Tras aplicar varios ERTE consecutivos, Comar anuncia o peche dunha sala de Bingo e o despedimento do persoal
A CIG-Servizos manifesta o rexeitamento frontal ao inminente peche da sala de Bingo que Comar ten na Avenida de Rubine da Coruña e cuxo peche foi comunicado ás persoas traballadoras na tarde do xoves. A decisión, sinalan, non se entende cando a propietaria da sala ten uns beneficios millonarios, incluso en tempos de pandemia, e cando estas traballadoras e traballadores levan sufrindo as consecuencias da nefasta xestión da empresa dende o 2020, encadeando ERTE de maneira consecutiva.
“De novo as empresas máis fortes e cos maiores beneficios volven atacar a clase traballadora, da peor maneira posíbel, que é quitándolles o traballo. E nos próximos días estas compañeiras e compañeiros vivirán unha proposta de saída laboral indigna na que a empresa intentará, tamén, rendabilizar os seus despedimentos”, critica a CIG-Servizos da Coruña.
Por iso, adiantan que a central sindical non vai tolerar este novo abuso e ataque as traballadoras e traballadores, “que xunto coas súas familias van sufrir este despedimento colectivo por antollo da empresa xestora COMAR, de pechar a sala de Bingo onde viñan desenvolvendo a súa vida profesional”.