
Ucraína, o rearmamento de Europa e os Estados Unidos

Europa non necesita máis armas, senón máis gasto social e ecolóxico, máis investimentos públicos... O que precisa é unha reforma radical e audaz da propia Unión e unha viraxe completo e radical da política de militarismo e imperialismo, que a UE segue tanto en Ucraína como en Palestina
No canto de procurar unha redución drástica das armas convencionais e nucleares en Europa, a belicista dirección da UE oriéntase cara a un monstruoso aumento do gasto militar para “acougar” o presidente dos Estados Unidos.
Toda persoa racional do planeta non pode deixar de aplaudir a decisión de Trump de pór fin ao conflito en Ucraína e esperar que con iso se acabe unha guerra que causou unha destrución terríbel neste país e danos importantes en Europa. Este conflito expúxonos a todos ao grave risco dunha guerra nuclear europea ou mesmo mundial e causou unha enorme devastación ecolóxica.
Un conflito que se podería ter evitado se as rexións habitadas predominantemente por poboacións etnicamente rusas non se incluíran nunha Ucraína independente, en 1991, se non se producise o golpe de estado apoiado pola CIA en Kiev en 2014, se o réxime que tomou o poder alí non emprendese medidas contra as poboacións rusas e rusofalantes de Ucraína, se se aplicasen os acordos de Minsk e se a OTAN non buscase continuamente expandirse, co obxectivo de conquistar o mundo enteiro e instalar armas nucleares a só sete minutos do Kremlin.
A derrota de Occidente
En esencia, o que fixo Trump foi recoñecer que Occidente foi derrotado e que calquera insistencia en obxectivos inalcanzábeis en Ucraína prexudica o seu enfoque na confrontación con China, así como os esforzos do seu mentor, o Primeiro Ministro de Israel, por tragar todo o Medio Oriente, se é posíbel. Ademais, a prolongación do conflito e as sancións multiplican os incentivos para as alianzas antioccidentais, o afastamento do dólar, etcétera.
Occidente foi derrotado en Ucraína no sentido de que non puido alcanzar os seus obxectivos, que eran o derrocamento do réxime de Putin, a transformación de Rusia nunha “república bananeira” moito peor que baixo Yeltsin e mais o seu desmembramento (como o expuxo explicitamente o estratego estadounidense Zbignew Brzezinski no seu libro O gran taboleiro de xadrez, en 1997).
Nos nosos artigos, desde o comezo da guerra, en marzo de 2022, explicamos que eses obxectivos eran inalcanzábeis, que Rusia non podía ser derrotada militarmente e que, mesmo se Occidente estivese preto de logralo, o máis probábel é que nos enfrontásemos a unha resposta nuclear por parte de Moscova. Segundo fontes fiábeis, esa posibilidade valorouse no outono de 2022.
Tamén escribimos sobre todo iso nun chamamento internacional para deter o derramamento de sangue, un chamado que asinamos xunto con varios intelectuais de Europa e de todo o mundo no verán de 2022, cando ninguén se atrevía a abrir a boca e dicir nada contra a OTAN.
Tiveron que pasar outros dous anos e medio para que o racionalismo derrotase o irracionalismo e a paz derrotase a guerra. E o custo será enorme porque, en lugar de que as forzas democráticas ou “gaullistas” de Occidente e a chamada “esquerda” se erguesen contra a guerra, optaron, con diversas escusas, por aferrárense aos soños arrogantes do imperialismo global estadounidense e occidental, obedecendo as ordes dos falcóns de Washington e actuando en contra de intereses vitais europeos.
Seguen dicindo parvadas inaceptábeis e perigosas sobre a cuestión de Ucraína, sen explicar exactamente que propoñen e que se debe facer. Queren que a guerra continúe ata que todos os ucraínos morran? Non lles preocupa a posibilidade dunha guerra nuclear.
E isto acontece porque, no fondo, case todas as elites occidentais, mesmo moitas das que se consideran de esquerdas, pensan que pertencen a unha raza “civilizada” superior destinada a gobernar a humanidade e á que se lle confiou un papel especial na Terra, un papel que os musulmáns, os negros, os chineses, os rusos e outras “razas inferiores” certamente non poden desempeñar.
O resultado é unha gran necesidade histórica, é dicir, a necesidade de deter este conflito entre Rusia e Ucraína e, indirectamente, entre potencias nucleares, que terminou sendo expresada pola extrema dereita estadounidense, e a humanidade probabelmente pagará un prezo moi alto por iso.
Xa temos importantes exemplos diso co provocador desdén do novo presidente estadounidense por calquera noción de dereito internacional, as súas ameazas contra os palestinos, Grenlandia, Canadá, Panamá e mesmo o clima da Terra, e as alarmantes semellanzas que o propio ministro de Asuntos Exteriores ruso observou entre o slogan “América primeiro” e o slogan de Hitler “Alemaña por riba de todo”.
