Trump e o botín de América Latina

Telma Luzzani - 25 Feb 2025

Manter un dominio férreo sobre América Latina —a súa zona de influencia, o seu patio traseiro, xa visitado por Rusia e China— aparece como unha necesidade vital para o goberno de Trump. Será con narrativas hollywoodenses, con falta de ética e coa forza militar. As deportacións son unha mostra clara

 Canal de Panamá, Grenlandia, Golfo de México, Canadá: Donald Trump pegou unha volta de parafuso á histórica pillaxe norteamericana na Nosa América. Como a legalidade non o acompaña, a Casa Branca usa as tácticas de sempre: a mentira e a soberbia —o editorial do New York Times do 21 de xaneiro usa a palabra "matón"— pero agora sen máscaras.

 Poderá? Con Panamá, O Salvador, Costa Rica, Guatemala e República Dominicana, Trump considera que si pode. Con Venezuela, parece que non. Como di o xornal neoiorquino, Trump envía ao seu chanceler, Marco Rubio, aos cinco países centroamericanos logo de os intimidar durante o dez primeiros días do seu goberno con ameazas de aplicar a forza militar se non obedecen os seus ditados.

 Con Venezuela, en cambio —polo de agora—, o magnate mostrouse menos fachendoso e buscou o diálogo. O seu enviado, o diplomático Richard Grenell —quen non acepta que haxa só dous xéneros, como dixo o seu xefe no discurso de asunción, xa que se declara gai—, reuniuse o último día de xaneiro co presidente Nicolás Maduro con axenda aberta.

 O xornal británico Financial Times deu o sábado unha versión do alí negociado. Os Estados Unidos flexibilizarían as sancións contra Caracas, anularían a recompensa que ofrecen pola cabeza de Maduro e aumentarían a compra de petróleo. A cambio, Miraflores xa liberou a seis do oito estadounidenses presos, acusados de ser espías e conspirar contra Venezuela, e aceptaría as deportacións dos seus connacionais.

 A viaxe de Marco Rubio, do 1 ao 6 de febreiro, comezou por Panamá, país ao que o presidente estadounidense pretende arrebatar o canal bioceánico e onde busca pór en marcha o "master plan" imperial para facer fronte ao novo mundo multipolar que xa asoma. Para comprender esta manobra trumpista o primeiro paso é coñecer a verdadeira historia do Canal de Panamá. O segundo é constatar cal é o motivo real da Casa Branca e, coidado!, non crer que é apenas, como queren vendérnolo, un asunto de seguridade e de suposto asedio chinés.

A verdadeira historia

 Un dos historiadores máis interesantes de Estados Unidos, William Appleman Williams (1921-1990), explicou como emerxe, a fins do século XIX, a pulsión expansionista do seu país. "A práctica económica, a análise intelectual e os sentimentos nacionais amalgamáronse de tal xeito que había unha corrente de pensamento, forte e perigosa, que definía o benestar esencial dos Estados Unidos só en función das actividades que levasen a cabo no exterior", escribiu no seu libro O imperio como un estilo de vida, de 1980.

 Nese marco, o control do golfo de México, do paso bioceánico e do mar Caribe para misións comerciais e militares era e seguen sendo clave. Así o resume outro salientábel historiador estadounidense desde a Universidade de Nova York, Greg Grandin: "Para a apropiación do canal de Panamá o presidente Roosevelt e o banqueiro J. P. Morgan, en 1903, quitáronlle a Colombia a provincia de Panamá e crearon un novo país, abriron unha nova ruta interoceánica e instalaron unha base militar". Para daquela, os Estados Unidos xa se apoderaran da metade de México, dominaban Cuba e compraran Alaska (1867), entre outras accións similares.

 Como fixeron os Estados Unidos para quedar co canal? Moi resumidamente. Primeiro, o goberno de Roosevelt, coa axuda de J.P. Morgan, comprou por 60% menos do seu valor a concesión do canal á francesa "Compagnie universelle du canal interocéanique", que desde 1880 viña construíndo unhas complexas esclusas para compensar o desnivel existente entrambos os océanos. Ademais de ter problemas de corrupción, a "Compagnie" foi branco de operacións de prensa internacionais que afectaron a súa imaxe e puxérona moi preto da quebra.

 O paso seguinte foi dividir Colombia. Washington encirrou a un sector da burguesía panameña a independizarse coa promesa de que, sen Bogotá, farían grandes negocios. Cando a conspiración triunfou e se declarou a "independencia" o 3 de novembro de 1903, varios buques de guerra norteamericanos xa estaban estacionados fronte ás costas panameñas. Casualidade ou non, o cable que facía posíbel a comunicación entre a provincia de Panamá e Bogotá danouse. O goberno colombiano reaccionou con premura o día 6 pero os Estados Unidos e Francia, á velocidade da luz, xa recoñeceran a nova nación.

