Ucraína, a economía global de guerra e a crise do capitalismo
Economicamente, o capitalismo global enfronta o que se coñece como a sobreacumulación: unha situación na cal a economía produce -ou ten a capacidade de producir- grandes cantidades de riqueza, mais o mercado non pode absorber a devandita riqueza fronte á baixa na taxa de beneficios e as cada vez maiores desigualdades
A invasión rusa de Ucraína está a xerar un acalorado debate político sobre as consecuencias xeopolíticas do conflito.
Pero menos advertido e igual de importancia, o conflito ucraíno abriu o camiño para unha militarización moito máis ampla do que xa era unha economía global de guerra en momentos en que o capitalismo global esta sumido nunha fonda crise política e económica. As tensións xeopolíticas e os conflitos internacionais constitúen traxedias para aqueles envoltos nas conflagracións como a de Ucraína. Mais lexitiman a continua expansión dos orzamentos militares e de seguridade e abren novas oportunidades para os capitalistas de teren beneficios mediante as guerras, os conflitos civís e a represión de cara ao crónico estancamento e descontento social.
A administración Biden anunciou contra finais do marzo pasado un incremento de 31.000 millóns de dólares no orzamento do Pentágono con relación ao ano anterior e por riba dunha suma aprobada semanas antes de 14.000 millóns de dólares para a defensa de Ucraína. Antes da invasión, contra finais de 2021, o goberno norteamericano aprobou un orzamento militar de case 800.000 millóns de dólares mesmo cando, nese mesmo ano, puxo fin á guerra en Afganistán. A raíz da invasión rusa, os gobernos de Estados Unidos, da Unión Europea e outros por todo o mundo, case da noite para a mañá, asignaron miles de millóns de dólares mais aos gastos militares e enviaron armamento e contratistas militares privados a Ucraína.
As accións das compañías militares e de seguridade disparáronse a raíz da invasión. Nas primeiras dúas semanas do conflito: as accións de Raytheon subiron nun 8 por cento; as de General Dynamics nun 12 por cento; as de Lockheed Martin nun 18 por cento; as de Northrop Grumman nun 22 por cento. Entrementres, as accións de compañías militares en Europa, a India e noutros países experimentaron aumentos similares ante a expectativa dun incremento exponencial no gasto militar global. O presidente ruso Vladimir Putin -en palabras do director xeral de AeropDynamic, un contratista do Pentágono- é “sen ningunha dúbida o mellor vendedor na historia dos F-35”, en referencia ao aumento do financiamento do goberno estadounidense para os cazabombardeiros fabricados por Lockheed Martin. En palabras dun consultor para Boeing, General Dynamics, Lockheed Martin, e Raytheon Technologies: “Para a industria militar, os días felices volveron. Cando sobe o orzamento militar, tende a elevar a todos os buques na industria”.
A acumulación militarizada
A invasión rusa -brutal, imprudente e condenábel de todas todas- desatou un debate sobre o papel da expansión proposta pola OTAN en Ucraína e o papel que a devandita expansión xogou á hora de motivar o Kremlin. De feito, os funcionarios norteamericanos eran moi conscientes de que a proposta de expandir a OTAN até as fronteiras con Rusia, impulsaría a Moscova cara a un conflito militar. “Examinamos unha ampla gama de medidas non violentas que poderían explotar as actuais vulnerabilidades de Rusia e as súas ansiedades como unha forma de presionar o exército e a economía de Rusia e de erosionar o prestixio do réxime no país e no exterior”, dicíase nun estudo de 2019 da corporación RAND, un centro de investigacións e consultoría do Pentágono. “As medidas que propoñemos non terían como propósito principal nin a defensa nin a disuasión” -engadíase- “máis ben, estas medidas concíbense como elementos dunha campaña deseñada para desequilibrar o adversario, obrigando a Rusia a competir en ámbitos ou rexións onde Estados Unidos ten a vantaxe competitiva, e provocando que Rusia se excedese militar e economicamente”.
