Transformacións no capitalismo da información
A precarización laboral é o outro lado da exoxenización da produción. A precarización é, en realidade, creada desde a anulación política da clase obreira e, por iso, corresponde a unha dinámica política. Así, a exoxenización da produción é tamén un resultado das políticas de austeridade que recortan o Estado e as políticas de des-sindicalización que destrúen a capacidade política dos traballadores
Resumo
A teoría económica moderna parte da categoría de “equilibrio xeral” como unha condición necesaria para a comprensión do funcionamento da economía. Porén, existen agora fenómenos económicos que son irredutíbeis ao equilibrio xeral. As corporacións da sociedade da información definen a súa estrutura de prezos por fóra de toda consideración do equilibrio xeral. Isto xerou dous fenómenos que son incompatíbeis coa teoría económica moderna: dunha banda, hai corporacións que endoxenizaron a demanda, é dicir, converteron os consumidores en vectores do seu propio modelo de negocios; e, doutra, exoxenizaron a oferta, é dicir, desprendéronse de todo proceso produtivo. Para facelo necesítanse condicións de posibilidade previas; esas condicións son políticas e teñen que ver coa desarticulación política dos traballadores, coas medidas de austeridade e co enfraquecemento do Estado, entre outras. Isto leva a que a estrutura social sobre a cal se definen os prezos na sociedade da información e por fóra do equilibrio xeral, sexa política, o que leva ao retorno da economía política.
O marco teórico do mainstream da economía moderna
O neoliberalismo transformou de maneira radical o concepto de “mercado”. De ser un espazo social destinado ao intercambio entre vendedores e compradores a partir dun sistema de prezos, o neoliberalismo transformouno nunha esfera de regulación social e validación de decisións políticas. Para o neoliberalismo o mercado non só permite o encontro entre oferta e demanda, senón que, ademais, ratifica a sociedade nas súas decisións políticas e a súa capacidade de regularse a si mesma.
A construción de institucións sociais que sempre se relacionaron coa lei, a xustiza e o costume, agora ceden o paso á racionalidade económica do mercado porque se asume que os criterios de eficiencia e a racionalidade soamente poden ser expresados e validados desde o mercado, por iso é polo que se afirma que todas as institucións sociais son económicas e que todo cambio histórico da humanidade, en realidade, se debería aos cambios nos prezos relativos.
Porén, a teoría económica clásica, é dicir, o pensamento que provén de Adam Smith, David Ricardo e Karl Marx, entre os máis importantes, sempre integrara o mercado na produción e, á súa vez, a produción no traballo e na división do traballo. Marx, pola súa parte, nunca asimilou a produción ao mercado senón que integrou o mercado como a esfera que realizaba o valor que, á súa vez, se xeraba na produción. O mercado, en tanto circulación do valor, nunca crea valor: realízao. A única excepción que Marx previu foi a do transporte de mercadorías.
Para que o mercado se transforme en algo máis que un espazo de compra e venda e se converta nun regulador de toda a sociedade, que inclúe ás súas decisións políticas, era necesario unha amputación teórica radical: separalo da produción. Este proceso realizouse a fins do século XIX e construíuse ao longo do século XX coa denominada teoría económica moderna.
Desta maneira, o eixo de toda a discusión económica sitúa o mercado como algo máis que un concepto económico, en realidade considérao como regulador social. A produción de mercadorías convértese nun asunto técnico e desprázase cara á administración de empresas e a microeconomía. Así, efectúase un proceso inverso ao da economía clásica: transfórmase á produción nunha determinación da circulación (o mercado).
O valor das mercadorías tería que ver, en efecto, co mercado como o locus desde o cal os consumidores asignan o valor a partir das súas decisións supostamente racionais, autónomas e libres nun contexto de libre concorrencia. Os consumidores achéganse á mercadoría e deciden adquirila en función dun concepto que ten unha forte compoñente metafísica: as preferencias reveladas. Eses seres humanos convertidos nunha determinación da mercadoría (un fenómeno que xa fora advertido por Marx na análise da alienación e no fetichismo da mercadoría), transfórmanse, para a teoría económica moderna, en homo economicus.
