Ucraína, unha guerra por delegación dos Estados Unidos contra Rusia?

Jacob G. Hornberger - 05 Mai 2022

Malia as declaracións públicas, a guerra entre Rusia e Ucraína non ten nada que ver coa liberdade, senón co desexo de Estados Unidos de integrar Ucraína na OTAN, un vello dinosauro da Guerra Fría que podería -e debería- ter desaparecido cando a Unión Soviética se desmantelou voluntariamente

 Nunha primeira ollada, semella que Rusia está en guerra con Ucraína. Mais o presidente ruso, Vladimir Putin, di que en realidade é Estados Unidos o que está en guerra contra Rusia e que simplemente está a delegar en Ucraína para levar a cabo esa guerra. Xa que logo, o que Putin quere dicir é que, se que Estados Unidos está en guerra contra Rusia, a posibilidade dunha guerra nuclear vai a máis cada día que pasa.

 Isto suscita unha pregunta importante para o pobo estadounidense, unha que a prensa xeneralista de Estados Unidos se  resiste a facer: É certa a acusación de Putin? Están os funcionarios estadounidenses utilizando Ucraína para debilitar ou mesmo destruír Rusia sen participar directamente nunha guerra contra este país?

 Abofé que non sería a primeira vez que as institucións de seguridade nacional de Estados Unidos utilizasen un exército delegado para intentar disfrazar o seu papel nunha guerra contra un réxime estranxeiro. Lembremos o uso por parte das autoridades dos EUA dun exército externo para atacar e invadir Cuba. Para disfrazar o feito de que era Estados Unidos o que estaba librando unha guerra de agresión contra Cuba, as autoridades estadounidenses utilizaron un exército formado por exiliados cubanos para levar a cabo a invasión.

 Aínda que O devandito exército fora adestrado e armado polos organismos de seguridade nacional de Estados Unidos, os funcionarios estadounidenses podían negar que o seu país estivese en guerra contra Cuba, malia que ese era o caso. Esa é a función dun exército delegado.

 SE situamos a guerra de Ucraína dentro dun contexto histórico máis amplo, hai probas dabondo de que a acusación de Putin é válida e que as autoridades dos EUA están a facer con Ucraína o mesmo que fixeron co seu exército delegado na Bahía de Cochinos.

 Ao longo da Guerra Fría, a administración estadounidense deixouse levar por unha animadversión extrema contra Rusia, contra os soviéticos, contra os comunistas e contra Cuba, unha animadversión que en realidade nunca desapareceu e se foi8transmitindo a cada xeración sucesiva de xenerais do Pentágono e funcionarios da CIA.

 Esa é a razón pola que os Estados Unidos manteñen o seu brutal embargo económico contra Cuba, que non pretende máis que o empobrecemento e a morte do pobo cubano, co fin de promover o cambio de réxime na illa.

 Non tiña por que ser así. Despois da revolución cubana, a administración estadounidense podería deixar a Cuba en paz e non impoñer un embargo económico á illa. Poderían deixar que os estadounidenses seguisen viaxando a Cuba e comerciando co pobo cubano.

 Ademais, a administración dos EUA podería levantar o embargo cando se produciu o claro final da Guerra Fría. A fin de contas, por que continuar con el se a Guerra Fría supostamente acabara? A razón era que a extrema animadversión anticubana e anticomunista era tan poderosa dentro do stablishment de seguridade nacional de Estados Unidos que os seus funcionarios sentían o impulso irrefreábel de seguir tentando destruír a Cuba.

 Non foi diferente con Rusia, que era o principal membro da Unión Soviética. Tras derrotar a Alemaña nazi na Segunda Guerra Mundial, aos estadounidenses díxoselles que, lamentabelmente, non se podían relaxar. Informáronos de que os Estados Unidos se enfrontaban agora a un novo inimigo oficial, posibelmente máis perigoso que a Alemaña nazi. Ese novo inimigo era dobre: o comunismo ateo e a Unión Soviética. Dicíase que unha conspiración comunista internacional con sede en Moscova pretendía apoderarse do mundo. A menos que Estados Unidos actuase para deter esta conspiración, o devandito país e o resto do mundo darían en volverse vermellos.

 Así é como o goberno federal pasou a converterse nun Estado de seguridade nacional, representado polo Pentágono, o vasto complexo militar-industrial, un imperio de bases militares nacionais e estranxeiras, a CIA e a Axencia de Seguridade Nacional, a NSA, o cal era novo para o estilo de vida estadounidense. Tamén así é como aplicamos a cada vez maior xenerosidade dos contribuíntes para o pagamento do establecemento da seguridade nacional e o seu exército cada vez maior de contratistas de «defensa». Tamén é a razón pola que agora vivimos baixo un goberno con poderes omnipotentes, non revisábeis, ao lado escuro, de tipo comunista-totalitario, como son o asasinato patrocinado polo Estado, o secuestro, a tortura, a detención indefinida, a vixilancia secreta masiva, os golpes de Estado, as operacións de cambio de réxime, as sancións, os embargos e as alianzas con réximes ditatoriais extremos.

 Tamén é así como conseguimos a OTAN, unha alianza militar burocrática cuxo propósito diáfano era protexer a Europa Occidental dun ataque da Unión Soviética.