Mais por moi importante que sexa a provocación, non se pode reducir esta á competencia xeopolítica, tal como fan a maioría dos analistas. Ausente da análise está o marco real, no que é de salientar o papel central da acumulación militarizada -é dicir, das guerras sen fin, tanto de baixa e de alta intensidade, os conflitos en potencia, os disturbios civís e políticos, e as accións policiais- para a economía política global. A acumulación militarizada refírese a unha situación na cal unha economía global de guerra depende da guerra, o control social e a represión -organizados polos Estados- para soster a acumulación de capital de cara ao estancamento crónico e a saturación dos mercados globais. Estas practicas organizadas polos Estados son subcontratadas ao capital corporativo transnacional, abarcando unha fusión da acumulación privada coa militarización estatal para soster o proceso da acumulación de capital.
Os ciclos da destrución e a reconstrución proporcionan saídas constantes para o capital sobreacumulado, é dicir, estes ciclos abren novas oportunidades lucrativas para os capitalistas transnacionais en busca de novas posibilidades de reinvestir as enormes cantidades de diñeiro que acumularon. Trátase dunha converxencia neste proceso, entre a necesidade política que ten o capitalismo global do control social e represión fronte ao cada vez maior descontento das masas en todo o mundo, coa necesidade económica que ten o sistema de perpetuar a acumulación fronte ao estancamento.
As guerras proporcionan un importante estímulo económico. Historicamente sacaron o sistema capitalista das crises da acumulación dado que serven para desviar a atención das tensións políticas e dos problemas da lexitimidade. Foi a Segunda Guerra Mundial a que finalmente permitiu ao capitalismo mundial saír da Gran Depresión. A Guerra Fría lexitimou medio século de constantes aumentos dos orzamentos militares. As guerras en Iraq e Afganistán, as máis longas na historia moderna, axudaron a manter máis ou menos a economía fronte ao estancamento crónico nas primeiras dúas décadas do século en curso. Desde o fervor anticomunista da Guerra Fría, até a “guerra contra o terrorismo”, seguido pola chamada Nova Guerra Fría, e agora a invasión rusa a Ucraína, a elite transnacional, encabezada por Washington, tivo que conxurar un inimigo tras outro para lexitimar a acumulación militarizada e desviar as crises da lexitimidade do Estado e da hexemonía capitalista cara aos inimigos externos e as ameazas artificiais.
Os sucesos do 11 de setembro de 2001 marcaron o inicio dunha época de guerra global permanente na cal a loxística, a guerra, a intelixencia, a represión e o rastrexo -e mesmo o persoal militar- están cada vez máis no dominio privatizado do capital transnacional. O orzamento do Pentágono aumentou nun 91 por cento en termos reais entre 1998 e 2011, mentres os gastos militares estatais a nivel mundial creceron nun 50 por cento durante este período, e ollo!, estas cifras, ademais, non inclúen os centenares de miles de millóns gastados en intelixencia, en operacións de continxencia, nas accións policiais, nas falsas guerras contra inmigrantes, terroristas, narcotraficantes, e en “seguridade da patria”, ou ‘homeland security’. Durante este período, os beneficios do complexo militar-industrial cuadruplicáronse.
Porén, un enfoque que se limita soamente aos orzamentos militares dos Estados perde unha parte importante da historia da economía global de guerra. Como mostrei no meu libro publicado en 2020, The Global Police State (O Estado Policial Global), as varias guerras, conflitos e campañas de control social e represión por todo o mundo teñen a ver coa fusión da acumulación privada coa militarización estatal. Nesta relación, o Estado facilita a expansión das oportunidades para o capital privado de acumular mediante a militarización, por exemplo, cando o Estado facilita as vendas de armamentos polas compañías militar-industrial-seguridade. Estas vendas chegaron a niveis récord. As vendas globais de armamentos por parte das 100 compañías mais grandes de manufacturación de armas e de servizos militares e de seguridade incrementáronse nun 38 por cento entre 2002 e 2016 e espérase que estas se disparen aínda máis de cara a unha guerra prolongada en Ucraína.