 A Zona do Canal, inaugurada en 1914, foi crucial para os Estados Unidos durante todo o século XX. Entre moitos outros usos foi un punto estratéxico durante as dúas guerras mundiais e lugar de adestramento para invasións como a de Vietnam. No que respecta á nosa rexión, foi sede do Comando Sur do Pentágono e da tenebrosa Escola das Américas, centro de formación de cadros militares e ditadores latinoamericanos que violaron os dereitos humanos e arrasaron os nosos países durante o século pasado.

 Moitas veces o pobo panameño tentou recuperar a soberanía sobre o canal. O 9 de xaneiro de 1964 —desde aquela Día dos Mártires— o Comando Sur descargou unha feroz matanza contra estudantes que tentaba izar a bandeira panameña xunto á norteamericana no canal. Unha década despois o presidente demócrata James Carter asinou co seu par panameño, o xeneral Omar Torrijos, o Tratado de Neutralidade (1977) polo cal "só a República de Panamá xestionará o canal e manterá sitios de defensa e instalacións militares dentro do seu territorio nacional" despois do 31 de decembro de 1999.

 Todos os presidentes que sucederon a Carter (Ronald Reagan, George Bush I e Bill Clinton) buscaron atallos para non cumprir co acordo. Pero en 1999 cumpriuse. Hoxe Trump pretende que prevaleza a forza militar sobre a lei. A consigna trumpista —hai quen din que xa a usaba Reagan— é "lograr a paz mediante a forza". Panamá é o seu primeiro laboratorio de ensaio.

China e o mundo multipolar avecíñanse

 Asumir que as arengas de Trump mesturan conceptos deliberadamente contraditorios, mentiras, referencias incomprobábeis, difamacións, frases persecutorias e verdades a medias axudará a decodificar algunhas liñas de acción do flamante goberno republicano.

 O caso do canal de Panamá é un bo exemplo. Unha referencia incomprobábel con vernices de difamación e ecos persecutorios saíu da boca de Marco Rubio cando asegurou que China quería o paso bioceánico para "uso dobre: parecen civís, pero pódense converter en instalacións militares". Ou cando Trump afirmou que se lles cobra máis aos buques estadounidenses que aos chineses. Ou cando o Senado norteamericano acusou a Panamá de "explotar unha ruta estratéxica"(!). Unha proba de que o presidente estadounidense mente é a súa afirmación, o mesmísimo día da asunción, de que "os panameños violaron totalmente o espírito do tratado".

 A realidade é que o sector de poder estadounidense que se referencia con Trump ten plena conciencia do declive da gran potencia, nun mundo que transita por un cambio de hexemonía e de sistema, e decidiu tomar medidas drásticas para evitar a caída. Trump admitiuno varias veces no seu discurso. "Unha onda de cambios percorre o país. A partir de agora, o declive de Estados Unidos acabouse", dixo o pasado 20 de xaneiro.

 O cambio total de táctica que encara o presidente actual implica desterrar a absurda ilusión demócrata de inflixir unha derrota definitiva a Rusia ou debilitar a China prendendo un conflito a través de Taiwán. Trump e a súa idiosincrasia transaccional queren reverter a progresiva marxinalidade dos Estados Unidos en Eurasia; competir cos novos corredores comerciais do Ártico —e beneficiarse dos seus recursos naturais—; frear na medida das súas posibilidades a desdolarización —e lidar cos 35 billóns de dólares de débeda recoñecidos polo Tesouro o ano pasado— e recuperar a dianteira na carreira tecnolóxica, entre outros durísimos desafíos.

 Neste marco, manter un dominio férreo sobre América Latina —a súa zona de influencia, o seu patio traseiro, xa visitado por Rusia e China— aparece como unha necesidade vital. Será con narrativas hollywoodenses, con falta de ética e coa forza militar. As deportacións da semana son unha mostra clara.

 Como na Arxentina mileísta, medios académicos e de prensa buscan instalar a idea de que o saqueo, as deportacións ou a violencia son menos delito se "se avisan con anticipación". Non é así. O que avisa non será traidor, pero segue sendo un delincuente —e ademais— confeso.

_____________________________________________________________________________

Este artigo foi publicado orixinalmente en El Destape de Arxentina o 2 de febreiro de 2025.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web venezolano Misión Verdad, do 3 de febreiro de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.