Tratados comerciais, xaque mate á democracia

Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate - 22 Out 2018

Preténdese redefinir o proxecto político-cultural do capitalismo para as próximas décadas, en función dun principio básico: xa nada pode quedar fóra da órbita capitalista, todo debe converterse nun espazo de acumulación, sen atranco ningún. Toda barreira aos mercados globais e aos negocios internacionais debe ser derrubada

 A democracia é, sen dúbida, unha das principais vítimas da profunda crise actual. Asistimos ao desmantelamento progresivo de principios políticos que non hai moito tempo parecían hexemónicos: soberanía popular, dereitos humanos, cidadanía, representatividade, separación de poderes, primacía do político sobre o económico… que se converten agora en papel mollado.

 Non se hai que enganar, estes principios sempre foron máis un relato que unha realidade, ocultando nas súas prácticas unha matriz colonial, patriarcal e clasista, sostida sobre notábeis desigualdades e desde o uso dunha violencia estrutural. Malia iso, conformaban un modelo de democracia de baixa intensidade que permitía, fundamentalmente no Norte global, certos espazos de decisión popular. Precisamente hoxe non só estes, senón até o mesmo relato do Estado de dereito e da arquitectura multilateral de defensa dos dereitos humanos, están no punto de mira do sistema.

 Xa non lle son funcionais: o capitalismo é incompatíbel coa democracia e, para que poida sobrevivir nun momento especialmente crítico, lanza un xaque mate ao imaxinario e ao modelo vixente desde mediados do século pasado. Neste sentido, o triángulo conformado polo enorme excedente económico xerado pola financeirización da economía global -que necesita febrilmente atopar espazos de reprodución-, as escasas expectativas de crecemento e acumulación para as próximas décadas, así como o colapso ecolóxico que vén froito do cambio climático e do esgotamento das fontes de enerxía fósil, provoca unha tormenta perfecta na que o poder corporativo -comandado polas empresas transnacionais- impulsa unha ofensiva salvaxe.

 Preténdese así redefinir o proxecto político-cultural do capitalismo para as próximas décadas, en función dun principio básico: para superar este momento crítico, xa nada pode quedar fóra da órbita capitalista, todo debe converterse nun espazo de acumulación, sen atranco ningún. Toda barreira aos mercados globais e aos negocios internacionais debe ser derrubada: barreiras xeográficas, que impidan avanzar no vello soño húmido dun único mercado mundial auto-ultrarregulado; barreiras sectoriais, que permitan arrasar con todo ámbito público e/ou común en favor do privado e corporativo; e, por suposto, barreiras políticas, que poñan couto á soberanía popular fronte á primacía do capital.

 Nesta lóxica inscríbese o crecente autoritarismo, así como o ascenso do fascismo social e político. Por poñer algúns exemplos, vimos unha Troica capaz de impoñer unha débeda ilegal e ilexítima ao pobo grego, a pesar do masivo rexeitamento en referendo; unha policía que reprime con asañamento en Catalunya fronte a unha cidadanía decidida a votar, sen ningún tipo de consecuencia política; unha Unión Europea que practica sistematicamente a necropolítica, e que pasa polo arco do triunfo o marco internacional dos dereitos humanos; un sistema xudicial convertido en suxeito político, que permite aos poderes fácticos avanzar alí onde estes non alcanzan, como se constatou en Brasil, Ecuador e o Estado español; un sector financeiro que impón o seu poder sobre os pobos, facendo que estes acudan ao rescate das súas desfeitas; uns crecentes espazos de non-dereito, como Guantánamo, que normalizamos; e unha extrema dereita que amplía os seus espazos -mesmo gobernamentais- fomentando a guerra entre pobres e as lóxicas excluíntes.

 Pero o golpe decisivo a este proceso de desmantelamento dos mínimos democráticos a escala global ten nome propio: os tratados comerciais. Asistimos a unha nova vaga de acordos deste tipo (CETA, JEFTA, USMCA, TISA, TTIP, etc.), que pretende completar o proxecto da globalización neoliberal impoñendo unha constitución económica de carácter poliédrico. Falamos de constitución precisamente porque aspira situarse no cume da pirámide político-xurídica delimitando, como adoitan facer as constitucións, o marco do posíbel: que se prioriza e que non, a que se lle concede valor e a que non. Falamos de constitución económica a escala global porque o que se tenta impoñer precisamente é a hexemonía indiscutíbel da lex mercatoria, a primacía e blindaxe dos negocios das empresas transnacionais a escala internacional. E falamos de constitución de carácter poliédrico porque os seus contidos non se plasman nun único documento co seu articulado específico, senón que este se verte en múltiples e moi diversos tratados que, dentro dunha estratexia dinámica, flexíbel e progresiva, incorporan parámetros similares.

