuíces neste sistema de corrupción.

 Alemaña non é diferente de Gran Bretaña. Tamén alí houbo políticos implicados na adxudicación de contratos aos seus amigos a cambio de comisións ilegais. Os tribunais non atoparon ningún delito. Interesante é o de feito que o actual chanceler, Olaf Scholz, estivo implicado nunha estafa, «Cum Ex», que tivo o custo en Alemaña e noutros estados europeos miles de millóns de euros en ingresos fiscais perdidos. O caso de Scholz foi arquivado pola fiscalía alemá, sobre a cal o goberno ten autoridade para ditar directivas. O outro día ocorreu o mesmo co ministro alemán de Finanzas, Christian Lindner, acusado de recibir empréstitos dun banco, ao que lle fai favores ocasionais, en condicións extremadamente xenerosas. Noutras palabras, foi pura sordidez. Non esquecemos tampouco que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, recibiu o seu actual cargo ao ter que ser sacada rapidamente de Berlín, posto que tamén ela, como ministra de Defensa, estaba envolta no que rapidamente se estaba convertendo nun asunto de corrupción. Polo menos, a persoa axeitada acabou no lugar axeitado.

 De feito, se se fai un percorrido pola corrupción nos Estados membros da UE, as cousas non son diferentes. Mesmo Escandinavia, que parecía estar relativamente libre de corrupción hai cinco anos, non ten este status hoxe en día. Con poucas excepcións, pódese afirmar facilmente que a forza motriz da clase política europea non é promover o ben común, senón os seus propios intereses privados. Canto máis ascende un político na xerarquía, maior é o seu valor de corrupción.

 O seu método é sinxelo: utilizar as esperanzas e os soños dos cidadáns para conseguir unha posición política privilexiada. Isto inclúe unha gran cantidade de sinais de virtude. Non haberá cambio político. Probabelmente, non hai institución política que perfeccione isto mellor que a UE, que se converteu nun centro «prêt-à-porter» de posturas morais.

 Mais isto non é nin a metade da historia. Respecto da corrupción, cometemos un erro crucial, ao que nos levan os medios de comunicación dominantes: vemos o receptor da corrupción como o culpábel. Que pasa cos que pagan os subornos? Cando Grecia se sumiu na súa crise financeira en 2009 empezaron a se destapar moitos casos de corrupción. A maioría implicaban grandes empresas alemás. Porén, especialmente en Alemaña, os gregos foron retratados como subornábeis e corruptos. Ademais estaba o virtuoso empresario alemán que se vía «obrigado» a pagar subornos para gañar a vida «honradamente». Unha vítima da corrupción. Algo semellante ao que ocorría hai un par de décadas, cando as prostitutas eran perseguidas pola policía, pero non os seus clientes ou proxenetas. Mesmo temos un nome honorábel para os proxenetas que subornan os políticos: lobbistas corporativos. Afirman que proporcionan aos políticos un asesoramento significativo para axudalos a tomar a decisión correcta, o cal sempre equivale a unha maximización dos beneficios dos seus clientes. O que ofrecen son subornos e ameazas. A sociedade oligárquica europea baséase na forza e a fraude.

 Entón, quen suborna? Para ter unha grande influencia política necesítanse importantes sumas de diñeiro. No caso do Qatargate, do que os políticos da UE afirman que foi un asunto moi menor e que non tivo influencia política real, descubriuse máis dun millón de euros en efectivo nas residencias dos acusados. Tratábase simplemente de billetes que estaban estrados por alí. Non sabemos canto non se descubriu, nin tampouco aparecen nestas sumas as numerosas atencións como viaxes en primeira clase, ceas e agasallos. Trátase de recursos monetarios que os cidadáns normais non se poden permitir. Máis aló das grandes corporacións, o 1% das elites, e nun caso como o Qatargate, os estados nacionais, ninguén máis pode. Isto é unha cousa que fan sistematicamente.

 De feito, as grandes corporacións e os ricos determinan as políticas europeas. As decisións xeopolíticas continúan sendo ditadas polos Estados Unidos, pero mesmo estas son estabelecidas nos Estados Unidos por intereses corporativos. É fascinante que a xente non se pregunte por que o quecemento climático, incluídas as emisións de CO₂, continúa aumentando a Europa, igual que a desigualdade e a pobreza, a inxustiza fiscal, a deterioración da sanidade e a educación públicas, o ataque á liberdade de prensa; de feito, todas as cousas que son aspectos fundamentais do que denominamos ben común están a empeorar inexorabelmente. Os gobernos europeos e a clase política dinnos que todo vai mellor. Non é así.

 Isto devólvenos á pregunta básica de «Cui bono?» (A quen beneficia?). O que está a aumentar son os beneficios empresariais e a riqueza privada do percentil máis alto, as elites. Isto non se debe ao feito que sexan terribelmente listos, como nos instrúen eles e os medios de comunicación dominantes. É porque ditan as regras. Mellor dito, mércanas.