De todos os conceptos económicos elaborados no século XIX, quizais aquel de equilibrio económico sexa un dos máis importantes non só polas súas implicacións económicas senón mesmo polas súas consecuencias políticas e metafísicas. O equilibrio de mercado, para a economía moderna, implica unha utilización racional de recursos escasos e a máxima satisfacción tanto para os consumidores como para os produtores, o que conduce á sociedade a unha realización de si mesma. O equilibrio económico é ese punto metafísico onde coinciden a suposta utilidade do homo economicus e a rendibilidade dos empresarios e onde a sociedade tamén alcanza o máximo nivel de racionalidade posible cun sistema de prezos dado e a partir de recursos escasos. O equilibrio económico petrifica á historia e fai imposíbel pensar en calquera transformación social.
O concepto de equilibrio xeral foi formulado por Leon Walras a fins do século XIX. Constrúese metodoloxicamente o encontro entre dúas forzas case naturais (oferta e demanda) que, ao coincidir, se anulan mutuamente e deixan no seu punto máximo a función de utilidade para compradores e vendedores. Ese punto máximo, a teoría económica moderna, denomínao marxe.
Na oferta constan todos os bens e servizos realizados polos produtores cunha dotación inicial de factores (terra (ou natureza), traballo e capital (inclúe tecnoloxía e xestión), que buscan o máximo posíbel de rendibilidade para o seu investimento. Na demanda, en cambio, están os consumidores que, en tanto homo economicus, son plenamente racionais en canto aos seus gustos e preferencias, e que poden discriminar de forma racional aqueles bens e servizos que maximizan a súa utilidade coa restrición do ingreso dispoñíbel.
Para a oferta e a demanda, o prezo constitúe unha información que lles permite tomar decisións que se consideran racionais. Todas esas decisións que se toman de maneira libre, autónoma e soberana no mercado conducen, finalmente, ao equilibrio xeral de toda a sociedade.
O concepto de equilibrio de mercado, que Marx consideraba un concepto vulgar porque non permitía ningunha comprensión do capitalismo en tanto sistema económico, por suposto que cuestionou desde diferentes visións e marcos teóricos; porén, a construción do mainstream implica e supón a invisibilización dos seus críticos.
A noción de equilibrio xeral da economía é o punto central de todo o discurso económico do século XX e tamén do século XXI. Asúmese como unha posición de principio epistemolóxico sobre a cal descansa toda a analítica da economía moderna. Se este principio epistemolóxico cae, derrúbase todo o edificio conceptual construído sobre el. Por iso non hai cabida para ningunha forma de reinterpretar, criticar, cuestionar ou sequera poñer en cuestión a noción de equilibrio xeral.
Aínda que sumario, mais este é o marco xeral que subxace á teoría económica moderna e o seu enfoque de equilibrio xeral. Chámase equilibrio xeral porque nel coinciden, a saber, os tres mercados máis importantes: o mercado de traballo, o mercado de capitais e o mercado de bens e servizos. Toda posición que mova os prezos das súas posicións de equilibrio implica distorsións que non teñen nada que ver co mercado senón con forzas exóxenas a el, porque o mercado, suponse, chega de forma natural e espontánea ao equilibrio en función da súa capacidade de autorregulación. Neste enfoque da teoría económica moderna, quen pode desprazar a economía das súas posicións de equilibrio xeral é, habitualmente, o Estado.
Agora ben, non me quero sumar ás críticas do concepto de equilibrio xeral de mercado e, menos aínda á crítica ao marco epistemolóxico do neoliberalismo, que son múltiples, amplas e importantes senón, máis ben, poñelo noutra perspectiva e que ten que ver coa posibilidade de que a demanda de mercado poida ser endoxenizada polas empresas mentres que, ao mesmo tempo, estas empresas poidan exoxenizar a oferta, o que daría lugar á anulación práctica do equilibrio económico ou, en todo caso, a unha posición bastante afastada das prescricións teóricas do discurso actual da economía.
Noutros termos, hai un contexto no cal existen determinadas empresas con tal capacidade de dominar o mercado que poden coñecer case con exactitude a demanda, mentres que, ao mesmo tempo, deciden deixar de producir os bens e servizos que tradicionalmente comercializaban e, no entanto, manteñen unha posición de dominancia de mercado sobre eses bens que xa non producen directamente. Para estas empresas, a oferta e a demanda xa non son forzas cegas que levan ao equilibrio xeral senón máis ben determinacións do seu propio modelo de negocios. Estas definen e impoñen os seus prezos por fóra de toda consideración de equilibrio de mercado, competencia, racionalidade dos consumidores, preferencias reveladas, en fin.