Xa para 2018, as compañías militares con fins de lucro empregaron uns 15 millóns de persoas en todo o mundo, mentres outros 20 millóns de persoas traballaban na seguridade privada a nivel mundial. O negocio da seguridade privada (policía privada) é un dos sectores económicos de maior crecemento en moitos países e chegou a minguar a seguridade pública no mundo. O montante gastado na seguridade privada en 2003, o ano da invasión a Iraq, era 73 por cento máis alto que o montante gastado no sector público, e tres veces máis persoas estaban empregadas en compañías de forzas privadas que nas forzas da orde pública. Na metade dos países do mundo, o número dos axentes privados de seguridade superou o das forzas publicas.
Estes soldados e policías corporativos foron despregados para: resgardar a propiedade corporativa; proporcionar seguridade persoal para os executivos e os seus familiares; facer seguimento, espiar e recoller datos; levar a cabo operacións policiais, paramilitares, contrainsurxentes e de rastrexo; levar a cabo o control de multitudes, actividades antidisturbios, e represión de manifestantes; administrar prisións; e participar en guerra. Agora, estas mesmas firmas militares e de seguridade privadas están chegando en masa a Ucraína, en tanto algunhas compañías mercenarias están ofrecendo entre 1.000 e 2.000 dólares ao día para os que teñen experiencia no combate.
A invasión rusa acelerou, mais non deu orixe ao constante aumento do gasto militar en todo o mundo. É de salientar que o gasto militar estatal a nivel mundial se disparou a raíz do colapso financeiro global de 2008 aínda mais alá do incremento no período post-9/11, pasando dos 1,5 billóns de dólares en 2008 a máis de 2 billóns en 2022. O feito de que esta explosión no gasto coincida perfectamente co continuo estancamento económico a raíz da Gran Recesión indica que o auxe da militarización da economía global resulta unha resposta ao crónico estancamento mais que unha consecuencia de percibidas ameazas á seguridade. Se os arrebatos da acumulación militarizada -tal como o que se produciu a raíz do 9/11, seguido por aquel desatado polo colapso financeiro de 2008, e agora pola invasión rusa- axudan a contrarrestar a crise da sobreacumulación, constitúen tamén apostas de alto risco que agravan as tensións mundiais e levan o mundo perigosamente cara a unha conflagración internacional sen cuartel.
A crise do capitalismo global
A crise do capitalismo global é económica, ou estrutural, é dicir, de estancamento crónico da economía global. Mais tamén é política: unha crise da lexitimidade dos Estados e da hexemonía capitalista. O sistema achégase a unha “crise xeral do dominio capitalista” en tanto miles de millóns de persoas en todo o do mundo enfrontan loitas incertas para a supervivencia e cuestionan a un sistema que xa non consideran lexítimo. Historicamente, as guerras sacaron o sistema capitalista das crises mentres funcionan para desviar a atención das tensións políticas e dos problemas da lexitimidade.
Economicamente, o capitalismo global enfronta o que se coñece como a sobreacumulación: unha situación na cal a economía produce -ou ten a capacidade de producir- grandes cantidades de riqueza, mais o mercado non pode absorber a devandita riqueza fronte á baixa na taxa de beneficios e as cada vez maiores desigualdades. O capitalismo, por mor da súa mesma natureza, producirá unha abundancia de riqueza, pero polarizará esta riqueza e xerará cada vez maiores niveis de desigualdade social a menos que esta tendencia sexa contrarrestada por políticas redistributivas. O nivel de polarización e de desigualdade que o mundo experimenta agora non ten precedente. O un por cento da humanidade controla máis da metade da riqueza do planeta mentres o 80 por cento máis pobre -a gran masa da humanidade- ten se que conformar con apenas o 5 por cento. A axencia internacional de desenvolvemento Oxfam informou en xaneiro pasado que durante os primeiros dous anos da pandemia de coronavirus, os 10 homes máis ricos do mundo máis que duplicaron as súas fortunas, de 700 mil millóns de dólares a 1.5 billóns, mentres o 99 por cento da humanidade experimentou unha caída dos seus ingresos e 160 millóns de persoas máis caeron na pobreza.
