O TSXG declara nula a estrutura da nova oficina xudicial por vulnerar a liberdade sindical e obriga a administración a negociar

O alto tribunal galego dálle a razón á CIG e conclúe que a Dirección Xeral de Xustiza non podía impor unilateralmente o deseño ao afectarlle ás condicións de traballo do persoal
Nacional - 24 Nov 2026

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de estimar parcialmente o recurso presentado pola CIG e declara a nulidade da resolución do 23 de abril de 2025 pola que se acordou o deseño e a estrutura da nova oficina xudicial. A sentenza, que se pode recorrer en casación, considera que se vulnerou o dereito fundamental á liberdade sindical na súa vertente de negociación colectiva e obriga a administración a convocar a Mesa Sectorial de Xustiza para negociar as materias que afectan ás condicións de traballo do persoal.

O sector de Xustiza da CIG valora esta resolución como “unha importantísima vitoria xudicial” que avala a posición defendida pola central nacionalista a respecto de que a Dirección Xeral “non podía utilizar a súa potestade de autoorganización como escusa para impoñer de maneira unilateral un novo modelo de oficina xudicial e deixar fóra da negociación as organizacións sindicais”.

Dereito a negociar

CIG-Xustiza agarda que a Dirección Xeral acate o pronunciamento xudicial e que, sen máis dilacións, convoque a Mesa Sectorial con verdadeira vontade negociadora

A Dirección Xeral de Xustiza, subliña a representación da CIG, negouse expresamente a negociar o deseño e a estrutura da nova oficina xudicial dos Tribunais de Instancia, pretendendo substituír o dereito á negociación colectiva “por un simple trámite de información e consulta”.

Lembran que o 4 de abril de 2025, a administración trasladou por correo electrónico o borrador da resolución, advertindo expresamente de que non era obxecto de negociación sindical, aínda que os sindicatos poderían presentar alegacións “que supostamente, serían tidas en conta”.

Na Mesa Sectorial do 23 de abril, a Dirección Xeral mantivo a mesma posición ao considerar que a estrutura entraba dentro da súa potestade de autoorganización e que, polo tanto, non tiña obriga de sometela a negociación. “A súa proposta era informar ás organizacións sindicais e recibir as nosas achegas, pero non negociar. E todo iso mentres anunciaban que asinarían ese mesmo día a resolución da estrutura e as Relacións de Postos de Traballo”, critica a CIG-Xustiza.

A CIG non aceptou esta imposición porque era obvio que non se trataba dunha decisión puramente organizativa, senón dunha regulación que afectaba directamente ás condición de traballo do persoal da administración de Xustiza. Por iso, a central acordou acudir aos tribunais “para defender os nosos dereitos e os do conxunto do persoal ao que representamos”.

O TSXG desmonta os argumentos da Dirección Xeral e dálle a razón á CIG

A sentenza é contundente nos seus razoamentos e confirma que a administración non podía eludir a negociación colectiva, xa que o novo modelo implica cambios na distribución das cargas de traballo, responsabilidade e dependencia xerárquica, ademais de repercutir na reordenación das tarefas e a cobertura de servizos que pode conlevar mobilidade funcional e mesmo cambios retributivos ao crearse funcións con distinto nivel. 

Coa sentenza na man, a CIG-Xustiza agarda que a Dirección Xeral acate o pronunciamento xudicial e que, sen máis escusas nin dilacións, convoque a Mesa Sectorial de Xustiza “cunha verdadeira vontade negociadora. A implantación da NOMO vulnerou os dereitos dos traballadores e traballadoras da Xustiza en Galiza e debemos reverter esa situación aprobando un deseño máis respectuoso coas condicións de traballo do funcionariado”, conclúen.