Se isto é así entón o equilibrio xeral, definitivamente, adquire outra significación. Cal é esa nova significación? E como a oferta e a demanda pasan a converterse en determinacións de certo tipo de empresas? Que significa que estas empresas (ou, se se quere, corporacións) poidan endoxenizar a demanda e, ao mesmo tempo, exoxenizar a oferta? Se anulan o equilibrio que pasa coa economía de mercado?
A endoxenización da demanda e exoxenización da oferta
Son cuestións que teñen que ver co desenvolvemento do capitalismo e as consecuencias sobre os sistemas de regulación do capitalismo dos avances tecnolóxicos e da emerxencia da economía da información. Son avances cuxos contornos se perfilaron a partir da segunda década do século XXI e que dan conta de niveis de concentración e centralización do capital a niveis inéditos.
Nun grao determinado de concentración e centralización e, ao mesmo tempo, de desenvolvemento tecnolóxico e de especulación financeira, certas corporacións teñen a capacidade de anular os efectos aleatorios e a incerteza da oferta e a demanda, é dicir, do mercado. Para esas empresas, o mercado é outra cousa que aquela da descrición orixinal do século XIX e XX. É, agora, un espazo que elas controlan de maneira total e que forma parte das súas propias determinacións. De límite externo deveu en determinación interna.
Non se trata soamente dunha posición de monopolio ou de acordo colusorio do mercado senón de algo máis profundo, máis amplo e máis complexo. Trátase da forma pola cal un determinado grupo de corporacións deixan de producir bens e servizos e, ao mesmo tempo, se dedican a producir patróns de comportamento que implican administrar a demanda a vontade.
Este proceso que empeza coa sociedade da información, consolídase, amplíase e profùndase coa masificación do uso de redes sociais, o incremento das capacidades de conexión a internet, a irrupción da intelixencia artificial, o abaratamento e o fácil acceso dos dispositivos tecnolóxicos, entre eles os teléfonos intelixentes, entre outros, son os que agora permiten a conversión da subxectividade humana como unha determinación da corporación para administrar a demanda ao seu xeito.
Coido que as novas tecnoloxías están a lograr o que a primeira vista pode ser imposíbel: que as empresas poidan coñecer de tal forma o consumidor que poidan rexistralo, inscribilo e adecualo aos seus propios modelos de negocios como un vector do seu modelo de xestión. Desta maneira, a demanda, polo menos como a coñeciamos e como fora teorizada desde o século XIX, para estas corporacións, desaparece no seu formato orixinal. A demanda de mercado é agora, para elas, unha determinación que nace, se dispón, define e condiciona como un vector que foi previamente precisado e estruturado dentro dos seus propios modelos de negocios.
A este proceso de endoxenización da demanda de mercado súmase outro: estas corporacións despréndense da produción para se concentraren na administración das preferencias do consumidor. É dicir, a oferta exoxenízase da empresa. A produción, en tanto espazo para a creación de bens e servizos, sae da esfera da empresa. Así, estas corporacións deixan de preocuparse da produción e, máis ben, concéntranse na administración da demanda.
O desenvolvemento das tecnoloxías da información, coa expansión das redes sociais, co perfeccionamento e rápida propagación da intelixencia artificial, coas capacidades de conectividade cada vez máis exponenciais (as próximas redes 6G por exemplo), e co desenvolvemento de novas tecnoloxías, como é o caso da computación cuántica e os enlaces cuánticos, as biotecnoloxías e as nanotecnoloxías, entre outros, outorgan a certo grupo de corporacións capacidades tecnolóxicas que son inéditas e que as levan a alterar de forma importante a estrutura mesma da economía.
Agora poden facer algo que era imposíbel no século XX: individualizar a súa produción sen perder as súas economías de escala e chegar a tal coñecemento da demanda que poden xerar patróns de comportamento nos consumidores para os inscribir dentro dos seus propios modelos de xestión e de negocios.