Estas desigualdades terminan por minar a estabilidade do sistema mentres medra a fenda entre o que se produce ou se pode producir, e a capacidade do mercado de absorber a produción. A extrema concentración da riqueza do planeta en mans de poucos e o acelerado empobrecemento e espolio da maioría significa que a clase capitalista transnacional (CCT) non pode atopar saídas produtivas para descargar as enormes cantidades do excedente que acumulou. Nos anos anteriores á pandemia rexistrouse un constante incremento da capacidade subutilizada e un decrecemento da produción industrial en todo o mundo. O excedente de capital acumulado sen saída aumentou rapidamente. As corporacións transnacionais rexistraron beneficios record durante a segunda década do século en curso ao mesmo tempo que os investimentos corporativas diminuíron. Xunto coa acumulación militarizada, a CCT dedicouse a unha desenfreada especulación financeira e ao crecemento impulsado polo endebedamento para manter os seus beneficios fronte á crise. Se a tendencia da sobreacumulación non se corrixe, o sistema vai desembocar nunha crise -en estancamento, depresións, revoltas sociais e guerra- xusto o que estamos a vivir agora.
Pero hai outra dinámica que ten que ver coa economía global de guerra: a necesidade que teñen os grupos dominantes de suprimir o descontento das masas e desviar a crise da lexitimidade do Estado. As friccións internacionais van a máis mentres os Estados, no seu esforzo por conservaren a lexitimidade, buscan sublimar as tensións sociais e políticas e evitar que a orde social se fracture. Por todo o mundo xurdiu unha “primavera popular”. Desde Chile até O Líbano, de Iraq á India, Francia e Estados Unidos, desde Haití a Nixeria, Sudáfrica, Colombia, Xordania, e Sri Lanka... por todas as partes está a producirse unha vaga de folgas e protestas en masa que proliferaron e, nalgunhas instancias, adquiriron un carácter anticapitalista. As guerras e os inimigos externos permiten aos grupos dominantes -na súa teimosía por reter o seu control e dominio- desviar a atención do malestar doméstico cara a estas externalidades.
Nos Estados Unidos, esa sublimación entrañou un esforzo por canalizar o descontento social cara aos chibos expiatorios, tales como os inmigrantes e as minorías raciais -trátase dunha función chave do racismo e foi un compoñente integral da estratexia política do goberno de Trump- ou cara a un inimigo externo como China ou Rusia, que se converteu en pedra angular da estratexia do goberno de Biden moito antes da invasión rusa a Ucraína. Historicamente os presidentes estadounidenses rexistran o seu índice de aprobación máis alto cando lanzan guerras. George W. Bush alcanzou un índice de aprobación do 90 por cento en 2001 cando a súa administración decidiu invadir a Afganistán, e o seu pai, George H.W. Bush, logrou rexistrar un índice de aprobación do 89 por cento en 1991, no momento en que os Estados Unidos declaraban o final da súa (primeira) invasión a Iraq e a “liberación de Kuwait”.
É pouco probábel que a cada vez maior militarización da economía mundial logre contrarrestar as dimensións económica e política da crise global. O capitalismo global emerxe da pandemia de coronavirus con máis desigualdade, máis autoritarismo, máis militarización, e máis conflito cívico e político. En Estados Unidos, a loita de clase intensifícase, cunha vaga de folgas e campañas de sindicalización en Amazon, Starbucks e outros sectores da economía gig. A actual espiral inflacionaria e a reactivación da loitas de clases en Estados Unidos e en todo o mundo subliñan a incapacidade dos grupos dominantes de disputar a crecente crise. O empuxe do Estado capitalista de externalizar as repercusións políticas da crise aumenta o perigo de que as tensións internacionais e os conflitos locais como o de Ucraína desemboquen en conflagracións internacionais mais amplas e de consecuencias imprevisíbeis.
A prolongación da crise ucraína e a continua escalada das mobilizacións populares a escala planetaria producirán unha cada vez máis radical reconfiguración das posicións xeopolíticas globais, ao son do tambor da crecente turbulencia na economía global que levará a novos escenarios políticos e conflitos violentos, facendo cada vez mais volátil o capitalismo global. Dificilmente volveremos ao statu quo de antes da guerra en Europa Oriental. Pero no cadro máis amplo, a crise ucraína non é a causa senón a consecuencia da crise xeral do capitalismo global. Esta crise só irá a peor. Abrochen o cinto: a cousa irá a peor.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 29 de abril de 2022]