Tres novas sentenzas evidencian a complicidade do concello no despedimento dos condutores do aeroporto
Tres novas sentenzas dos xulgados do Social de Santiago veñen confirmar a complicidade do concello compostelán no despedimento dos condutores que facían a liña Santiago-aeroporto-Santiago. Os traballadores non foron subrogados por TRALUSA, do Grupo Monbus, o pasado 23 de decembro, cando esta liña foi asumida polo concello, en virtude dun acordo da Xunta de Goberno que facultaba á empresa para empregar o seu propio persoal, incumprindo así as obrigas do convenio colectivo de transporte de viaxeiros e o acordo marco de subrogación asinado pola patronal, sindicatos e Xunta de Galiza.
Isto está agora confirmado nas sentenzas de diferentes xulgados, que veñen dicir que ese acordo da Xunta de Goberno non se debería ter producido e que é o causante de que estes traballadores se atopen aínda hoxe fóra deste servizo.
Durante todo este proceso os traballadores insistiron na busca de solucións negociadas, mesmo previo as sentenzas, para garantir os postos de traballo. Logo de múltiples xestións e unha xuntanza con todos os grupos municipais, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo asumiu publicamente, e en primeira persoa, un labor de mediación co propietario do Grupo Monbus, Raúl López.
“Cónstanos, aínda que incumpriron o seu compromiso de informarnos directamente, que nesa reunión Raúl López manifestou que el tiña unha gran ‘sensibilidade social’ e que os traballadores serían recolocados noutros servizos”, denuncia Inácio Pavón.
Meses despois non houbo, segundo Pavón, ningún contacto da empresa nin do concello neste sentido pregándose unha vez máis a institución á empresa, incumprindo o seu compromiso tanto cos traballadores como co resto de grupos municipais e o manifestado publicamente.
Nova mobilización
Diante desta situación os traballadores volverán saír á rúa o vindeiro xoves, día 28 de outubro, manifestando que están dispostos a manter presente este conflito durante toda a lexislatura polos reiterados incumprimentos e desplantes do grupo de goberno e, nomeadamente, do concelleiro Adolfo Muíños e do alcalde Xosé Sánchez Bugallo.
Denuncian ademais a “descarada conivencia do grupo de goberno co Grupo Monbus, ao que se lle permite dispoñer irregularmente de terreos de propiedade municipal, tanto nas instalacións do mercado de Amio, -destinadas segundo os pregos de condicións só ao transporte urbano e que son utilizadas indiscriminadamente para todas as contratas que este grupo ten coa consellaría de Mobilidade- ou na estación de autobuses, onde ninguén dubida que a nova licitación da nova estación de servizo vai ser para o Grupo Monbus.