Ucraína como "pivote xeopolítico": a Grande Estratexia dos Estados Unidos 1991-2022
A guerra é un crime contra a humanidade e hoxe a guerra entre as grandes potencias ameaza coa aniquilación total. A única resposta é dar unha oportunidade á paz, o que require atopar unha solución que garanta a seguridade de todas as partes da guerra civil en Ucraína, así como de Rusia
Mentres escribimos estas notas a primeiros de marzo de 2022, a guerra civil limitada de oito anos en Ucraína converteuse nunha guerra a grande escala. Isto representa un punto de inflexión na Nova Guerra Fría e unha gran traxedia humana. Coa ameaza dun holocausto nuclear global, estes acontecementos agora tamén están poñendo en perigo o mundo enteiro. Para comprendermos as orixes da Nova Guerra Fría e o inicio da actual entrada de Rusia na guerra civil de Ucraína, é necesario remontarse ás decisións asociadas coa creación da Nova Orde Mundial tomadas en Washington cando a Guerra Fría anterior terminou coa disolución da Unión Soviética en 1991. En cuestión de meses, Paul Wolfowitz, o daquela subsecretario de política de defensa na administración de George HW Bush, expuxo a súa Guía de política de defensa que dicía: “A nosa política [logo da caída da Unión Soviética] agora debe reenfocarse en impedir o xurdimento de calquera competidor global potencial no futuro”. Wolfowitz fixo énfase en que “Rusia seguirá a ser a potencia militar máis forte de Eurasia”. Polo tanto, foron necesarios esforzos extraordinarios para debilitar a posición xeopolítica de Rusia de forma permanente e irrevogábel, antes de que estivese en posición de se recuperar, poñendo na órbita estratéxica occidental a todos os estados que agora a rodean e que anteriormente foran partes da Unión Soviética ou que caeran dentro da súa esfera de influencia ("Extractos do plan do Pentágono: 'Prevención do rexurdimento dun novo rival'", New York Times, 8 de marzo de 1992).
A Guía de política de defensa de Wolfowitz foi adoptada por Washington e por todos os principais planificadores estratéxicos dos EUA, cuxos puntos de vista nese momento se remontaban cada vez máis ás doutrinas xeopolíticas clásicas introducidas por Halford Mackinder na Gran Bretaña imperial antes da Primeira Guerra Mundial, e que foron desenvolvidas por Karl Haushofer na Alemaña nazi e Nicholas John Spykman nos Estados Unidos durante as décadas de 1930 e 1940. Foi Mackinder quen en 1904 introduciu a noción de que o control xeopolítico do mundo dependía da dominación de Eurasia (a principal masa terrestre dos continentes europeo e asiático), á que se referiu como Heartland. O resto de Asia e África xunto con Heartland formaron a Illa do Mundo. De aí xurdiu a súa coñecida cita: “Quen goberna Europa do Leste manda en Heartland. Quen goberna Heartland manda na illa do mundo. Quen goberna a illa do mundo manda no mundo”.
Esta doutrina xeopolítica estivo, desde o principio, dirixida ao dominio mundial e gobernou a estratexia imperial das principais nacións capitalistas desde aquela, na forma do que comunmente se coñece como “grande estratexia”. Pero aínda que guiou o pensamento de figuras da seguridade nacional estadounidense como Henry Kissinger e Zbigniew Brzezinski, a xeopolítica foi minimizada durante moito tempo na esfera pública debido á identificación popular coas doutrinas da Alemaña nazi. Porén, coa desaparición da Unión Soviética e o medre dos Estados Unidos como potencia unipolar, a xeopolítica e a doutrina Heartland foron unha vez máis tidas abertamente en conta polos planificadores estratéxicos estadounidenses, xerando unha nova gran estratexia imperial posterior á Guerra Fría (John Bellamy Foster), "A nova xeopolítica do imperio", Monthly Review 57, núm. 8 [xaneiro 2006]).
