Tras dúas sentenzas desfavorábeis, Navantia desiste á fin no seu intento de criminalizar o dereito á folga
O pasado 11 de xullo, o TSXG comunicaba a firmeza da sentenza pola cal desestimaba as pretensións de Navantia de reabrir o proceso contra a folga convocada pola CIG na industria auxiliar en 2017. A empresa pública tiña cinco días para formalizar recurso de reposición, mais non o fixo, evidenciando así que o seu obxectivo non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar os traballadores e traballadoras que de xeito masivo e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos.
Malia as públicas e reiteradas acusacións da empresa contra a CIG, acusando a central sindical de convocar unha folga encuberta e abusiva contra a propia Navantia, na súa resolución, o TSXG reiterou a falta de lexitimidade de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada para a súa industria auxiliar. De igual xeito, a sentenza negaba os presuntos impedimentos por parte dos piquetes denunciados pola naval, afirmando que as alteracións na produción a causa da convocatoria de folga non supoñen a ilegalidade desta.
En ambas resolucións desmóntanse todos os argumentos aos que recorreu Navantia para tentar xustificar a súa demanda, pondo en evidencia que nin existían causas para iniciar este proceso, nin a declaración de folga ilegal era o obxectivo real da empresa, senón que formaba parte dunha estratexia de desmobilización. Dende a comunicación da convocatoria da folga, acordada nas diferentes asembleas de traballadores/as, fixéronse notábeis os intentos de Navantia para deslexitimar a loita do persoal das auxiliares e o labor sindical da CIG á fronte desta reivindicación.
Inxerencias continuas de Navantia durante o conflito
Durante os 22 días de paro indefinido, as inxerencias de Navantia para desactivar o conflito foron constantes e en lugar de mediar unha solución ás demandas laborais, como lle correspondería no seu papel de empresa principal, utilizou as súas contratas e mesmo os medios de comunicación para criminalizar o persoal, coaccionalo e cuestionar incluso o seu dereito á folga, ferramenta fundamental que temos a clase obreira para defender e avanzar nas nosas condicións de vida.
Na mesma liña actuaron algunhas das súas contratas, como Galictio e Indasa, que presentaron denuncia perante a garda civil contra varios membros da CIG pola súa participación nos piquetes ás portas de Navantia Fene. Aínda que este asunto tiña data para o 3 de xullo no Xulgado de Instrución 2 de Ferrol, a vista non se chegou a producir porque ambas empresas retiraron as denuncias.
Dous anos despois da folga e cos acordos salariais incorporados ao convenio do metal da Coruña tras unha dura batalla, por fin, Navantia desiste na súa persecución. Dende a CIG agardamos que Navantia e as súas contratas tomen boa nota desta actuación fracasada e cesen nos intentos de restrinxir o lexítimo dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar melloras salariais e laborais.