Trasládanlle ao Ministerio de Traballo a problemática laboral derivada da “desescalada” en Citroën
Os secretarios das seccións sindicais da CIG e da CUT en PSA Citroën Vigo mantiveron onte unha xuntanza coa directora xeral de Traballo en Madrid para abordar a problemática laboral derivada do proceso de “desescalada” na fábrica de automoción. En concreto, reclaman que se estableza un tempo extra para que o persoal poida adoptar as medidas de protección, así como a redución da carga de traballo para adaptala á nova realidade derivada da alerta sanitaria.
As dúas centrais solicitaran xuntanzas con distintas Administracións e organismos oficiais no mes de xullo para demandarlles que actuasen ante o proceso unilateral de “desescalada” das medidas de protección fronte á covid que estaba a levar a cabo a empresa e o aumento constante das cargas de traballo “no que entendemos se prima o rendemento económico e a produción sobre a saúde das persoas traballadoras”.
Nas medidas adoptadas pola empresa prima o rendemento económico sobre a saúde do persoal
En primeiro lugar entenden que as medidas de protección (máscaras, desinfección...) non poden implicar consumir tempo das paradas do persoal, de aí que reclaman establecer un tempo a maiores dos que actualmente teñen nas paradas para a súa correcta aplicación.
Consideran tamén que as actuais cargas de traballo son abusivas, polo que teñen que adecuarse ao uso obrigatorio de medidas preventivas. “Por iso cremos que non poden obrigarnos a desempeñar os postos baixo un ritmo igual ou superior ao que tiñamos antes da covid”.
Contratación a tempo completo
Ao mesmo tempo, critican que teñan que vir coa roupa de traballo da casa debido ás restricións dos vestiarios “sen que isto implique melloras organizativas, polo que debéramos dispoñer de medios e tempo para compatibilizar ambas necesidades sen que penalice os traballadores/as”.
Por outra banda, ven imprescindíbel regularizar as contratacións a tempo parcial nas quendas con estabilidade na xornada laboral, para o que debera garantirse un mínimo en contratación de persoal de produción a tempo completo, cando menos co que estea nas quendas do día (de 8 horas). Tamén apostan por reducir o índice de eventualidade nas liñas de produción en proporción ao volume de persoal fixo para reconducir a precariedade laboral actual.