Trump e Milei entre o proteccionismo e o librecambio en defensa do capitalismo
Hai problemas globais da orde capitalista que afectan a todos os países e en cada un existen especificidades propias, que poden explicar as perspectivas proteccionistas que promove o “America first” trumpista ou o aperturismo do libertarismo mileista
En xaneiro de 1848, Karl Marx (1818/1883) sinalaba que o problema non era o debate entre o proteccionismo defendido por Friedrich List (1789/1843) desde Alemaña ou David Ricardo (1772/1823) desde Inglaterra, senón o réxime do capital que sustentaba ambas as posicións segundo o desenvolvemento fabril en cada territorio. Nese marco e ante a crise capitalista global, a confluencia política da ultradereita mundial pode sustentar unha política proteccionista desde Washington e librecambista desde Bos Aires.
Trump e Milei promoven unha política de ultradereita para favorecer o obxectivo do beneficio e da acumulación capitalista. Fano co consenso dos desencantados coa situación económica, e abofé, co soporte do gran poder económico. Estes capitais concentrados buscan liberar a lóxica do capital de regulacións que favorecen dereitos sociais, laborais, colectivos ou individuais. Por iso sustentan reaccionarias reformas laborais e de pensións.
O descontento social deriva da inflación acelerada na pospandemia nos EUA e nunha tendencia crecente de suba de prezos desde o 2006 en Arxentina. A economía estadounidense medra amodo logo da crise do 2007/09, sen caer nun proceso recesivo declarado, e en Arxentina existe unha tendencia ao estancamento, con subas e baixas en máis dunha década. En rigor, hai problemas globais da orde capitalista que afectan a todos os países e en cada un existen especificidades propias, que poden explicar as perspectivas proteccionistas que promove o “America first” trumpista ou o aperturismo do libertarismo mileista.
O crecemento estadounidense ou o pico de serra de subas e baixas na Arxentina logran o mesmo resultado, unha maior concentración do beneficio e da riqueza e polo tanto, crecente desigualdade cunha pirámide de ampla base nos prexudicados da orde existente. Esa é a base material para confiar en solucións máxicas proferidas desde un discurso simplista que aposta polo mercado, proposta sustentada en premisas ideolóxicas en defensa da propiedade privada dos medios de produción e na liberdade para o capital e a lóxica da explotación da forza de traballo e o saqueo dos bens comúns.
Sostemos que o problema é a alternativa, que de ningún xeito supón o retorno ao coñecido, dun liberalismo regulado, de tipo desenvolvementista ou reformista baixo calquera denominación vixente na orde capitalista no último século. A proposta máis emblemática nese sentido foi a propiciada por John Maynard Keynes (1883/1946), cuxas ideas, especialmente no relativo á intervención estatal na produción e circulación de bens e servizos, hexemonizou a política económica mundial desde finais da segunda guerra mundial. Unha orientación vixente até a crise de rendibilidade dos 60/70, substituída pola nova onda “neoliberal”.
A esquerda foi impugnada nese proceso, especialmente coa subordinación da socialdemocracia europea á lóxica neoliberal nos 80 do século pasado e da caída do “socialismo real” entre os 80/90, de Polonia á URSS. Non hai alternativa sostivo Margaret Thatcher desde Londres e repetiu Carlos Menem desde Arxentina. Os seguidores da ultradereita sosteñen “adeus ao socialismo” co triunfo de Trump nos EUA, validando unha consigna de Milei e outros similares en gobernos da dereita global.
O desafío do momento é a xeración dun proxecto de confrontación ao réxime do capital, que está nos programas que hoxe promoven as loitas e organizacións sociais, en protestas sindicais, sociais, territoriais, de xubilados/as, de mulleres e diversidades, estudantís, en defensa do medio ambiente, polos dereitos humanos e variadas causas a favor da vida social e natural. Un problema da conxuntura é a desarticulación destes espazos que inzan a protesta de maneira fragmentada. A sociedade está en movemento, mesmo cando non sintetiza nun proxecto político compartido de emancipación, sen explotación nin saqueo.
A necesidade é a articulación da diversidade, desde abaixo e á esquerda do espectro político. Non abonda coa esquerda institucionalizada, nin en certos agrupamentos en desenvolvemento, xa que se require maior densidade social organizada e mobilizada articuladamente. A proposta é sumar os programas como parte unificada dunha demanda en pro doutro rumbo contrario á lóxica do capital. Non hai que ir detrás do mal menor nin promover propostas idealistas que alimenten sectarismos infrutuosos.
Resulta imprescindíbel a unidade para enfrontar a ofensiva do capital e das dereitas, que están encoraxadas para evitar calquera posibilidade de crítica ou mitigación dos efectos das súas reaccionarias políticas, por iso o mundo asiste a un tempo de “sancións unilaterais” empurradas desde Washington que desarticula calquera perspectiva de cooperación global, mesmo en contra da propia lóxica de internacionalización da produción capitalista.
A unidade do diverso na procura de xerar unha perspectiva de revolución contra o capital é o que anima a reflexión en momentos de consensos electorais da dereita. Todos os esforzos nese sentido son parte dun desafío histórico para rescatar un futuro de emancipación, tal como imaxinaba o incipiente movemento revolucionario de 1848 que anticipaba Marx no seu discurso aos traballadores antes mencionado.
O triunfo de Trump é celebrado polo goberno arxentino encabezado por Milei e os seus asociados, á vez que anima a internacional do poder, a ofensiva do capital e as dereitas de distinta caste. A organización e a loita social en todos os territorios afronta o desafío de facer realidade a demanda da unidade de traballadores e pobos para encarar un proxecto en contra e máis aló do réxime do capital.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 11 de novembro de 2024]