Pero como o fan? De que forma lograron, dunha parte, deixar de producir e, doutra, incidir sobre a subxectividade dos consumidores para administrala á súa conveniencia? E que consecuencias ten isto para a teoría económica? Ou máis ben, que tipo de teoría económica debería ocuparse destes fenómenos? Isto lévanos a unha cuestión importante: Cara a onde vai o capitalismo?
O mercado como espazo de incerteza: a regulación no capitalismo
Unha empresa enfróntase sempre a unha contorna de indeterminación e incerteza con respecto ao mercado. Mentres que para a empresa a produción non garda ningún misterio e pode planificar ao detalle todos os procesos produtivos, en cambio o mercado preséntaselle cun enorme signo de interrogación.
É por iso polo que as empresas investiron tanto no coñecemento, predición e comprensión das tendencias do mercado. É por iso tamén polo que se desenvolveron campos analíticos como a neuro-economía e a economía do comportamento, porque as empresas buscan intuír da maneira máis certa a forma pola cal se comportarán os mercados para poder reducir a incerteza, os gastos asociados a ela e, polo tanto, incrementar a súa rendibilidade.
Unha das formas arcaicas que teñen as empresas para domear os mercados é a partir do seu control directo, sexa pola vía dos monopolios ou os monopsonios, ou pola vía dos acordos colusorios de mercado. Pero son controis exóxenos ao mercado. Son, en realidade, distorsións do mercado e, por tanto, do equilibrio xeral. É por iso polo que os textos de economía analizan de forma particular a formación de prezos dos monopolios porque supoñen alteracións ao equilibrio de mercado.
Que pasaría se unha empresa pode reducir case a cero a incerteza do mercado sen distorsionalo? Nese caso a empresa enfróntase a un horizonte de certezas cara ao cal pode converxer a súa produción. Sabe exactamente que é o que ten que producir e para quen é esa produción. Foi esa transformación a que provocou o denominado “toyotismo” da produción xusto a tempo nos anos setenta do século pasado.
Pero o toyotismo non alterou a incerteza do mercado, simplemente a adecuou ás necesidades das empresas. No canto da produción en masa do fordismo, o toyotismo axustouse ás exixencias da demanda. Desde a demanda nacían os sinais que se replicaban cara a toda a empresa. A demanda de mercado, en todo caso, sempre era un factor exóxeno á empresa.
Agora ben, este modelo do toyotismo empeza a transformarse na sociedade da información. As novas empresas endoxenizan a demanda e, case ao mesmo tempo, exoxenizan a produción. Que quere dicir isto? Que as empresas van un paso máis aló do toyotismo. Agora poden coñecer exactamente o consumidor. E non se trata dun coñecemento nin marxinal nin casual, senón amplo, rigoroso e exhaustivo e a tal extremo que, mesmo, chegan a coñecelo máis aló do que o propio consumidor se pode coñecer a si mesmo.
Para estas corporacións da sociedade da información, os consumidores xa non representan ningún misterio. Estas corporacións saben que senten, que necesitan, que lles gusta, que non lles gusta, como distribúen o seu tempo, cales son as súas filias, cales son as súas paranoias, cales son os seus excesos, cales son as súas debilidades, etc.
Estas corporacións teñen a posibilidade de desenvolver unha especie de mapa cognitivo, afectivo, fisiolóxico e intelectual de todos e cada un dos seus consumidores reais e potenciais. Con ese mapa non só que poden situar o seu modelo de negocios senón tamén poden xerar sinais imperceptíbeis sobre os patróns de conduta e interferir sobre eles. Isto pon a estas corporacións noutro nivel: da incerteza do mercado agora deben resolver o desafío de como interferir nos patróns de comportamento do consumidor e transformalos en vectores do seu modelo de negocios.
Desta forma, a empresa endoxeniza o consumidor. Transfórmao nunha determinación da propia empresa. Se a empresa ten éxito pode crear unha especie de reflexo condicionado ou patróns de conduta condicionados que foron deseñados desde a empresa.