Mais tamén coa vontade de recortar todo o gasto social se é posíbel e mesmo deixar de recompilar datos científicos sobre a contaminación atmosférica, para non amolar os seus amigos multimillonarios. O resultado final será un capitalismo e un imperialismo moito máis duros, perigosos e destrutivos. A esperanza duns e o medo doutros de que desmantele a OTAN só poden se considerar unha broma, destinada a escandalizar os europeos e a confundir a todo o mundo.
Europa en estado de shock
Os dirixentes políticos europeos, con moi poucas excepcións, víronse fondamente involucrados, a instancias de Washington, nunha política completamente destrutiva e resúltalles extremadamente difícil abandonala, pois consideran, con razón, que sería un suicidio político para eles. En Francia, de súpeto, instalouse unha atmosfera case bélica que combina o ridículo co perigoso, e o presidente Macron semella disposto a lanzar unha campaña para salvar Ucraína. Macron está nun “frenesí bélico”.
Francia, ou máis ben as súas elites, pensan que encarna unha misión especial desde a época da Revolución Francesa. E, de feito, Francia desempeñou un papel enorme na historia e a cultura europeas, aínda que en materia militar non lembro que gañase ningunha batalla despois de Austerlitz.
Francia querería imaxinar que está a facer o mesmo hoxe, cumprindo a súa misión histórica ao supostamente mostrar solidariedade cos ucraínos fronte aos bárbaros rusos. Con todo, en realidade, o que fixo foi destruír os ucraínos no nome das políticas imperialistas extremistas dos Estados Unidos e os falcóns da CIA.
A Francia de Sarkozy, Hollande e Macron non ten nada que ver coa Francia de De Gaulle, nin sequera coa Francia de Chirac e Villepin.
Desde a elección de Nicolas Sarkozy, o seu papel na destrución de Libia e o seu regreso á OTAN, Francia deveu unha miserábel colonia dos Estados Unidos que segue políticas obedientes ao sionismo. O cambio abrupto na política estadounidense corre o risco de expor agora a elite francesa e demostrar que non son case nada nas relacións internacionais. Por iso reaccionan con histeria e pánico.
Esperamos, así e todo, que os adversarios da paz non estean en condicións de socavar a política de Trump, porque se o seu esforzo por deter a guerra fracasa, aumentará o risco dunha conflagración nuclear. Esperamos que todas estas historias de Macron non sexan máis que parvadas frívolas que non se poden realizar, unha proba máis do nivel infantil do pensamento político dos líderes europeos actuais.
O rearmamento de Europa
Porén, mesmo se se evita esta catástrofe, está a prepararse unha nova. A Unión Europea prepárase para destruír o que queda do Estado social europeo, o maior logro social da humanidade, xunto co seu homólogo soviético, para deter calquera esforzo por abordar a contaminación e para destruír as rudimentarias políticas de cohesión da UE para se rearmar masivamente, posibelmente con armas nucleares, baseándose na ridícula afirmación propagandística de que Rusia, a mesma Rusia que disolveu o Pacto de Varsovia e a URSS, constitúe unha ameaza militar e se prepara para invadir Moldavia, Romanía e daquela todo o resto.
En vez de buscar unha redución drástica das armas convencionais e nucleares en Europa, como se acordou hai 35 anos, para que os enormes fondos puidesen destinarse ás enormes necesidades sociais, de desenvolvemento e ecolóxicas, en lugar de levantar de inmediato as sancións a Rusia e empezar a importar gas natural ruso, máis barato e máis respectuoso co medio ambiente (en comparación co GNL estadounidense), a incoherente e belicista dirección da UE oriéntase cara a un monstruoso aumento do gasto militar para “acougar” o salvaxe novo presidente dos Estados Unidos. Se así o fai, o resultado máis probábel é que acelere a crise económica que xa ameaza a Europa.
Noutras palabras, nega as razóns mesmas polas que os pobos de Europa apoiaron o proxecto de unificación.
Europa non necesita máis armas, senón máis gasto social e ecolóxico, máis investimentos públicos, investimentos en infraestruturas que se verán ameazadas de colapso total debido ao cambio climático, etc., etc. O que necesita é unha reforma radical e audaz da propia Unión e unha viraxe completo e radical da política de militarismo e imperialismo, que a UE segue tanto en Ucraína como en Palestina. Europa debe transformarse dun lacaio dos estadounidenses nun faro de paz e cultura nun mundo “multipolar”, seguindo os pasos de Charles de Gaulle, Olof Palme, Willy Brandt e Andreas Papandreou.
Polo de agora, está a moverse na dirección oposta.
_____________________________________________________________________________
Artigo orixinal no sitio web Defend Democracy Press.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 9 de marzo de 2025]