Tragsa pon en marcha os primeiros procesos de selección para substituír persoal fixo que foi despedido por eventual

Traballadores/as da empresa concéntranse novamente diante do Parlamento contra o ERE e en demanda da readmisión dos despedidos
Compostela - 03 Feb 2016
Traballadores/as de TRAGSA concentrábanse novamente diante do Parlamento de Galiza, este mércores, para manifestar a súa oposición ao ERE polo que xa foron despedidos 76 compañeiros e compañeiras e demandar a súa readmisión. A mobilización coincidiu cunha nova xornada de folga na que, ademais, denunciaron que a empresa xa comezou a substituír a traballadores fixos por outros eventuais.

En 2013 TRAGSA puxo en marcha un ERE, argüíndo causas económicas e organizativas, que contemplaba un total de 1.336 despedimentos dos que 103 estaban previstos en Galiza. O persoal recorreu á Audiencia Nacional, que o declarou nulo en abril de 2014 condenando á empresa á readmisión de todos/as os/as depedidos/as e a empresa recorreu, á súa vez ao Supremo, que entendeu, porén, que si se axustaba a dereito.

Antonio Ferreño, representante da CIG e secretario do comité de TRAGSA en Galiza, explica que, malia a sentenza ditada polo alto Tribunal “a nosa opinión é que para dimensionar o cadro de persoal utilizouse como base o ano 2009, que foi excepcionalmente bo en produción e de moito investimento público”. Entende que ao se utilizar como baremo “as ratios para cada grupo de persoal dese ano e aplicarllo ao resto de anos saía que temos moitos excedentes”. En todo caso afirma que “de non se imputar os 8 millóns de euros das indemnizacións do persoal despedido a empresa xeraría beneficios en 2015”.

O representante da CIG asegura que, aínda así, non concorrían nin a causa económica -que só concorreu dous anos- porque as reservas de capital da empresa están por riba de 200 millóns de euros que “permitirían asumir perfectamente eses dous anos de perdas”, nin a causa organizativa.

Ferreño considera que, sendo tan poucos os casos nos que o Supremo desautoriza á Audiencia Nacional, se buscou unha empresa como Tragsa para “pagar o pato” de todas as empresas públicas. “Esta sentenza xera xurisprudencia e se o fas en Navantia ou en Correos a repercusión mediática e a forza social que teñen non é aplicábel a nós. Por iso utilizouse esta empresa, para deixar o precedente sentado. Unha empresa que eles entendían  que non ía ser tan conflitiva a nivel social”.

Precarización

CIG-Construción denuncia ademais que detrás deste ERE o que se perseguía era destruír emprego estábel, precarizar as condicións laborais e iniciar un proceso de contratación de persoal eventual en precario.

E tal como temían, así se está constatando porque Tragsa e Tragsatec “están facendo procesos de selección de certos postos de persoal eventual, con ofertas que están saíndo en Asturias, Cantabria, Extremadura”… Procesos de selección que prevían porque algunhas seccións quedaron tan minguadas de persoal que non son operativas. A modo de exemplo, Antonio ferreño sinala que “na xerencia de Coruña, en Administración, había 6 persoas e agora só quedan 3. Agora vaise contratar unha cuarta persoa e aínda así parte do traballo terase que repartir entre o persoal técnico ou terá que derivarse a outro sitio porque se antes 6 non podían agora con 3 é imposíbel”.

Tragsa é unha empresa 100% pública. A SEPI ten o 51% e o resto repartido entre as distintas comunidades autónomas. Por iso demandan que a Xunta medie. A semana pasada mantiveron unha xuntanza co Secretario territorial que, segundo Ferreño “non aclarou nada, nin explicou o feito diferencial en Galiza –onde se despediu porcentualmente a máis persoal que no resto do Estado-, nin as posíbeis medidas a adoptar.

Agora están pendentes de ser convocados pola Secretaría de Emprego a un acto de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais. Tamén están intentando que a consellaría de Medio Rural sente a falar deste tema, sendo como é unha das principais clientes da empresa. “A disposición que nos manifesta é boa, polo menos a recibir o comité de empresa, pero seguen insistindo que máis alá de facer preguntas á empresa sobre como van facer fronte a unha emerxencia, porque se agora aparece unha emerxencia TRAGSA non ten capacidade operativa como tiña antes deste proceso, ou presentar algunha proposta non poden facer nada”.