O arquitecto máis importante desta nova estratexia imperial foi Brzezinski, quen antes, como conselleiro de seguridade nacional de Jimmy Carter, tendera a trampa aos soviéticos en Afganistán. Foi baixo a dirección de Brzezinski, seguindo unha directriz secreta asinada por Carter en xullo de 1979, cando a CIA, traballando xunto co arco do Islam político que se estende desde o Paquistán de Muhammad Zia-ul Haq até os reais sauditas, recrutou, armou e adestrou os muxaidíns en Afganistán. A acumulación por parte da CIA de muxaidíns e de varios grupos terroristas en Afganistán precipitou a intervención soviética, levando a unha guerra interminábel que contribuíu á desestabilización da propia Unión Soviética. A preguntas sobre se lamentaba establecer o arco de terrorismo que ía levar ao 11-S e máis aló, Brzezinski (que posou en fotos con combatentes muxaidíns) respondeu simplemente dicindo que a destrución da Unión Soviética pagou a pena (Natylie Baldwin, “Brzezinski’s Mad Imperial Strategy” Natylie’s Place, 13 de agosto de 2014; Ted Snider, “Living with Brzezinski’s Mess” Antiwar.com, 26 de agosto de 2021, “Brzezinski’s Prophecy About Ukraine” Teller Report, 15 de febreiro de 2022).
Brzezinski seguiu a ser un asesor clave das posteriores administracións estadounidenses, pero non tivo un papel oficial destacado, dada a súa reputación de halcón e a opinión extremadamente negativa que se tiña del en Rusia, que a primeira dos anos noventa, baixo o mandato de Boris Yeltsin, mantiña unha estreita relación, como monicreque, con Washington. Así e todo, máis que ningún outro pensador estratéxico estadounidense, foi Brzezinski quen deseñou a grande estratexia de Estados Unidos sobre Rusia que foi seguida durante tres décadas polas sucesivas administracións estadounidenses. As guerras da OTAN que desmembraron Iugoslavia nos anos 90 coincidiron co inicio da expansión da OTAN cara ao leste. Washington prometera ao Kremlin de Mikhail Gorbachov, no momento da reunificación alemá, que a OTAN non se expandiría "nin unha polgada" cara ao Leste, aos países do antigo Pacto de Varsovia. Porén, en outubro de 1996, Bill Clinton, durante a súa campaña para a reelección, dixo que estaba a favor da expansión da OTAN cara á antiga esfera soviética e ao ano seguinte púxose en marcha unha política seguida por todas as administracións estadounidenses posteriores. Pouco despois, en 1997, Brzezinski publicou o seu libro The Grand Chessboard: American Primacy and Its Geostrategic Imperatives, no que declaraba que os Estados Unidos estaban nunha posición "por primeira vez [para] unha potencia non euroasiática" de se converteren no "árbitro chave das relacións de poder euroasiáticas", á vez que se confirmaba como "a potencia suprema do mundo". Deste xeito, Estados Unidos converteríase no "primeiro" e o "último" imperio global (Brzezinski, Grand Chessboard [Basic Books, 1997], xiii, 209; Diana Johnstone, Fool's Crusade [Monthly Review Press, 2002]; "NATO Expansion: What Gorbachev Heard", National Security Arquive, George Washington University; "President W. J. Clinton to the People of Detroit", United States Information Agency, 22 de outubro de 1996).
Para que a Alianza Atlántica, baixo o liderado de Estados Unidos, puidese dominar Eurasia, primeiro era necesario que obtivese a primacía sobre o que Brzezinski denominou "o buraco negro" deixado pola saída da Unión Soviética da escena mundial. Isto significaba tratar de diminuír a Rusia até o punto de que xa non puidese reclamar o status de gran potencia. O "pivote xeopolítico" clave sobre o que xiraba isto, insistiu Brzezinski, era Ucraína. Sen Ucraína, Rusia estaba irremediabelmente debilitada, mentres que unha Ucraína incorporada á OTAN supoñería un coitelo no corazón de Moscova. Mais calquera intento de poñer a Ucraína en contra de Rusia, advertiu, sería visto como unha gran ameaza para a seguridade, unha liña vermella, para a propia Rusia. Isto requiría, daquela, a "ampliación da OTAN", estendéndoa até Ucraína, desprazando as armas estratéxicas cara ao Leste, co obxectivo de obter finalmente o control da propia Ucraína. A posta en práctica desta gran estratexia tamén faría que Europa, nomeadamente Alemaña, dependese máis de Estados Unidos, socavando a independencia da Unión Europea (Brzezinski, Grand Chessboard, 41, 87-92, 113, 121-22, 200).