 Non importaba que os soviéticos nunca tivesen a intención de iniciar unha guerra contra Europa Occidental, o que inevitabelmente implicaría a Estados Unidos, unha nación con armas nucleares que mostrara a súa disposición a empregalas contra cidades con poboación civil. Non importaba que a Unión Soviética sufrise unha devastación case total na Segunda Guerra Mundial, deixándoa sen base industrial para librar outra gran guerra. E non importaba que a Unión Soviética fose socia e aliada de Estados Unidos durante esa mesma guerra.

 Todo iso non importaba. O que importaba era a extrema animadversión antirrusa, anticomunista e antisoviética que agora movía o goberno dos Estados Unidos. Calquera que non se sumase a esta animadversión era considerado unha grave ameaza para a seguridade nacional.

 Como sinala no meu novo libro An Encounter with Evil: The Abraham Zapruder Story, houbo un home que se desvinculou desta animadversión extrema contra Rusia, o comunismo, a Unión Soviética e Cuba. Ese home foi o presidente John F. Kennedy, que decidiu poñer fin a iso e levar os Estados Unidos nunha dirección diferente, que establecesen unha relación pacífica e amigábel con Rusia, a Unión Soviética, Cuba e o resto do mundo comunista.

 Non fai falta dicir que esa visión totalmente diferente de Kennedy para Estados Unidos non sentou ben ao stablishment de seguridade nacional. Despois do seu asasinato, os Estados Unidos volveron polos vieiros dunha animadversión extrema contra Rusia, os soviéticos e os comunistas, contra Cuba e contra Vietnam do Norte.

 Cando a Unión Soviética se retirou inesperadamente de Alemaña Oriental e Europa Oriental, e se desmantelou en 1991, todos pensaron que era a fin da Guerra Fría. Nese momento, o lóxico sería desmantelar a OTAN, dado que a súa misión manifesta perdera relevancia.

 Mais o que case ninguén puido entón prever era que a extrema obsesión antirrusa, antisoviética e anticomunista que impulsara ao Pentágono, a CIA e a NSA durante 45 anos non ía desaparecer de súpeto. Senón que, pola contra, continuaría sendo unha forza motriz para as autoridades da seguridade nacional.

 Iso quedou claramente de manifesto coa continuación do brutal embargo económico contra o pobo cubano. Pero tamén pola decisión de manter a existencia da OTAN e, mesmo peor, de comezar a utilizala para absorber os antigos membros da Unión Soviética, o que permitiría ao Pentágono instalar os seus mísiles nucleares cada vez máis preto da fronteira rusa.

 Durante os últimos 25 anos, as autoridades rusas opuxéronse a esta expansión da OTAN, do mesmo xeito que as autoridades estadounidenses se opuxeron cando a Unión Soviética instalou mísiles nucleares en Cuba en 1962. A administración estadounidense ignorou esas obxeccións de forma consciente, deliberada e intencionada. Fixo exactamente o contrario: continuou absorbendo países de Europa do Leste para achegar cada vez máis os seus mísiles nucleares á fronteira con Rusia.

 Malia as declaracións públicas, a guerra entre Rusia e Ucraína non ten nada que ver coa liberdade, senón co desexo de Estados Unidos de integrar Ucraína na OTAN, un vello dinosauro da Guerra Fría que podería -e debería- ter desaparecido cando a Unión Soviética se desmantelou voluntariamente.

 Desde a invasión rusa de Ucraína, os funcionarios estadounidenses, desde o presidente Biden cara a abaixo, cometeron varios descoidos freudianos en relación co conflito, como afirmar que o seu obxectivo era destituír a Putin do poder, xulgalo como criminal de guerra, debilitar e degradar o exército ruso, especialmente matando a un gran número de tropas rusas, destruír a economía rusa e empobrecer o pobo ruso cun conxunto extremo de sancións económicas.

 Paga pena sinalar, por suposto, que a crise de Ucraína fixo que as invasións do Pentágono e a CIA e as guerras de agresión contra Afganistán e Iraq caian nun buraco negro da memoria para a prensa xeneralista de Estados Unidos, ao mesmo tempo que contribúe a seguir inundando as arcas dos organismos de seguridade nacional con diñeiro dos contribuíntes.

 Todo isto pon claramente de manifesto que a extrema animadversión antirrusa, antisoviética, anticomunista e anticubana que promoveu o establecemento dos organismos de seguridade nacional de Estados Unidos durante a Guerra Fría nunca desapareceu. Está claro que segue impulsando a actual xeración de xenerais e funcionarios da CIA, como vemos non só con Cuba senón tamén con Rusia.

 Polo tanto, a pregunta que cómpre facer xorde de xeito natural: Está Putin no certo? Están o Pentágono e a CIA facendo o mesmo que fixeron en 1962 contra Cuba? Móveos a súa extrema animadversión a Rusia a librar unha guerra contra ese país mediante o uso dun exército delegado, adestrado e armado por Estados Unidos? E están os estadounidenses dispostos a aceptar as consecuencias altamente perigosas de tal decisión de política exterior?

 

[Artigo tirado do sitio web CounterPunch, do 3 de maio de 2022]