Convocan tres días de folga na recollida do lixo da Estrada por melloras laborais tras oito anos sen suba salarial

A actual concesionaria, Geseco, pretende vincular a negociación de melloras laborais á publicación do prego de condicións do concurso
A Estrada - 02 Xun 2026

O cadro de persoal de Geseco, concesionaria da recollida do lixo do Concello da Estrada vén de convocar folga os días 25, 26 e 27 de xuño para reclamar unhas condicións dignas tras oito anos co salario conxelado. A empresa, pola súa banda, pretende vincular a negociación de calquera mellora laboral á publicación do prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo.

O anuncio foi feito días atrás en rolda de prensa polo delegado de persoal da CIG na empresa, Álvaro Casal, e o membro da Executiva Comarcal da CIG de Pontevedra Javier Dapena, que explicaron que a decisión foi adoptada en asemblea "xa que tras varias xuntanzas co Concello e coa empresa para abordar a elaboración dun convenio colectivo non tivemos resposta”. 

A proposta que lle enviamos á empresa un convenio a dous anos, cunha única liña vermella: a suba salarial, que sería do 4,9% para 2026 e do 2% máis IPC de 2026 para 2027

Lembran que o Concello comprometérase que ía deixar que a representación legal das persoas traballadoras tivese acceso os pregos de condicións do próximo contrato, “pero despois dixeron que non podía ser por temas de protección de datos, pero o que sospeitamos é que non teñen nin pregos nin nada”.

Dende a parte social trasladóuselle á empresa en marzo unha proposta “moi realista, de mínimos”, reclamando un incremento salarial do IPC máis un 2% en dous anos e o aumento do plus penoso tóxico do 10% neste período. Pero a resposta foi negativa, e ofertaron un 1% para 2026 e 1,5% para 2027; e con respecto ao plus, un 2% do salario base este ano e un 5% para o que vén”. Pero todo isto, supeditado á sinatura dun novo contrato “que non se sabe nin quen o fai, nin se está feito, nin se se vai facer”. Neste senso, sinalan que o concelleiro responsábel do servizo lles comentou que estaba feito pero que entraría en vigor en 2028.

Ao mesmo tempo, denuncian que a empresa pretende vincular a negociación de melloras laborais aos pregos de condicións, “pero o Concello nos os dá publicado, polo que demandamos un acordo puntual antes de contar co documento”. O obxectivo é que as melloras que se pacten sexan incorporadas aos pregos para garantir que a empresa que se faga cargo do servizo respecte o acordado.

Mobilizacións antes da folga

“A proposta que lle enviamos á empresa un convenio a dous anos, cunha única liña vermella: a suba salarial. Levamos oito anos co mesmo soldo, polo que pedimos un incremento do 4,9% para 2026 e do 2% máis IPC de 2026 para 2027. Todo o demais é negociábel, pero esta cuestión non”, inciden.

Ante a falta de resposta por parte da empresa, a semana pasada a asemblea do cadro de persoal, integrado por unhas 20 persoas, decidiu convocar folga, que foi ratificada posteriormente nunha nova asemblea, polo que comezará os vindeiros días 25, 26 e 27 de xuño. “Non descartamos mobilizacións previas á folga. A pelota está agora no tellado da empresa e do Concello”, rematan.