 Os parámetros compartidos por esta poliédrica constitución económica global poderíanse resumir en catro apostas complementarias.

 En primeiro lugar, todos os novos tratados sen excepción incorporan unha definición ampliada de comercio internacional, que agora tamén inclúe investimento, servizos, finanzas, bens naturais, compra pública, comercio dixital, innovación, competitividade, etc. Todos estes ámbitos, xa que logo, entran indefectibelmente no marco dos negocios das grandes empresas, arrebatándoos así do debate político e da órbita da soberanía popular.

 Ademais, os acordos comerciais sitúan, cal táboa de mandamentos corporativos, unha serie de valores de gran esixibilidade, xusticiabilidade e capacidade de coerción a escala global, delimitando o novo marco do posible: o acceso ao mercado sen trabas para as grandes empresas convértese en máxima; a primacía da seguridade da investimentos e dos beneficios empresariais imponse ao mandato democrático e popular; a harmonización normativa á baixa en dereitos colectivos asúmese como ofrenda no altar da competitividade, creando toda unha estrutura multilateral na súa defensa; e foméntase a mercantilización de todo sector público e/ou comunitario, impedindo en sentido contrario todo proceso de nacionalización, republificación ou de propiedade e xestión colectiva sen ánimo de lucro, unha vez asinados os acordos.

 En terceiro lugar, os tratados engaden novas estruturas rexionais e multilaterais favorábeis ao proxecto do poder corporativo, neste caso coa tarefa específica de incidir en prol da converxencia reguladora, isto é, da desregulación de normativas ambientais, económicas, sociais e laborais. Se os organismos económicos multilaterais e os espazos rexionais como a Unión Europea xa incidían neste sentido, agora contarán co apoio incuestionábel destes espazos, con capacidade política de impoñer e/ou presionar en favor dun comercio e un investimento internacional sen atrancos.

 En cuarto e último termo, a nova vaga de acordos expande o radio de acción dunha xustiza privatizada en defensa do investimento estranxeiro e baixo a éxida dos mandamentos corporativos. Imponse deste xeito a escala mundial o modelo dos tribunais de arbitraxe, gardiáns dos mandamentos corporativos e alleos a todo principio de igualdade xurídica, nos que unha serie de árbitros privados teñen a capacidade de impoñeren os seus laudos aos Estados. Estes poden ser denunciados polas grandes empresas se visen os seus beneficios pasados, presentes e mesmo futuros alterados, mentres que os Estados non contan coa capacidade de denunciar ás empresas, inclinando definitivamente a balanza político-xurídica en favor do privado fronte ao público.

 O círculo péchase: a nova vaga de tratados comerciais amputa definitivamente o poder do público, das institucións. As súas capacidades lexislativas, executivas e xudiciais están agora mediatizadas polos mandamentos corporativos convertidos en constitución, subordinadas a todo unha engranaxe multilateral e rexional en favor do poder corporativo, e baixo unha xustiza ad hoc que intimida e penaliza a quen ouse saír do marco do posíbel. Limítase entón o papel dos Estados á seguridade e á desregulación de dereitos, mentres que as empresas multinacionais emerxen como verdadeiro goberno de facto. A democracia, isto é, o poder do pobo, relégase á formalidade de xestionar as migallas descartábeis para o mercado. Unha democracia de intensidade mínima, que agora si xa comezaría onde terminan os negocios.

 Este proxecto segue vivo, malia o fracaso temporal do TTIP e a guerra comercial, xa que con matices e intensidades diferentes segue sendo defendido polas elites globais. Por iso segue sendo necesario facelo descabalgar, impedir a súa aprobación e implementación. Igual que o é loitar contra o sistema que o impulsa, ampliando en sentido contrario a democracia que nos queren arrebatar: revertendo a escala local-global, redefinindo as soberanías desde olladas inclusivas, implementando procesos de democracia a todos os niveis. Se democracia e capitalismo son incompatíbeis, sabemos de que lado estamos.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 18 de outubro de 2018]