Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras!

Camiñando para encher as rúas o Primeiro de Maio
na - 04 Abr 2025

Este Primeiro de Maio as traballadoras e traballadores galegos temos que tomar as rúas nunha xornada de denuncia e de loita contra as guerras imperialistas e a militarización da sociedade; contra a UE do capital e da extrema dereita e pola defensa dos servizos públicos, os dereitos laborais e un proxecto soberano para Galiza.

Vivimos nun momento de profunda crise global, marcada pola ofensiva do capitalismo neoliberal que pretende reforzar as súas estruturas de dominación de clase e opresión colonial sobre os pobos e nacións. 

A CIG chama a encher as rúas o vindeiro 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora

Neste escenario, o gasto militar e a guerra convértense en ferramentas do imperialismo -liderado polos Estados Unidos- para soster un sistema baseado na explotación. A chegada dunha nova administración estadounidense anuncia unha agresión aínda máis violenta, ampliando as súas políticas belicistas e de control xeopolítico. A este reforzo do papel imperial responden as ordes de aumento do gasto militar dos estados integrados na OTAN.

Unión Europea: submisión e crise

A Unión Europea amosa a súa submisión aos intereses dos EUA, mentres a extrema dereita medra no seu seo, consolidando un proxecto reaccionario que prioriza os gastos militares sobre os dereitos sociais. Esta deriva non só afonda na deslexitimación da UE no contexto global, senón que acelera a súa propia descomposición interna, ao tempo que segue negando a soberanía dos pobos e nacións que a integran.

Estado español: obediencia e militarización

O Goberno español aliñouse sen reparos con este deseño imperialista e ten lanzado unha descomunal campaña de propaganda, recorrendo ao medo, para convencer a poboación da necesidade de incrementar as partidas destinadas a armamento, cando xa supera o 2% do PIB en gasto militar, priorizando así orzamentos bélicos sobre as necesidades sociais.

O Estado Español acepta plans de axuste que recortan o gasto público e camiñan cara á privatización dos servizos básicos en materias como a sanidade, a educación ou a vivenda. Políticas que precarizan as condicións de vida da clase traballadora con reformas que teñen como obxectivo rebaixar salarios e flexibilizar os dereitos das traballadoras e traballadores.

Galiza: suicidio imposto polo PP

Neste contexto, as políticas do PP e do Goberno galego son fatais para a nosa sociedade, provocando un aumento da pobreza e da desigualdade, ao tempo que se desmantelan os servizos públicos.

Mentres avanza a desertización industrial e social en comarcas enteiras, abandonadas polas administracións, o Partido Popular mantén a súa carreira desenfreada pola depredación dos nosos recursos naturais con proxectos como o de Altri. E todo isto ocorre avalado por un diálogo social fraudulento, usado como cortina de fume para impor todas estas medidas antisociais.

Son urxentes unhas novas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación, no respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións para a construción dun mundo necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz.

Por iso, este Primeiro de Maio, máis que nunca, saiamos ás rúas a clamar por “Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras”.