Transi Fernández, reelixida secretaria nacional da CIG-Servizos polo VIII Congreso da federación
Transi Fernández foi reelixida como secretaria nacional da CIG-Servizos polo VIII Congreso da federación, que se celebrou este venres en Santiago baixo o lema 'Pola liberación e a dignidade da clase traballadora'. A súa candidatura, a única presentada, recibiu 139 votos a favor, 35 en branco e 2 nulos. No proceso tamén se renovou a Executiva -á que concorreron dúas candidaturas- e fixáronse as principais liñas de actuación para os vindeiros catro anos.
Integrantes da Executiva nacional da CIG-Servizos:
1. María do Tránsito Fernández Fernández.
2. Adolfo Naia Fernández.
3. Diana Rodríguez Regueira.
4. Xorxe Gesto Pan.
5. Cristina Martínez Padín.
6. Martín Caamaño Santamaría.
7. María José Alonso Rodríguez.
8. Xiana Melón Rodríguez.
9. Roberto Alonso Iglesias.
Para a Executiva presentáronse dúas candidaturas, unha encabezada por Transi Fernández e outra por Roberto Alonso Iglesias. A primeira logrou 152 votos a favor, mentres que a segunda sumou 23. Contabilizouse tamén un voto en branco. Ao Consello Confederal tamén concorreron dúas listas, unha que abría Transi Fernández (153 votos) e outra Pedro Pérez Caride (22 votos). Mentres que un voto foi nulo.
A encargada de pechar o acto tras as votacións foi a reelixida secretaria nacional, que agradeceu o apoio recibido tanto pola súa candidatura como pola nova Executiva, “conformada por compañeiros/as que veñen con moitas gañas de traballar”. Transi Fernández alertou do duro camiño que queda por diante, “porque a non derrogación das reformas laborais vai a seguir provocando a perda de dereitos”.
Tamén se referiu ao presumíbel aumento dos anos de cotización para o cálculo da pensión, o que na súa opinión vai a supoñer que haxa unha xeración enteira que non vaia ter cotizado o suficiente para ter acceso a unha prestación.
Alertou ademais do aumento da precariedade laboral, sobre todo entre a xente nova e especialmente nos sectores que engloba a federación de Servizos, boa parte deles cunha elevada porcentaxe de mulleres. Detrás desta crecente precarización situou as empresas multiservizos, así como o feito de que os sindicatos amarelos e os estatais CCOO e UGT asinen convenios de empresa con condicións inferiores aos sectoriais.
Ao mesmo tempo, cargou contra o Goberno de Feijóo na Xunta, “que non toma medidas que garantan o benestar da maioría social”, polo que chamou a cambiar esta situación “nas urnas”.
Neste contexto, lembrou que o VIII Congreso Confederal da CIG apostou pola convocatoria dunha folga xeral, “e o tempo está a darnos a razón, polo que non podemos agardar sentados/as a que nos deixen sen futuro”. Por iso chamou a levar ás empresas a necesidade de dar un paso máis na mobilización co obxectivo de rematar convocando unha folga xeral.
Organización, formación e información
Xa a nivel interno, salientou a necesidade de mellorar en aspectos como a organización, a formación e a información co obxectivo de afrontar do mellor xeito “a loita contra o capital nunhas circunstancias tan difíciles e cunha realidade laboral cada vez máis inestábel”.
Para o que considera imprescindíbel contar con cadros sindicais con maior preparación e cuxo compromiso político-ideolóxico e implicación sindical “estea fóra de toda dúbida” en todo o que ten que ver cos principios de clase e nacionalista da CIG. “O sindicato non é unha empresa, é unha organización ao servizo dos intereses da clase traballadora galega”.
Así, incidiu en que a loita contra o individualismo e a insolidariedade, a conquista de dereitos e a mellora das condicións de traballo e de vida non poden desvincularse da participación, das asembleas e da conflitividade laboral. “Esta debe de ser a nosa práctica sindical se queremos mudar o modelo económico e social; debemos de seguir encabezando esta conflitividade sendo referentes da clase traballadora ante as agresións que estamos a sufrir, ideando novas fórmulas de defensa e de ataque ante as agresións por parte da patronal e dos Gobernos español e galego”.
Finalmente, apelou a utilizar a negociación colectiva e os conflitos “como a nosa arma de traballo” para mudar esta situación “porque o día a día fainos ver que a mobilización é o único camiño” e que as melloras conseguidas “foron pola nosa loita”.