Entón, o desafío xa non consiste tanto en producir algo senón en endoxenizar o consumidor dentro da empresa e para iso necesítase de información. En efecto, a endoxenización do consumidor non pode facerse sen que o consumidor transfira ás empresas todos os seus datos persoais, os seus gustos, as súas preferencias, as súas dinámicas máis vitais, os datos da súa saúde e fisioloxía, as súas dúbidas máis existenciais e os seus proxectos de vida, de maneira libre, voluntaria, sistemática, cotiá e, ademais, gratuíta. É exactamente iso o que fan as redes sociais e as aplicacións de internet. Son, literalmente, redes lanzadas cara á subxectividade das persoas que, ao caeren nelas, poñen nestas toda a súa vida e, por riba, fano todo o tempo e de balde.
As corporacións teñen información do número de pasos que deu unha persoa nun día determinado. Dos circuítos urbanos ou rurais que percorreu. Das compras que fixo. Da súa presión arterial e pulso cardíaco. Dos seus indicadores máis importantes da súa saúde. Das súas preferencias cotiás. Do seu círculo social. Das súas opinións políticas. Da súa forma de conducir un coche. En fin.
Nese contexto, para estas corporacións a produción, de forma paradoxal, convértese case nun atranco porque lle subtrae recursos do seu obxectivo máis importante que é a endoxenización do consumidor. Trátase dun proceso que leva o fetichismo da mercadoría a un nivel máis alto e que coloniza a subxectividade do consumidor de tal maneira que o consumidor se converte nunha determinación da empresa sen que teña a máis mínima idea diso.
A empresa xa non só produce un ben ou un servizo, senón que tamén produce ao consumidor dese ben e dese servizo. Estas corporacións pódeno facer porque coñecen os patróns de comportamento e preferencias dos consumidores, non como un dato xeral e que foi extrapolado doutras variábeis, senón como un dato real e que ten que ver coa propia información que o consumidor colocou nas súas redes sociais.
Pero o volume de información é tan grande e as posibilidades de integralas de maneira consistente é tan ampla que se necesitan recursos tecnolóxicos xigantescos para facelo. É nesa dinámica en que se xera a intelixencia artificial, como un algoritmo que teña capacidades heurísticas e probabilísticas para poder xestionar a información que os consumidores diariamente expoñen nas redes sociais.
Voume valer dun exemplo, como un marco heurístico, do que quero dicir. No século XXI existe, sobre todo nas sociedades capitalistas máis avanzadas, unha especie de culto ao corpo e á imaxe. O filósofo francés Michel Foucault denominábaas as tecnoloxías do eu e teñen que ver coas derivas biopolíticas do neoliberalismo. Agora ben, isto levan a que prácticas relativamente estrañas agora formen parte da cotidianidade de millóns de persoas en todo o mundo e sen as cales non se senten conformes consigo mesmas e que xeraron importantes modelos de negocios e industrias. Unha desas prácticas estrañas ten que ver cos ximnasios e o traballo sobre o corpo. Existen, en efecto, moitas industrias detrás dese culto ao corpo (farmacéuticas, roupa deportiva, aplicacións, etc.). Mais de todas elas, querería determe nas corporacións de roupa deportiva como Nike, Puma ou Adidas, entre outras.
Cada unha delas, logrou influír sobre a subxectividade de millóns de persoas que se converteron en usuarios permanentes de eventos deportivos e que adquiren unha serie de gadgets, roupa deportiva e uso de aplicacións que lles obrigan a cambiar as súas rutinas diarias de vida. Este comportamento das persoas, aparentemente autónomo, en realidade intégrase nas necesidades das corporacións cando elas saben exactamente o que pensan e senten estas persoas e motívanos a que adopten certos comportamentos, entre eles, o uso do ximnasio (fitness) e as súas rutinas (ou o jogging).
Estas corporacións, que exoxenizaron a produción (actualmente ningunha delas fabrica roupa deportiva, nin zapatos deportivos nin nada en concreto en realidade), agora concéntranse nas condutas das persoas. Así, experimentaron un proceso de alteración que ten que ver coas mutacións do capitalismo: primeiro transformáronse en corporacións dominantes grazas á súa economía de escala; logo trasladaron a súa produción cara a subcontratistas grazas á delocalización en zonas especiais de desenvolvemento económico, o que as obrigou a concentrarse na xestión da marca; e, finalmente, vincularon a marca con patróns de comportamento do consumidor para administrar a demanda.