 O curioso é que isto é de dominio público, igual que o cambio climático. Requírese un esforzo persoal para agochar a si mesmo esta realidade. Por que e como o fai a xente? Unha razón é que estamos socializados baixo un ideal de democracia. Celébrase diariamente nos principais medios de comunicación. Como describiu metaforicamente Josep Borrell, o pseudoministro de Asuntos exteriores da UE (culpábel el mesmo de tráfico de información privilexiada): a nosa democracia é o que nos diferencia aos humanos europeos das bestas «da xungla». É a proba da nosa superioridade moral e excepcionalidade sobre o resto da humanidade. Defendemos a batalla existencial entre democracia e autoritarismo. Todo é moi sinxelo: nós somos bos, eles son malos. Pór isto en dúbida simplemente non é posíbel para moitos cidadáns, incluída xente supostamente de esquerdas. A súa concepción do mundo desde a máis tenra infancia desintegraríase. Que pasaría con todas estas peticións asinadas, manifestacións ás cales se asiste, doazóns a ONG (moitas das cales son financiadas principalmente pola UE ou os gobernos nacionais europeos) que prometen facer grandes cambios, mais que acaban en melloras microscópicas? Significaría que cando un vota, sabe que nada vai mudar: Italia é un caso de manual. Cando se presenta unha alternativa posíbel, como foi o caso de Bernie Sanders e Jeremy Corbyn, os mesmos intereses utilizaron o seu diñeiro para impedilo, non Putin ou China. Ter que admitir isto é unha cousa verdadeiramente existencial. En esencia, a democracia a Europa é un mito similar á crenza de que a realeza é dalgunha maneira especial. Con todo, a xente parece querer -necesitar- acreditar neles.

 Despois está a cuestión da conciencia de clase. Gran Bretaña está a pasar ante os nosos ollos dunha economía falida a unha sociedade falida por mor dos políticos corruptos conservadores, pero tamén dos liberaldemócratas e os laboristas, que venden as decisións políticas ao mellor ofertante. Pero se preguntamos a calquera dos estridentes fanáticos de The Guardian, liberais de clase mediana metropolitana, cal é a causa, responderán o Brexit. Neste caso, os seus subordinados sociais comprenderan a crise política da súa nación e exerceran a súa opción democrática (o permiso desta é considerado pola maioría da clase dirixente británica como o maior erro político do século) para deter a podremia. O antagonismo de clase é, obviamente, outra forza moi poderosa que triunfa sobre a razón.

 Despois está a política identitaria, moi alentada pola clase política, que se concentra nos individuos e as súas axendas privadas mentres dá as costas aos movementos colectivos polo cambio social. Renega da clase e do colectivismo en favor dun grupo de interese específico, enfrontando os uns contra os outros, ignorando que a súa democracia se  foi a pique.

 Co consumismo quizais chegamos a outro elemento crucial. Respecto da política, igual que co cambio climático, moitos europeos cren que non teñen nada a gañar e todo que perder. O estilo de vida do Xardín Europeo de Borrell está ameazado, por líderes e estados autoritarios estranxeiros (hoxe os nosos amigos, mañá os nosos inimigos), refuxiados de pel escura, radicais que reclaman xustiza social, activistas climáticos, pobres que queren roubarlles o que teñen ou impedir que teñan máis. Mellor unirse ás mentiras e á hipocrisía: «Deus, sácame desta e deixa que a escoura e a próxima xeración sufran as consecuencias».

 Doutra banda, tamén chega un momento en que a xente ten a sensación que xa non ten nada que esperar da súa clase política. Até o de agora, este tipo de acontecementos estiveron relativamente illados a Europa. Vímolo en Grecia o 2015, cando os seus cidadáns votaron masivamente para rexeitar a destrución financeira da soberanía grega por parte da UE (e como era previsíbel, a súa clase política traizoou o seu mandato democrático). Vímolo o 2018 cos «Gilets Jaunes» en Francia, e de novo coa candidatura de Jeremy Corbyn a primeiro ministro, que o seu propio partido sabotou para impedir o cambio popular en Gran Bretaña. Vímolo cando o movemento climático renunciou aos políticos e pasou á desobediencia civil e a acción directa. De novo estamos a ver grandes movementos populares coas folgas masivas no Reino Unido por melloras salariais e das condicións laborais, pero tamén as protestas en Francia contra a maior degradación do seu sistema de pensións. Pero o sistema oligárquico foi capaz de facer fronte a todo isto, até o de agora, con bastante facilidade. O diñeiro depositado nos petos axeitados das persoas axeitadas demostrou ser un excelente investimento.

 Todos os sistemas políticos dominantes acabaron por se derrubar, como lle pasará a este. Isto pode vir da axitación interna, de forzas externas ou do colapso climático. Porén, o que podemos facer entrementres é deixar de acreditar na «democracia liberal» e enfrontarnos á realidade política da nosa sociedade, por arrepiante que sexa. Non é que a democracia fracase, simplemente xa non existe. A clase política e os seus pagadores oligárquicos non están aquí para promover os nosos intereses, unicamente os seus. Só nos temos uns aos outros; non consiste a sociedade no feito de que a xente se organice para avanzar?

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Catarsi, do 16 de febreiro de 2023]