Por suposto, o gran xogo tiña os seus riscos. Aínda que Estados Unidos, argumentaba Brzezinski, debería apoiar a expansión da OTAN até o leste da antiga Unión Soviética, chegando a Ucraína, coa que Rusia compartía unha fronteira de 1.200 millas, sinalou que, se isto tiña éxito, obrigaría inevitabelmente a Rusia a botarse en brazos de China. China e Rusia poderían formar un "bloque antihexemónico" oposto a Estados Unidos, que posibelmente incluiría tamén a Irán. O resultado sería unha situación xeopolítica parecida á dos inicios da Guerra Fría na época do bloque sino-soviético, aínda que esta vez cunha Rusia moito máis débil e unha China moito máis forte. A resposta a isto, na mente de Brzezinski, era presionar a China a través de Taiwán e Hong Kong, e tamén na península de Corea, e mediante a promoción dunha alianza ampliada centrada en Xapón e Australia. Isto situaría a Estados Unidos nunha posición favorábel para combater tanto a China como a Rusia.
Porén, en todo isto, segundo a doutrina Brzezinski, a clave do xaque mate a Rusia, e o elo débil co que Washington podería obter o dominio de Eurasia, seguía sendo Ucraína. O dominio completo de Ucraína por parte de Estados Unidos e a OTAN era unha ameaza de morte virtual para Rusia, que posibelmente mesmo apuntaba, baixo máis presión, á súa propia ruptura en estados menores. Entón, China tamén se vería desestabilizada desde o seu afastado oeste (Brzezinski, Grand Chessboard, 103, 116-17, 164-70, 188-90).
A relación da estratexia do "gran taboleiro de xadrez" de Brzezinski coas accións realmente emprendidas por Washington nas últimas tres décadas debería ser obvia. Desde a caída do Muro de Berlín en 1989, a OTAN absorbeu quince países, todos eles ao Leste, que antes formaban parte do Pacto de Varsovia ou eran rexións da Unión Soviética. Ao leste, ao longo das fronteiras de Rusia, Bielorrusia e Ucraína, a OTAN experimentou unha importante acumulación militar. Actualmente ten presenza aérea en Estonia, Lituania e Romanía. As tropas estadounidenses e as multinacionais da OTAN están concentradas en Estonia, Lituania, Letonia, Polonia e Romanía. As instalacións de defensa antimísiles da OTAN están situadas en Polonia e Romanía. O obxectivo de todas estas instalacións militares avanzadas (por non mencionar as de Europa Central e Occidental) é Rusia. En 2008, a OTAN declarou que tiña a intención de incorporar finalmente a Ucraína como membro da OTAN ("Here's Where Alliance Forces Are Deployed Across Eastern Europe", CNN, 10 de febreiro de 2022; "Why Russia Wanted Security Guarantees from the West", Strategic Culture Foundation, 27 de febreiro de 2022; "Bucharest Summit Declaration", North Atlantic Treaty Organization, 3 de abril de 2008).