A secretaria de Organización chama a fortalecer o proxecto
A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, foi a encargada de intervir no Congreso en representación da Executiva Confederal. Méndez apostou por continuar dando pasos no fortalecemento da organización, para o que se fai imprescindíbel o compromiso militante de todas as persoas que integran a central sindical, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de afondar na cohesión interna.
“Unha vez dados os debates e tomadas as decisións sobre a liña a seguir, sobre a dirección que ten que levar o proxecto, todas/os remamos conxuntamente, con honestidade, con lealdade e coa vista posta nese obxectivo común, nesa meta, que non é outra que a defensa dos intereses da clase traballadora galega”. Porque, segundo expresou, só cunha organización forte, cunha central sindical cohesionada e turrando na mesma dirección, poderemos dar resposta a todos os brutais ataques que está a padecer a clase obreira.
“Un sindicato imprescindíbel para enfrontar a explotación e a precariedade, o individualismo e a resignación, o empobrecemento e o poder, sexa político ou económico, que pretende asoballar as maiorías sociais”. Neste senso, lembrou que é a CIG a que día a día “dá a cara” nas empresas e nos centros de traballo; “a que combate, a que formula propostas e alternativas, a que loita”.
Aumento da afiliación
No Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado por unanimidade, analízase a perda de dereitos que supuxo a aprobación das reformas laborais e a crise sanitaria provocada pola covid, “que sacou á luz todas as eivas que temos nos sectores de coidados, limpeza, alimentación, etc, todos eles esenciais, pero, curiosamente, os peores pagados”. Neste senso, faise especial fincapé nas condicións na que milleiros de persoas tiveron que desenvolver o seu traballo no sector dos coidados e nos servizos de axuda no fogar.
De igual xeito, saliéntase a “batalla sindical” levada a cabo no comercio de alimentación para dignificar as condicións de traballo dun sector “feminizado e precarizado” que viviu os seus peores momentos da etapa máis dura da pandemia. Outra fronte importante que centrou os esforzos da federación durante este período foi a loita contra a modificación substancial das condicións de traballo por parte de Inditex.
O documento recolle tamén o importante aumento da afiliación na maioría das comarcas do país, así como a consolidación como primeira forza no sector. Un sector que nos vindeiros anos enfrontará problemáticas como o peche de empresas como consecuencia da pandemia e a diminución do número de traballadores/as, sobre todo no momento que rematen os ERTE, o que en moitos casos impedirá poder convocar eleccións sindicais.
Paso adiante na acción sindical
No Relatorio de Negociación Colectiva e Acción Sindical, que recolle os principais obxectivos para os vindeiros catro anos, apóstase por dar un paso cara a adiante na acción sindical, iniciando campañas de loita naquelas empresas multiservizos con convenios propios que empeoran drasticamente as condicións sociolaborais da clase traballadora, “impoñendo soldos que rozan o salario mínimo coa complicidade dos sindicatos españois”.
Con todo, faise fincapé en que a acción sindical non debe utilizarse só como resposta ante os ataques (acción sindical defensiva), senón tamén como modelo para avanzar e para recuperar dereitos (acción sindical ofensiva).
En canto á negociación colectiva, márcase o obxectivo de deixar sen efecto as reformas laborais nos convenios, evitando a precarización que provocan e conquistando melloras a través do conflito. “Porque para conseguir unha negociación colectiva axeitada son básicas dúas cuestións: a presión dos traballadores/ase a situación económica da empresa ou do sector”.
Tamén se considera prioritario a loita por uns salarios dignos. “O salario mínimo actual de 950 euros mensuais queda moi lonxe do indicado pola Carta Social Europea; en Galiza ese salario debe chegar aos 1150 euros no ano 2021, polo que esta contía ten que ser a referencia para as categorías máis baixas dos convenios”.
Así como limitar a contratación a tempo parcial e introducir criterios para acceder aos postos de traballo a tempo completo. Outras cuestións relevantes teñen que ver co afondamento na formación laboral, no dereito de conciliación e na igualdade entre mulleres e homes.
Representantes da CIG-Servizos no Consello Confederal:
1. María do Tránsito Fernández Fernández.
2. Roberto Xermán PérezVila.
3. Beatriz Fernández González.
4. Martín Caamaño Santamaría.
5. Carme Antas Pérez.
6. Rubén Duruelo Cuerdo.
7. Xiana Melón Rodríguez.
8. Ana Barrio Carracedo.
9. Iván Veiga Pérez.
10. María José Alonso Rodríguez.
11. Pedro Pérez Caride.
12. Roberto Alonso Iglesias.