Traballadores/as do transporte de residuos de SOGAMA denuncian polas rúas de Ordes as súas condicións laborais
Durante o seu percorrido foron informando ás veciñas e veciños de Ordes da situación de abondo que padecen e do incumprimento dos compromiso por parte da empresa, Pacholo, S.L, SOGAMA e o propio presidente da Xunta.
Lembraron que hai uns meses xa tiveran que mobilizarse para manter os postos de traballo, cando se produciu o cambio da empresa tras perder Transportes Pellejero a concesión do servizo de transporte. “Daquela fixemos concentracións, convocamos unha folga, fomos ao Parlamento e conseguimos manter a maioría dos postos de traballo”, sinalaron.
Xunto a isto lembraron que aceptaron perder parte do seu salario a cambio do compromiso, tanto da administración como da empresa, de que terían boas condicións de traballo e uns horarios fixos.
Malia isto, denunciaron que lonxe de se cumprir este compromiso, a realidade foi que desde que Transportes Pacholo entrou a facerse cargo do transporte de residuos de Sogama as súas condicións de traballo non fixeron máis que empeorar. “Practicamente é imposible saber cantas horas traballamos co que non podemos organizar a nosa vida. Temos que estra permanentemente pendentes do traballo, día e noite, domingos e festivos. Non existe un cuadrante onde coñecer como mínimo os días de traballo”.
Incumprimentos en materia de saúde laboral
Canto á saúde laboral, denuncian que “traballando con lixo e á intemperie, estamos sen roupas de traballo, sen luces de seguridade, sen luvas para traballar con electricidade”. Ademais advirten de que isto non é só un risco para eles e elas se non tamén un risco na estrada para calquera persoa que se cruce cun camión de SOGAMA que vai, moitas veces, pasado de peso, cunhas plataformas que en moitos casos non se corresponden co tamaño dos contenedores e que se van movendo no transporte, que verten líquidos que poden ser tóxicos ou contaminantes.
Aseguran que informaron de todo isto á empresa e que a súa resposta foi que “agora en represalia, temos 11 traballadores/as sancionados”. Denuncian tamén que Sogama non contesta as súas solicitudes de reunión para explicarlle unha situación que entenden que lles debería preocupar porque é deles de quen depende o transporte de residuos. “A Xunta e o Presidente Feijóo miran para outro lado deixando tiradas a máis de 60 familias que se creron os seus compromisos hai catro meses”. Por iso anuncian que mentres non se solucione esta situación “seguiremos na rúa”.