Desta forma, a marca da corporación é só unha interface para a intervención directa sobre a conduta. Trátase de influír sobre a conduta para provocala a que asuma hábitos e costumes que, noutras circunstancias, serían imposíbeis. Así, logran mobilizar millóns de persoas todo o tempo a través de eventos deportivos, maratóns, ou xornadas extenuantes cos pretextos máis variados pero que xeran fenómenos sociais que foron creados expresamente desde estas corporacións.
Moitas persoas se cadra nalgún momento de epifanía retornen a ver o ambiente do ximnasio, do fitness ou do jogging e se pregunten “que fago aquí?”, ou “por que estou a facer isto?”. É soamente un lóstrego de lucidez que alumea o absurdo da súa situación. Non están aí motu proprio. Están aí porque foron condicionados. Porque a súa propia subxectividade deixou de lles pertencer. Mais non o saben. Esfórzanse no ximnasio até máis aló do posíbel e padecen todo o día ese cansazo que os obriga a tomar suplementos e drogas para se manteren sempre nesa forma; así, estabelecen os seus propios horarios de vida para lle roubar tempo ao descanso ou ao lecer, e pasar no ximnasio ou no jogging ou en algo parecido, soamente polo culto ao corpo: biopolítica pura. Todo iso revela unha colonización da subxectividade que vai máis aló da alienación que describía Marx.
Como unha corporación, como Nike por exemplo, pasou da produción de artigos deportivos á xestión da marca, e de aí á formación e administración de condutas? Quizais porque teñen á súa disposición algo que non existía no século XIX cando se conformou a teoría dos mercados e do equilibrio xeral. Agora teñen información real e permanente de todos e cada un dos consumidores. E trátase dun insumo abundante, xigantesco e que cada día medra máis e que para estas corporacións ten un custo marxinal nulo, é dicir, é case gratuíto. Trátase dunha mina de proporcións colosais que necesita de empresas de minaría desa información. O principal extractivismo do século XXI non é do petróleo, nin do ouro, nin de ningún commodity. O principal extractivismo é a minaría de datos. É o extractivismo sobre a subxectividade de todos e cada un de nós.
Desta forma, para estas corporacións o mercado quere dicir outra cousa que aquilo que define a teoría económica tradicional. Esta vez, o mercado non ten nada que ver entre o encontro do consumidor coa súa oferta. Agora, é o espazo no cal se produce a disputa sobre a conciencia do humano e a colonización da subxectividade persoal. Os consumidores deixan de ser impredicíbeis. Convértense en vectores. Mais a súa dirección, en tanto vectores, non depende deles, senón daquela que foi impregnada desde estas corporacións.
Volvamos ao caso dunha delas. Nike por exemplo. Hai xa varias décadas que Nike deixou de producir e empezou a descargar sobre os seus subcontratistas as responsabilidades da produción de roupa, zapatos e accesorios deportivos. O proceso previo foi a liberalización comercial que empezou no ano 1979 en China coas Zonas Especiais de Desenvolvemento Económico. As empresas, cando comprenderon que esas Zonas de Desenvolvemento Económico, que empezaron a proliferar en todo o sueste asiático lles permitían reducir os seus custos laborais, decidiron relocalizar e deslocalizar as súas liñas de produción. Nike é unha delas. Pero Nike entendeu rapidamente que non só podía relocalizar a súa produción senón tamén exoxenizala, é dicir, trasladar cara a terceiros todas as súas liñas de negocios relacionadas coa produción. Agora Nike, stricto sensu, non produce ningún ben. Todos eles foron transferidos cara a empresas subcontratistas. Moitas delas están nesas zonas especiais de desenvolvemento económico do sueste asiático aínda que se replicaron por todo o mundo.
Deste xeito, moitas empresas pasaron da relocalización e deslocalización ao outsourcing. Así por exemplo, Apple transferiu a Foxconn, unha empresa de Taiwán, a fabricación de todos os seus produtos.