En 2014, Washington axudou a deseñar un golpe de Estado en Ucraína para derrocar o presidente democraticamente elixido Víctor Yanukóvich. Yanukóvich fora amigo de Occidente. Pero ante as condicións financeiras impostas polo Fondo Monetario Internacional, o seu goberno recorreu a Rusia en busca de axuda económica, o que enfureceu a Occidente. Isto conduciu ao golpe de Estado do Maidán, só uns meses despois, e o novo líder ucraíno foi elixido a dedo por Estados Unidos. O golpe foi levado a cabo en parte por forzas neonazis, que teñen raíces históricas nas tropas fascistas ucraínas que axudaron na invasión nazi da Unión Soviética. Na actualidade, estas forzas concéntranse no Batallón Azov, que agora forma parte do exército ucraíno apoiado por Estados Unidos. O dominio de Ucraína por parte das forzas ultranacionalistas ucraínas de dereitas e dos grupos rusófobos a raíz do golpe de Estado provocou revoltas na rexión oriental do país, o Donbass, e unha brutal represión, con máis de corenta persoas queimadas vivas no edificio público do sindicato de Odessa, ao que fuxiran, a mans das forzas de dereitas (Bryce Green, "What You Should Really Know About Ukraine", FAIR, 24 de febreiro de 2022; David Levine, "Council of Europe Report on Far-Right Massacre in Odessa", Word Socialist Web Site, 19 de xaneiro de 2016).
Tras o golpe, Crimea, de fala predominantemente rusa, decidiu fusionarse con Rusia mediante un referendo no que tamén se deu á poboación de Crimea a opción de seguir adiante como parte de Ucraína. Pola súa banda, a rexión de Donbás, de maioría rusófona, no leste do país, separouse de Ucraína en resposta á violenta represión contra os rusos étnicos desatada polo novo goberno de dereitas. Isto deu lugar á formación de dúas repúblicas populares, Luhansk e Donetsk, no contexto da guerra civil ucraína. Luhansk e Donetsk recibiron o respaldo militar de Rusia, mentres que Ucraína (Kiev) recibiu un apoio militar occidental cada vez maior, iniciando de feito o proceso de longo alcance de incorporación de Ucraína á OTAN (Arina Tsukanova, "So Who Annexed the Crimean Peninsula Then", Strategic Culture Foundation, 28 de marzo de 2017; "What Donetsk and Lugansk People's Republics Are", Strategic Culture Foundation, 28 de febreiro de 2022).
Na guerra de Ucraína contra a poboación rusoparlante das repúblicas secesionistas de Donbás, morreron unhas 14.000 persoas e foron desprazadas 2,5 millóns de persoas, a maioría das cales se refuxiaron en Rusia. O conflito inicial terminou co asinamento en 2014-15 dos Acordos de Minsk por parte de Francia, Alemaña, Rusia e Ucraína, e referendados polo Consello de Seguridade da ONU. Segundo estes acordos, Donetsk e Luhansk debían recibir o dereito ao autogoberno, aínda que permanecendo en Ucraína. Porén, o conflito militar continuou e acabou intensificándose de novo. En febreiro de 2022, había 130.000 soldados ucraínos asediando e disparando contra Luhansk e Donetsk, rompendo de feito os Acordos de Minsk (Abdul Rahman, "What Are the Minsk Agreements-And What Are Their Role in the Russia-Ukraine Crises", 22 de febreiro de 2022; "Who Is Firing at Whom And Who Is Lying About It?", Moon of Alabama, 20 de febreiro de 2022).
Rusia insistiu na adhesión aos Acordos de Minsk, xunto coa esixencia de que Ucraína non se integre na OTAN e de que cese a rápida acumulación militar apoiada por Estados Unidos en Ucraína e dirixida contra as repúblicas do Donbás. Vladimir Putin declarou que todas estas esixencias eran "liñas vermellas" para a seguridade de Rusia, que si se cruzaban obrigarían a Moscova a responder. Cando Ucraína e a OTAN, dominada por Estados Unidos, seguiron cruzando as liñas vermellas, Rusia interveu masivamente na actual guerra civil de Ucraína en alianza con Donetsk e Luhansk.
A guerra é un crime contra a humanidade e hoxe a guerra entre as grandes potencias ameaza coa aniquilación total. A única resposta é dar unha oportunidade á paz, o que require atopar unha solución que garanta a seguridade de todas as partes da guerra civil en Ucraína, así como de Rusia. A máis longo prazo, debemos recoñecer que a guerra é endémica do capitalismo, e tanto Rusia como as potencias da OTAN son capitalistas. Só un retorno á vía socialista tanto en Ucraína como en Rusia pode ofrecer unha solución duradeira.
[Artigo tirado do sitio web Monthly Review on line, do 10 de marzo de 2022]