Traballadores/as do transporte de residuos de SOGAMA concéntranse diante da empresa en demanda de traballo digno
O persoal da empresa de transporte de residuos de Sogama vén mobilizándose desde que esta nova concesionaria modificou as súas condicións de traballo no relativo a horarios, fundamentalmente, mais tamén a medidas de seguridade.
E xa antes tivera que mobilizarse para manter os postos de traballo, cando a anterior empresa de transporte de residuos, Transportes Pellejero, perdeu a concesión. Daquela conseguiron manter practicamente todos os empregos a cambio dunha rebaixa salarial que, segundo a nova concesionaria, Pacholo, sería compensada cunhas mellores condicións horarias que foron incumpridas aos tres días de comezar a operar.
De feito, as traballadoras e traballadores non coñecen con anterioridade suficiente as quendas de traballo e teñen a obriga de estar dispoñíbeis para atender as necesidades da empresa día e noite, domingos e festivos, sen poder así organizar a súa vida.
Con todo, o que máis lles preocupan son os problemas derivados da falta de medios en materia de saúde laboral. Denuncian que traballan con lixo, á intemperie, sen roupas de traballo, sen luces de seguridade ou sen luvas axeitadas e que van en camións moitas veces pasados de peso, con plataformas que non se corresponden co tamaño dos contenedores, o que incrementa a inestabilidade dos vehículos que, ademais, van vertendo líquidos que poden ser tóxicos ou contaminantes.
A resposta de Pacholo ante as súas protestas foi sancionar a 11 traballadores/as e a de Sogama, ningunha. Porén entenden que esta empresa pública de tratamento de residuos ten que intervir, xa que é a responsábel da concesión, ao igual que a propia Xunta de Galiza. Por iso aseguran que continuarán coas mobilizacións até seren escoitados/as.