Mais as empresas poden exoxenizar a produción e asegurar a propiedade intelectual da súa marca grazas aos dereitos de propiedade intelectual e os seus instrumentos xurídicos internacionais que foron avalados e recoñecidos polos Estados a través dos acordos internacionais de investimento; o recoñecemento aos tribunais internacionais de xustiza para controversias relacionadas cos investimentos, e grazas tamén a que os Estados consideran o investimento estranxeiro directo a capacidade de determinación da tecnoloxía, a innovación e o emprego nas súas propias economías.
Na exoxenización da produción en primeira instancia a corporación queda coa marca, de aí a importancia do dereito á propiedade intelectual e os tribunais de conciliación e arbitraxe para diferenzas relativas a investimentos. Son, de feito, os seus subcontratistas os que finalmente producen todo o que estas corporacións negocian. Pero eses subcontratistas, á súa vez, teñen á súa disposición unha forza de traballo abundante, barata e que, grazas ás zonas especiais de desenvolvemento económico, non ten capacidade política de interferir na produción porque teñen prohibida toda forma de sindicalización. Prodúcese así unha situación paradoxal: os traballadores crecen a escala global pero, como clase obreira, practicamente están anulados. Politicamente os obreiros son irrelevantes.
É unha forza de traballo precarizada a nivel global. A precarización laboral é o outro lado da exoxenización da produción. A precarización é, en realidade, creada desde a anulación política da clase obreira e, por iso, corresponde a unha dinámica política. Porén, para que a precarización se converta nun vector clave da produción globalizada é necesario evitar que o Estado interveña sobre a sociedade, sobre todo a través da regulación, control e política social. Ao mesmo tempo é necesario que os dereitos dos traballadores se anulen politicamente. O Estado debe minguar. Así, a exoxenización da produción é tamén un resultado das políticas de austeridade que recortan o Estado e as políticas de des-sindicalización que destrúen a capacidade política dos traballadores.
Nese contexto, as referencias teóricas da economía quedaron no século XX. O equilibrio xeral non é nin funcional nin metodoloxicamente pertinente para comprender ás corporacións do século XXI, sobre todo a aquelas que manexan, controlan e administran a demanda e a oferta.
O prezo: un espazo de disputas políticas
Estes procesos de endoxenización da demanda e exoxenización da oferta provocan unha cuestión: que significación teñen para o equilibrio económico? Se o equilibrio económico, supostamente, é o locus desde o cal se estruturan e definen os sistemas de prezos globais, pero si xa non existen como forzas case naturais nin a oferta nin a demanda, entón, como se forman os prezos en contextos de endoxenización da demanda e exoxenización da oferta? Por exemplo, por que a subscrición ao Chat GPT de OpenAI ou Midjourney ten ese prezo e non outro? De onde e como se estruturou ese prezo? Que teñen que ver eses prezos coa demanda, coas preferencias reveladas do consumidor, co equilibrio xeral, cos custos marxinais de produción? O mesmo se pode dicir dun amplo conxunto de aplicacións de internet e os seus prezos.
Se neses prezos non existe a lóxica do equilibrio entre oferta e demanda, porque parten dun prezo que é inelástico e que foi imposto por fóra de calquera punto de encontro entre oferta e demanda e, por tanto, sen relación ningunha coa competencia de mercado, entón como se definen? que significación teñen para o capitalismo? que camiños abren para os procesos globais de acumulación de capital? como se estruturan eses prezos?
Isto lévanos a unha constatación: os prezos das corporacións da sociedade da información estrutúranse, estabelécense, defínense e impóñense por fóra da racionalidade económica e sen relación ningunha co cálculo económico; porque se formularon desde outras determinacións que non teñen relación coa economía, polo menos con aquela economía que describen e analizan os libros de texto e o discurso oficial da economía moderna.
Os prezos que se orixinan desde estas corporacións da sociedade da información nada teñen que ver coa racionalidade económica do século XX. Eses prezos expresan procesos relativamente novos como son a endoxenización da demanda e a exoxenización da oferta.
Se eses prezos non nacen desde a economía, porque non teñen relación ningunha co equilibrio económico, nin as preferencias reveladas do consumidor, entre outras, entón como se definen? cal é a súa estrutura máis fundamental? E unha intuición chave é que os procesos máis fundamentais que definen eses prezos en realidade obedecen a fenómenos políticos e globais. Eses prezos, a longo prazo e esencialmente son políticos. Dependen de circunstancias e procesos políticos concretos e historicamente determinados.
Para que os cidadáns poñan a súa información persoal nas redes necesítase da desregulación ás corporacións que administran esta información e esas redes. Para que estas empresas poidan realizar minaría de datos (machine learning, big data, data science, etc.), tamén se necesita de desregulación e de asimetrías entre o poder dos cidadáns e aquel das corporacións. Que poder regulador controla o uso de datos, por exemplo, de Google? Que estrutura legal regula o feito que OpenAI use a toda a humanidade literalmente como coelliño de Indias para os seus programas de intelixencia artificial? Que instancias de control ético e moral poden regular e controlar o uso da información que utiliza Alexa?
Para que as corporacións poidan recadar datos globais e administralos necesitan da complicidade dos Estados, os sistemas xurídicos e os sistemas políticos a escala global. Para que se poida exoxenizar a oferta necesítase precarizar o traballo e, para que isto ocorra, necesítase deconstruír e derrotar politicamente a clase obreira e iso, por definición, é unha tarefa política. Para protexer os dereitos de propiedade intelectual das marcas necesítase que os Estados realicen converxencias normativas cara ás prescricións feitas por estas corporacións nos tratados de libre comercio ou acordos internacionais de investimento que son instancias, de feito, políticas e nas cales non participa a sociedade.
En definitiva, a endoxenización da demanda e a exoxenización da oferta teñen substratos políticos e, evidentemente, globais. É desde esa trama de circunstancias políticas desde onde se crean as condicións de posibilidade para que estas corporacións poidan definir os seus prezos prescindindo do mercado e dos equilibrios de mercado e de toda a racionalidade económica do século XX. Desta maneira, entramos nunha etapa na que os prezos deixan de ser económicos para se converter en determinacións políticas. Os usuarios ou consumidores nada poden facer contra este sistema de prezos que agora se converte nunha xigantesca aspiradora de rendas.
A principal significación do equilibrio económico en circunstancias nas que a demanda se endoxenizou e a oferta se exoxenizou é que, esta vez, os prezos adquiren unha consistencia fundamentalmente política e o equilibrio xeral da economía se transforma nunha categoría política de desequilibrio xeral entre cidadáns e corporacións. A maior desequilibrio maiores rendas para estas corporacións. Un desequilibrio que se mantén, consolida e expande grazas ao poder político destas corporacións e á debilidade dos Estados, da democracia e da clase obreira.
Se isto é así, entón a trama que sostén estes prezos se confunde, imbrica e xustapón aos procesos produtivos que aínda conservan a trama que os define desde o século XIX. Nesa mestura, o capitalismo contamina todos os procesos produtivos e lévaos, de grao ou por forza, a esa lóxica na que os prezos se definen desde a política. Son prezos que deben dar conta das circunstancias políticas que contribúen a conformalos, sostelos e consolidalos, é dicir, a política como relacións de poder, como espazos de loitas, resistencias, violencia e imposicións. É o retorno da economía política.
Endoxenizar a demanda e exoxenizar a oferta implica administrar politicamente os prezos e iso supón administrar politicamente a sociedade. A loita política que se supón inscribíase nas coordenadas do sistema político, en realidade defínese antes: na economía política. Trátase, por tanto, dun amplo proceso político que lles permite ás corporacións asegurar e controlar as condicións políticas desde as cales se estruturan estes prezos como vectores políticos.
Quizais sexa por iso que un espazo ad hoc e continxente como o Foro de Davos, finalmente, sexa máis importante e transcendente que calquera Asemblea de Nacións Unidas. Porque no Foro de Davos se trazan as coordenadas políticas (e, sobre todo, xeopolíticas) sobre as cales van actuar as corporacións da sociedade da información e se definen as coordenadas desas loitas políticas.
Isto pon noutro nivel a loita polas reivindicacións sociais. Se os prezos agora constan na esfera da política, entón será a política quen impoña os seus límites e trace as súas posibilidades. Pero para iso é necesario que os traballadores poidan abrir a política para a discusión da economía da información. Para o faceren, os traballadores necesitan capacidade política que, lamentabelmente, por agora non teñen. Quizais ese sexa un dos retos do futuro e da nova esquerda.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 2 de agosto de 2023]